L. Cancela
Hai algo máis de oito meses que o conflito entre Israel e Palestina acadou un novo nivel e, por desgraza, a situación non mellorou. Ao pouco tempo de estalar a crise, polo brutal ataque do grupo terrorista palestino Hamás, en La Voz de la Escuela explicamos a orixe deste enfrontamento, que se remonta a mediados do século XX. Entón nos se podía albiscar o futuro. Tempo despois, podemos coller algo de perspectiva. Que pasou desde entón?

Cando comezou?
Necesitamos remontarnos ao 7 de outubro do 2023, mentres os israelís celebraban a Sucot, unha festividade de orixe bíblica que conmemora os corenta anos de travesía do pobo de Israel polo deserto. É unha data especial para eles. Ese día Hamás e a Xihad Islámica (ambos son grupos terroristas) atacaron Israel desde a Franxa de Gaza por medio de foguetes, camións, motocicletas e ata parapentes. Comezaron a disparar á xente nas rúas, nas casas e mesmo nun festival: mataron a 1.200 persoas, e 7 de cada 10 eran civís, non soldados. E ademais levaron 250 persoas como reféns que agochou en zulos en Gaza.

Que máis sucedeu?
O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, declarou o estado de guerra, algo que non sucedía desde 1973. Moitos lembran as imaxes do que sucedeu en Reim, un lugar de Israel próximo á Franxa de Gaza, onde se celebraba un festival de música electrónica. Alí, os grupos terroristas mataron a máis de 350 persoas e capturaron outras tantas. Algo que se considera crime de guerra.

Como continuou?
O 9 de outubro, o Exército de Israel impuxo un asedio sobre Gaza, impedindo que chegasen electricidade, combustible e alimentos, o que empeorou unha crise humanitaria que xa había no lugar. Os bombardeos na zona, incluídos hospitais, campamentos de persoas refuxiadas, mercados e outras instalacións civís, cobráronse desde entón a vida de máis de 35.000 persoas e unhas 79.000 resultaron feridas.

O máis recente
O 28 de maio, España recoñeceu a Palestina como Estado, á vez que Irlanda e Noruega. Hai unha lista de 140 países que o fixeron, pero moitos de Europa e Estados Unidos non. Este recoñecemento é algo simbólico, mais non ten efectos concretos aínda. Con todo, provocou o enfado de Israel. O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, dixo que esta decisión non é a favor de Hamás (non hai que confundir Palestina con Hamás), e menos aínda contra Israel, senón que a existencia de dous Estados, un israelí e outro palestino, con garantías mutuas de seguridade, «é a única maneira para lograr a paz», declarou.

Ademais…
A Corte Internacional de Xustiza, que é o máximo tribunal de Nacións Unidas (ONU), investiga a Israel por xenocidio despois de que Sudáfrica presentase unha demanda en decembro. A semana pasada, España anunciou que poñería os seus servizos xurídicos ao dispor do tribunal para apoiar tecnicamente ás Nacións Unidas.

 

Un século XX de enfrontamentos, parte da orixe do problema

En 1917, o Goberno británico, coa Declaración de Balfour, manifestou o seu apoio á creación dun «fogar» para o pobo xudeu na rexión de Palestina, que daquela era territorio gobernado polos británicos. Así que moitos xudeus emigraron para formar unha comunidade, mercando terras, o que máis adiante daría lugar á orixe do Estado de Israel. O problema? Que provocou o receo da poboación árabe que vivía alí. Despois chegaron os nazis e o intento de matar a todos os xudeus da Terra. Ao rematar a Segunda Guerra Mundial, a ONU aprobou unha resolución na que se propoñían dous Estados: un xudeu e outro palestino. Este plan non foi ben recibido polas comunidades nin polos países contiguos a Palestina. Estalou unha guerra ao día seguinte á proclamación de Israel e invadírono ese mesmo día, pero Israel saíu vitorioso da guerra. A comunidade internacional recoñeceu a Israel, pero non a Palestina.

Israel cre que a guerra «será longa» e non rematará antes de fin de ano

O fin da guerra parece non estar preto. Os esforzos internacionais céntranse na protección dos civís e en atopar un punto medio para que Israel e Hamás asinen a paz. De feito, Estados Unidos propúxolle un plan por fases para acabar co conflito e Netanyahu deu a súa negativa ata que se cumpran as súas condicións: «A destrución das capacidades militares e de goberno de Hamás, a liberación de todos os reféns e garantir que Gaza xa non represente unha ameaza para Israel». De feito, Tzaji Hanegbi, home de confianza de Netanyahu, sinalou que a guerra de Gaza «será longa» e continuará polo menos todo este ano.

ACTIVIDADE BÁSICA

Un conto

En Gaza tamén viven nenos que, dun día para outro, tiveron que ver como as súas casas desaparecían. Escribide un conto que narre unha posible historia dun destes nenos.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Oriente Medio: unha zona de inestabilidade

Para entender o contexto que rodea e explica o conflito entre Israel e Palestina, é necesario falar con propiedade e coñecer o concepto máis básico que, con frecuencia, escoitaredes en conversacións relacionadas: a expresión Oriente Medio, aínda que en ocasións se fala de Oriente Próximo para designar a mesma rexión.
Oriente Medio, que é a denominación máis estendida en todo o mundo, é a unha inmensa zona xeográfica situada no punto no que conflúen o suroeste asiático, o norte de África e o leste de Europa, o que dá lugar a unha rexión na que conviven moitas culturas e relixións.
Nunha visión xeral, Oriente Medio está formado por 19 países, que son: Siria, Iraq, Líbano, Irán, Palestina, Israel, Xordania, Kuwait, Bahrain, Arabia Saudita, Qatar, Emiratos Árabes Unidos, Omán, Iemen, Exipto, Sudán, Libia, Chipre e Turquía.
No taboleiro, Israel e Palestina teñen os seus propios apoios. Israel conta co respaldo dos Estados Unidos, o seu aliado máis potente, e mantén relacións diplomáticas coa maioría dos países europeos, como Francia, Alemaña, o Reino Unido ou Italia, pero tamén con outros como Australia. Ademais, no 2020, e coa mediación dos Estados Unidos, Israel asinou xunto cos Emiratos Árabes Unidos, Bahrain, Sudán e Marrocos os Acordos de Abraham, co fin de normalizar as relacións entre eles, o que implicaba que estes recoñecesen o dereito de Israel a existir. España, coa súa recente decisión, recoñece tanto o Estado de Palestina como o de Israel.
Pola contrario, moitos países árabes entenderon a creación de Israel como un ataque, polo que apoian a Palestina. Os da zona son Irán, ​Alxeria, Afganistán, Siria, Líbano, Qatar, Libia, Iraq, Irán e Iemen, e súmanse outros como Venezuela, Bolivia ou Chile. De todos este, o papel dos Estados Unidos e Irán resulta clave para os respectivos territorios. O país norteamericano é o principal apoio de Israel, e Irán é o de Palestina. Ambos móvense tanto por intereses como por unha historia que os une.

O islam, dividido entre un mundo sunnita e outro xiíta

Á súa vez, hai conflitos entre países que comparten relixión. O máis amplo é o que enfronta os musulmáns sunnitas e os xiítas. Calcúlase que no mundo hai uns 1.800 millóns de musulmáns, dos que case o 90 % son sunnitas, que se considera a corrente máis tradicional da relixión islámica. Un exemplo é Arabia Saudita. Por outra banda, os xiítas apenas representan un dez por cento dos musulmáns, e a súa presenza destaca en países como Irán. O seu conflito é milenario e débese a discrepancias sobre quen son os herdeiros de Mahoma. Arabia Saudita e Irán son os dous principais rivais de Oriente Medio, o que para moitos analistas é proba do complexas que son as relacións nesta zona.
De feito, cren que o ataque de Hamás do 7 de outubro puido apoialo Irán para entorpecer unha alianza entre tres dos seus principais adversarios: Israel, Arabia Saudita e os Estados Unidos (que actuaron como promotores deste acordo).
Oriente Medio ten unha enorme relevancia histórica, xa que alí naceron algunhas das civilizacións máis antigas do mundo, como a mesopotámica, a persa ou a grega, e tamén unha enorme relevancia relixiosa, pois é onde xurdiron os tres grandes cultos monoteístas: o cristianismo, o xudaísmo e o islam. Precisamente, pola súa riqueza e variedade, sempre foi unha zona moi convulsa.

ACTIVIDADE MEDIA

Gaza e Cisxordania

Os ataques do conflito entre Israel e Palestina céntranse en dúas zonas: a Franxa de Gaza e Cisxordania. Sitúa ambos territorios no mapa e investiga que papel están tendo nos ataques.

ENTENDER

Xustifica o terrorismo a violencia como resposta?

■ O territorio de Israel foi atacado por Hamás, e como resposta, este lanzou ofensiva que non se vía desde había anos. Unha resposta que, lonxe de ter só obxectivos militares, materializouse no corte de subministración de auga, comida e electricidade á poboación. Tamén no ataque a estruturas civís, o que leva ao colapso da saúde en Gaza.

■ Israel é un Estado democrático (lémbrase moitas veces que o único da zona). A súa resposta adecúase a esta consideración? A comunidade internacional di que os seus ataques son crimes de guerra pola crueldade que entrañan. En España, por desgraza, coñecemos ben o terrorismo. ETA matou a persoas inocentes e o Estado non arrasou cada vila na que podían esconderse.

■ Aínda máis, o fin da banda terrorista chegou mediante o cumprimento da lei e non coa violencia. Polo momento, Israel nega esta vía. Os ataques de Hamás poden xustificar a actitude de Netanyahu?

ACTIVIDADE AVANZADA

Guerras invisibles

Ucraína e Rusia, ou Israel e Hamás, non son os únicos conflitos abertos no mundo. Hai moitos máis. Por exemplo, Siria leva máis de doce anos envolta nun. Cun mapa, sitúa os territorios nos que se recoñeza unha
situación de guerra

PROFUNDAR

Diminúen as guerras entre países, pero medran os conflitos internos, segundo Nacións Unidas

Credes que a especie humana é especialmente violenta? Varios estudos atoparon que unha calidade vista na natureza, e en todas as especies, é a competitividade. Competimos polos recursos. En todos os animais está presente a agresividade, e esta pode desencadearse ou ben por ira ou ben por medo.

■ Pero isto non é sinónimo de violencia. Esta última ten un forte compoñente social e unha das maneiras máis efectivas para potencialo é formar un grupo. Sentir que somos parte de algo cambia a nosa perspectiva. Desde o nacemento, e de maneira natural, empezamos a identificar os nosos e os outros, e aquí entra a dobre moral.

■ Segundo Nacións Unidas, o número de mortes nas guerras diminuíu desde 1946 en todo o mundo, pero os conflitos e a violencia medran. A organización conta que agora se libran entre axentes non estatais, como milicias políticas ou grupos terroristas internacionais, e non tanto entre un país contra outro.

■ E non só isto, senón que hoxe en día os conflitos son menos sensibles ás formas tradicionais de resolución, co que son máis longos e mortíferos. Como pode superar unha sociedade unha guerra?

■ Soa idílico, pero o perdón e o esquecemento, e mais o respecto das vítimas, deben estar presentes. Ninguén pode pasar páxina se se manteñen os enfrontamentos. Credes que podemos vivir nun mundo sen guerras?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies