JESÚS GARRIDO

Lembramos as catro noticias que iniciaron a aventura o 14 de abril de 1982 na primeira páxina: «Arxentina ocupa as illas Malvinas», «O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Contra os castigos corporais nos colexios», «O último amor secreto de Antonio Machado», «Parece que os descubriron en West Virginia. Os réptiles do mundo vexetal».

ACTIVIDADES, A CLAVE

E todas viñan cunha clave imprescindible: as actividades. Isto marcou, desde o principio, a «intención pedagóxica e didáctica» de toda a estrea que comezou entón. Para a noticia sobre a invasión das illas Malvinas: un debate que recollía os intereses e dereitos, representando os argumentos de Arxentina e os de Inglaterra, a favor ou en contra da ocupación. Para o tema dos castigos, os países que os defenderon desde antigo e en que medida. Para a noticia dos réptiles do mundo vexetal, proposta de investigación do mundo das sementes. Para a do último amor do poeta, os versos incompletos da Canción de Guiomar.

O EDITORIAL

Escolmamos do editorial constituínte que presentaba entón o suplemento La Voz de la Escuela no xornal La Voz de Galicia, titulado «A noticia na escola», algúns fragmentos que consideramos que seguen plenamente vixentes hoxe en día.

«Estamos a asistir nos últimos anos a unha teórica transformación da escola, produto da investigación, do desenvolvemento da ciencia psicolóxica e da atención aos problemas evolutivos do neno. Por iso é polo que os novos programas de ciencias, matemáticas, de linguaxe ou de historia procuran atender os seguintes principios básicos: resposta aos centros de interese do neno e entroncamento co medio ambiente. O papel da información diaria adquire aquí unha importancia transcendental.

»La Voz de la Escuela-Prensa Didáctica —así era o rótulo inicial— elaborouse didacticamente, seleccionando noticias da prensa, a radio, a televisión e revistas especializadas de todo o mundo, co fin de ser utilizado en clase. É unha alternativa para o libro de texto, que pode alcanzar así maior interese e actualidade, e unha invitación seria á remodelación dos programas escolares, que deben responder, con maior acerto, aos problemas de hoxe e da sociedade futura.

»Pero o obxectivo principal desta experiencia vai máis lonxe aínda e consiste na introdución do xornal na escola para que profesores e alumnos traballen partindo da noticia e constrúan os seus propios programas en contacto coa vida».

SECCIÓNS DO NÚMERO 1

Ademais das indicadas noticias da primeira páxina, estas foron as que completaron as oito restantes dese primeiro número:

«Estamos na primavera»

«Os homes que fixeron ciencia: Johann Kepler», «Ciencia na horta: Xa plantei as leitugas!»

Pasatempos. «Contra problemas creatividade: Ovos van…», «Os corredores de san Pedro», «Selos de Correos», «Cada semana un xogo: o awele»

Máis pasatempos: «I Campionato Escolar de Avións de Papel», «I Concurso Escolar de Conto e Narrativa»

«1982, Ano Internacional do Ancián»

«Palabra viva: Xubileu», «Fálase de… Teresa de Jesús»

«Como facer un ficheiro de noticias»

CUESTIÓN DE NÚMEROS

Cuestión de números? Son 39 anos de estar por aquí en La Voz de la Escuela. Pero en total, coa presente edición do 14 de abril do 2021, estamos no número 1.272. E… que fagas moitos máis? Gustaríanos, pola túa banda, oír esa canción… e cumprila!

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies