CRISTINA PORTEIRO

Vaia lea con Manoliño! Este pequeno arroaz salvaxe non quere marchar de Galicia. Sexa polo bo marisco galego ou pola benvida da xente, o feito é que este golfiño ficou nas costas de Galicia e non hai maneira de que marche cunha familia da súa especie.

Quen é e qué fai en Galicia?

Manoliño, ou Confi, é un golfiño mular (arroaz) que apareceu por primeira vez no 2019 na ría de Muros e Noia. Visita con frecuencia o porto do Freixo. Os expertos cren que perdeu a súa manda (familia) e quedou a vivir nas súas augas substituíndo a interacción animal pola interacción cos humanos. Busca agarimos e xogos.

Por que supón un problema?

Manoliño é moi querido na zona, pero é un pouco tundas. Agora que é máis adulto e que xa ten confianza coas persoas, está a xerar problemas a mariscadores, pescadores e submarinistas porque cando pescan teñen que esquivar o golfiño, que insiste en xogar, e cada vez con máis forza. Imaxinade o dano que pode chegar a facer baixo o mar un animal de 300 quilos que bate na auga ou que bota a boca para chamar a atención. Ademais, moitos bañistas xogan na ribeira con Manoliño como se fose unha mascota. Agora chega a tempada de verán, cando se espera que veñan moitos turistas. O risco de que decenas de persoas o rodeen é que podería reaccionar de forma imprevisible.

Que propoñen os expertos para evitar sustos?

O golfiño non é violento, pero ten moita forza e pode acabar facendo dano a alguén sen querer. Por iso as autoridades estudan o peche de praias ou delimitar as zonas de baño para evitar que Manoliño entre na ribeira. Outra posibilidade é instalar advertencias nos areais aos que acode o golfiño para concienciar a xente dos riscos de achegarse a el. Pero iso non funcionou ata agora. De feito, moitos bañistas non fixeron caso das alertas da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), que pide que se evite interactuar con el.

Por que está tan afeito ao contacto coas persoas?

Os biólogos din que o problema veu do primeiro contacto que tivo o golfiño cun mariscador de navallas da zona. Fixéronse amigos e, dende entón, Manoliño insiste en xogar con todas as persoas coas que bate na ría, o seu hábitat, sexan mergulladores, piragüistas ou pescadores. Agora é moi difícil facer que se traslade.

Peixe bobo ou tiburón peregrino: unha besta xigante na costa galega

Entre as visións máis comúns e curiosas das costas están as dos tiburóns peregrinos, uns peixes xigantes, non mamíferos, os segundos máis grandes do mundo tras o tiburón balea. Son inofensivos e tranquilos, adoitan subir á superficie e non temen achegarse aos barcos.

ASÍ SON ELES
Sociables, curiosos e moi intelixentes, coma as candorcas

Os golfiños mulares (arroaces), coma as súas curmás as candorcas, son unha especie moi sociable, curiosa e familiar. Son considerados uns dos animais máis intelixentes do mundo. Viven en grupos de 10 a 12 exemplares e, a diferenza doutros animais, coidan aos máis débiles. Tamén cazan xuntos. Non é raro velos rodear enormes bancos de peixes que acurralan para ir comendo por quendas. E teñen nomes propios. Cada delfín ten un son característico para comunicarse. Poden enfadarse? Si. Os biólogos cren que son das poucas especies que teñen sentimentos complexos coma a dor pola perda dunha cría ou felicidade ao xogar.

Pero non sempre encaixan nas familias. Algúns exemplares poden ser expulsados e pelexan entre si de forma violenta para aparearse, por iso teñen feridas e cicatrices na pel. Por certo! Non esquezades que son mamíferos carnívoros. Comen cefalópodos, coma as luras, e peixes que atopan grazas ao seu ecorradar, un sistema para localizar presas producindo ruído e escoitando o eco que devolve. 

 

PREDICIÓNS
Cando entran nos portos é que hai pouco peixe

Os pescadores reciben visitas dos golfiños dende hai moito tempo. Nos portos de moitas rías galegas, os barcos pesqueiros chegaban acompañados destes cetáceos, que penetraban ata a ribeira en busca de comida. Ese era un sinal para os mariñeiros de que non había moitos peixes e que as capturas serían escasas.

Hai a teoría de que estes mamíferos poidan ter problemas no mar para orientarse e cazar por mor da contaminación acústica. A pesca, o transporte marítimo e o desenvolvemento de infraestruturas petrolíferas ou plataformas de enerxía eólica mariña multiplícanse e dificultan a súa comunicación.

Non é gato nin can: é salvaxe!

Serías quen de entrar na auga cun arroaz salvaxe a un metro de distancia? Mira a imaxe. Foron moitos os bañistas que aproveitaron as visitas de Manoliño para tirar fotos e acariciar o animal sen ter en conta as posibles consecuencias desa interacción. O golfiño non é doméstico, é salvaxe. Aínda que non ataque as persoas, os seus xogos poden rematar en situacións perigosas e mancar a alguén. Hai que entender que é un animal moi forte, áxil e pesado. Cun movemento de cola podería tombar un neno!

Por que ignoramos as recomendacións dos biólogos e insistimos en achegarnos ao arroaz? Non cabe dúbida de que xera simpatía, e iso ten moito que ver coa imaxe que temos destes intelixentes e divertidos animais, protagonistas de filmes tan coñecidos como Flipper, no que un golfiño se fai amigo dun neno que consigue liberalo das mans dun malvado pescador. A película humaniza os comportamentos do golfiño, que amosa atributos humanos como a lealdade e o sentido de xustiza.

Encántanos domesticar animais e convivir con eles. Levámolo facendo miles de anos. A teoría da evolución indica que os nosos adorables cans, por exemplo, eran antigos lobos salvaxes, pero os humanos deixaron vivir os que eran máis protectores e agarimosos, así que pouco a pouco a especie, por selección natural, foi mudando ata ter os cans que temos agora, moito máis miúdos e dóciles. Para eles tamén foi un avance. Pasaron de ter que cazar para sobrevivir a adaptar o seu aspecto e comportamento para agradar ás persoas, a cargo da súa alimentación. Pero iso pasou ao longo de moitísimo tempo! Non dun día para outro.

A consecuencia dalgunhas imprudencias, agora os pescadores e submarinistas teñen que facerse os mortos ou cambiar as súas xornadas de traballo para evitar a Manoliño. Ademais, é posible que para o golfiño sexa cada vez máis difícil adaptarse á vida en manda no hábitat salvaxe en caso de que aparecera unha nova familia na ría.

 

 

Non podemos converter calquera animal en mascota

Por instinto, as persoas adoitamos humanizar os animais e atribuírlles comportamentos propios e únicos da nosa especie. Cando interactúan, esquecemos que seguen a conservar os seus instintos. A pesar diso, insistimos en domesticar animais salvaxes como os furóns ou as londras, como fixemos dende hai miles de anos cos gatos e os cans. Non son poucos os incidentes en zoolóxicos e reservas naturais con turistas que se achegan demasiado aos animais co desexo de acariñalos. E non son poucos os que levaron poutadas, mordeduras ou tiróns de pelo de osos, raposos ou chimpancés.

 

 

As Gladis: as candorcas pandilleiras

O ano pasado, as Gladis, unha familia de candorcas (os maiores depredadoras do océano), causaron un caos na costa galega ao perseguir e bater contra veleiros que navegaban por augas próximas á costa galega. Algúns precisaron axuda doutros buques para chegar a terra porque lles romperan os temóns. Estes incidentes amosan o perigo de interactuar con animais salvaxes. Os expertos din que os ataques podían ser unha especie de ritual ou xogo para aprender aos exemplares máis novos a cazar aproveitando a velocidade e o movemento das embarcacións.

 

PREMA AQUÍ PARA IR ÁS ACTIVIDADES

ENTENDER

O turismo azul, unha fonte de ingresos

A aparición cada vez máis frecuente de cetáceos na costa galega lembra a importancia de combinar o coidado do medio ambiente coa explotación sostible dunha fonte de ingresos en auxe coma o turismo de natureza, que ademais de achegar máis coñecementos tamén reforza os vínculos das persoas coa súa contorna. É difícil estimar e salvagardar aquilo que non coñecemos e non valoramos.

 Golfiños, candorcas, baleas azuis, quenllas, peixes lúa ou toniñas son algunhas das especies que visitan as rías galegas cada ano, e son un valor engadido nunha comunidade coma a galega, que ata a súa adhesión á Unión Europea seguiu cazando baleas.

 Agora ben, esta actividade tamén ten un impacto indubidable no ecosistema que hai que limitar —coma as interferencias coa vida salvaxe—, sen desleixar os outros grandes protagonistas do mar: os pescadores. A convivencia con golfiños e candorcas non sempre é sinxela. En caladoiros como o do mar de Bering acosan os buques para roubar as capturas.

PROFUNDIZAR

A catividade e os espectáculos son para moitos unha práctica cruel para satisfacer a curiosidade

O cine e os espectáculos sempre utilizaron animais como reclamo. E os golfiños son dos preferidos porque son os máis dóciles e intelixentes. Kathy foi unha das femias que fixo de Flipper. Ao rematar a rodaxe, deprimiuse e deixouse morrer en catividade. O seu adestrador fíxose activista para reclamar o fin dos espectáculos con animais.

FOTOGRAMA DE LA SERIE FLIPPER EL DELFIN

Keiko foi a candorca que protagonizou o filme «Liberade a Willy». Irónico, porque este animal viviu en cativerio e traballando ata que rodaron a terceira secuela en 3D. Consideras ético privar a estes mamíferos da súa liberdade para satisfacer a nosa curiosidade, ánimo de entretemento e lucro?

A vida en catividade pode deixar fondas cicatrices físicas e psicolóxicas nestes animais. Incluso poden mudar o seu comportamento, polas condicións de estrés e ansiedade. As candorcas, por exemplo, sofren a curvatura da súa aleta, descomposición dental, infeccións… E poden chegar a atacar aos seus adestradores. Por que? A pesar de ter vínculos de amizade, en ocasións interpretan certos movementos na auga en clave de ameaza. Non hai que esquecer que son animais salvaxes con instintos cazadores.

Un dos casos máis tristes é o de Tillikum, unha candorca capturada en 1983 cando nadaba co seu clan en augas de Islandia. Trasladárona a varios parques acuáticos e protagonizou ata tres ataques mortais a persoas, incluídas dúas coidadoras. A súa morte no 2017 abriu o debate sobre a explotación comercial dos animais.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies