S. PÉREZ
Coa historia de Martín Varela (Ferrol, 1996), a crenza de que a mellor elección sempre será aquela pola que sintas paixón adquire todo o sentido. El di que grazas á liberdade que tivo á hora de escoller o que estudar, a súa etapa na universidade converteuse en algo así como un templo onde aprender era case un xogo.
—Tiñas clara a aposta pola Historia da Arte?
—A miña decisión foi no último momento. Non tiven a materia de Historia da Arte ata segundo de bacharelato, e aí descubrín un mundo que me encantaba. Eu sabía que algo de humanidades ía ser, pero tiven dúbidas. Tomei a decisión baseándome no que máis me gustaba, non pensando no que ía traballar despois. Con perspectiva, iso é o que me parece máis valioso. Afortunadamente, non me vin forzado máis alá da miña propia liberdade. Que case fose un xogo aprender. Foi imprescindible o apoio na casa e a motivación do profesorado.
—Remataches traballando no mundo da cultura logo de estudar Historia da Arte.
—O meu perfil é bastante raro. Dende pequeno levo dedicándome ao mundo da maxia. De forma paralela aos estudos regrados fun desenvolvendo o meu propio camiño dentro da maxia. Antes de rematar a carreira empecei a colaborar coa compañía Thinking Up Events, e no ano 2018 organizamos o festival de maxia de Ferrol. Fun moi afortunado, pois ao rematar de estudar xa comecei a traballar con eles como xestor cultural. De xeito paralelo, fun facer un mestrado de xestión cultural a Madrid.
—Un día de traballo normal como é?
—Non hai días normais, de rutina. A min é unha das cousas que máis me gustan deste traballo. Cada proxecto que facemos é diferente. Traballo no festival de ilusionismo e combino unha parte de xestión e de dirección artística coa parte operativa de produción. O mundo das artes escénicas é multidisciplinar. Por exemplo, dependendo dun caso ou doutro, podo seleccionar os artistas, deseñar a programación ou establecer obxectivos. Cando organizamos o concerto no Monte do Gozo de Alejandro Sanz centreime na xestión operativa, no campo da produción e organización do traballo. Sempre con esa sensibilidade do mundo cultural.
—O horario é sempre o mesmo?
—Si, sempre é o mesmo horario. Cando a carga de traballo é maior, compensámolo despois dalgún xeito. Teño bastante liberdade, algo que eu persoalmente agradezo.
—É o teu posto soñado?
—Non sei cando me cansarei, chegará un momento no que a enerxía se me esgote. Agora mesmo este posto adáptase ás miñas inquedanzas, son unha persoa que intenta vivir de forma creativa profesionalmente. Non ter unha orde fixa do traballo motívame a pensar dun xeito diferente.
—A inserción laboral…
—É un problema. Parte dos meus compañeiros de carreira están no mundo da investigación, dos museos e outros non están vinculados á historia. O que si que é certo e que non atopo xente que se arrepinta de estudar esta carreira.
—Que é o mellor do teu traballo?
—O que máis valoro é que a miña voz se escoita, que as miñas ideas teñen sentido. Apostaron por min cando a única experiencia que tiña era a que acadara con eles nas primeiras colaboracións.
—E o peor?
—O que menos é o papeleo. Non esperaba ter que dedicarlle tanto tempo á burocracia. De todos os xeitos, entendo que é algo necesario.
—Hai algún consello que che gustaría que che desen?
—A min déronmo. É moi fácil dicilo no aire pensando que todo depende de nós mesmos… Se podemos facer o que queremos, o que nos gusta… Ese é o mellor consello que me deron. Escoitarme a min mesmo e tirar por aí.
PERFIL QUE SE BUSCA PARA UN POSTO ASÍ
Sensibilidade, memoria e curiosidade intelectual
Dedicarse á xestión cultural esixe unha serie de coñecementos e habilidades que se poden ir preparando con tempo de estudo e actividades axeitadas.
Coñecementos previos
■ Boa capacidade lectora e redactora.
■ Dominio do inglés e certa facilidade para comprender linguas románicas como o francés ou o italiano (recomendado).
■ Coñecementos básicos de informática (recomendado).
Habilidades e aptitudes
■ Sensibilidade para ver, ler e interpretar as obras.
■ Boa capacidade de observación e para apreciar detalles e sutilezas.
■ Capacidade para a síntese e a redacción.
■ Boa memoria a curto e longo prazo.
■ Capacidade de interrelación.
■ Curiosidade intelectual para documentarse, saber utilizar as ferramentas e as técnicas necesarias e aprender novo vocabulario e coñecer culturas.
■ Boa capacidade analítica e crítica.
■ Capacidade de abstracción.
■ Capacidade de comunicación.
Intereses
■ Interese polo coñecemento artístico e práctica habitual de visitas a monumentos históricos, museos e exposicións de diferente índole.
■ Interese polo coñecemento de novas culturas.
Esta información foi elaborada polos expertos da asesoría educativa viaedu.es