L. Cancela
Este ano, o Día das Letras Galegas homenaxea a Luísa Villalta Gómez (A Coruña, 1957-2004), que ademais de poeta, tamén foi narradora, ensaísta, filóloga e violinista. No vinte aniversario da súa morte, a Real Academia Galega fíxase nesta coruñesa porque foi unha das figuras da xeración literaria dos 90. «Volvemos ao espírito mozo co que se construíu o discurso da cultura galega naqueles anos, a esa Galicia nova da ilusión», dixo Víctor Freixanes, o presidente da RAG.
Luísa Villalta Gómez naceu na Coruña en 1957. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa. Dedicou parte da súa vida profesional á docencia da lingua e a literatura galegas na educación secundaria, e foi profesora no IES Xosé Neira Vilas (Oleiros), no IES Canido (Ferrol) e no IES Isaac Díaz Pardo (Sada). Tamén era titulada superior en violín e formou parte da Nova Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.
Con todo, non só se limitou a ser autora, senón que estivo moi presente, e de maneira activa, na vida cultural. Era habitual vela en seminarios, recitais de poesía, impartindo conferencias e colaborando en distintas publicacións periódicas como Man Común, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro, Enclave ou Página Abierta, entre outras.
Luísa Villalta quería que Galicia fose unha nación avanzada e culta, intención que se pensa que puído levala a implicarse en diferentes entidades sociais. Así, por exemplo, materializou o seu compromiso social formando parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, foi coordinadora da área de revisión histórica e análise crítica da cultura no Foro da Cultura Galega, foi membro activo da Mesa pola Normalización Lingüística, unha plataforma cidadá e un movemento social, que defende a lingua galega, o seu uso público e os dereitos lingüísticos da poboación galegofalante.

Premios e recoñecementos
De maneira repentina, faleceu con 46 años o 6 de marzo do 2004 a causa dunha meninxite. Está enterrada no cemiterio coruñés de San Amaro.
Foi premiada en repetidas ocasións. No certame de relatos curtos Modesto R. Figueirido (1990), por A taberna do holandés; no XIII Premio Espiral Maior (2004), polo seu poemario En concreto; e trala súa morte, recibiu o Premio da Crítica Galega á Creación Literaria (2005) tamén por En concreto. Na súa honra, convócase o Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, e a Deputación da Coruña entrega, anualmente, o Premio Luísa Villalta a Proxectos pola Igualdade dende o 2018.

Actividade media

Coñecer a Luísa Villalta a través das súas noticias

A personalidade de Luísa Villalta compréndese na súa obra literaria. Por iso é importante coñecela. Cada un deberá escoller unha das súas creacións, e ler unha parte. Pode ser un poema, un artigo con parte dun capítulo dunha novela. Despois, presentádea brevemente na clase e contade que vos suxeriu.

Obra poética: a relación coa música, unha crítica social e a realidade das mulleres na sociedade, temas esenciais da súa pluma

■ De Luísa Villalta non só podemos dicir que era poeta. Era unha escritora polifacética e versátil, pois demostrou a súa mestría na narrativa, no ensaio, en pezas de teatro e en textos xornalísticos.

■ O seu amor pola música influíu na súa obra literaria. Así o plasmou no ensaio «O outro lado da música, a poesía» (1999) ou en artigos como «A música e Nós» (2002) ou «A lingua dos sons» (2003). Neste último aborda a relación entra a palabra e a música, así como a súa experiencia no proceso creativo.

■ Luísa Villalta era unha autora con moita consciencia social. Algo que aparece de maneira clara nos seus artigos publicados entre o 2002 e o 2004 en «A Nosa Terra», incluídos no «Libro das colunas». Declarábase en prol dos máis desfavorecidos e, nun ton construtivo, criticaba os valores e a apatía dunha sociedade que ela consideraba extremadamente capitalista.

■ Esta autora, consciente das diferenzas entre homes e mulleres polo simple feito de selo, quixo reflectilo na súa obra. Un dos seus poemarios retrata a realidade do barrio coruñés do Papagaio, que ata os primeiros anos 2000 era coñecido pola prostitución e o tráfico de drogas. Os textos falan da vida destas mulleres e da hipocrisía da moral represora e a violencia patriarcal. Violencia que equipara, á súa vez, á da especulación urbanística, porque o barrio estaba a ser remodelado para crear nel unha urbanización, un aparcamento e un centro comercial.

■ No eido da poesía, publicou, por orde cronolóxica: «Música reservada» (1991), «Ruído» (1995), «Rota ao interior do ollo» (1995), «En concreto» (2004) e «Papagaio», que se publicou no 2006 e de maneira póstuma. Na narrativa, destacan «Silencio, ensaiamos» (2002), «Teorías de xogos» (1997) ou «As chaves do tempo» (2001).

Actividade avanzada

Breve introducción a Luísa Villalta

Polo seu carácter, esta autora era capaz de transmitir as súas ideas cunha forza e valentía destacadas por quen a coñeceu. Cos datos que tedes, creade unha biografía que podería empregar nun perfil en redes sociais. Ten que ser curta e podedes facer referencia a súas obras.

Un especial o xoves e un libro o venres para achegar a figura da poeta

Con motivo do Día das Letras Galegas en homenaxe a Luísa Villalta, La Voz de Galicia publica mañá un monográfico e o venres un libro dedicado á autora titulado Luísa Villalta. A poesía en que salvarse. O monográfico especial, coordinado pola xornalista Ana Abelenda, achega, en 24 páxinas, a figura e o máis destacado da obra da autora galega, coa visión das persoas que a coñeceron, a estudaron e a quixeron, como é o caso da súa irmá, Susana. O especial inclúe, tamén, un retrato a cargo da profesora Malores Villanueva; unha entrevista coa xornalista Sara Pérez, autora do libro que se publicará o venres; unha escolma, e unha das entrevistas que se lle fixeron en páxinas deste xornal.
Pola súa banda, o libro é unha biografía na que se repasa a vida e a obra da autora. O primeiro capítulo, «Luísa Villalta, de preto», fai un percorrido cronolóxico pola súa vida Así, recóllense os primeiros anos da súa infancia, a relación coa súa familia, como nace o seu interese pola música, ou como chega ata o máximo nivel no conservatorio e o vínculo que mantén con isto.
O segundo capítulo, titulado «A súa tinta», trata sobre os títulos que publica, tanto en poesía, como en teatro, narrativa, ensaio e ata traducións. Co terceiro capítulo, «A Voz da amizade», cobran protagonismo tres das súas amigas, María Pilar García Negro, Marga do Val e Mercedes Queixas, mediante entrevistas. Finalmente, na cuarta parte, «Os recordos que habitan», falan outros dos seus amigos, como Miguel Mato, exalumnos do IES Isaac Díaz Pardo e a súa irmá Susana Villalta, quen lle escribe unha carta. O libro, escrito pola xornalista de La Voz Sara Pérez con deseño e portada de Xoán G., inclúe imaxes cedidas pola familia da autora.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies