O medio ambiente é sen dúbida unha das maiores preocupacións dos mozos, en Galicia e en todo o mundo. Todos coñecemos a Greta Thunberg, pero hai moitos máis: a canadense Autumn Peltier, a ecuatoriana Helena Gualinga, o senegalés Yero Sarr ou os españois Patricia Ramos, Alejandro Quecedo ou Laura Reboul, entre outros moitos. Eles poñen cara a un movemento que se estende: a xente moza que non quere herdar un mundo ao borde do desastre. Se ti es dese grupo, se sentes que tes que facer algo, conseguir que se escoite a túa voz, este concurso pode ser un bo comezo.
O certame Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil, que organiza La Voz de Galicia dende hai 18 anos e que nesta ocasión conta coa colaboración de Viaqua, estrea unha categoría moi especial: a de xornalismo ambiental. Así, dos catro niveis nos que se pode inscribir un alumno (segundo a ideade) os premios son dobres, porque está a categoría xeral pero tamén a ambiental, para aqueles traballos que aborden asuntos como o cambio climático, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU (Axenda 2030), os hábitos de consumo sostibles, o impacto das nosas accións na contorna natural, a investigación e innovación nestes campos, a contaminación, a xestión dos recursos ou a biodiversidade.
Premios
Os gañadores (hai dous por nivel e categoría, independentemente do idioma no que estea escrito o traballo, que pode ser galego ou castelán) recibirán dende unha cámara de fotos e un reprodutor MP4 ou un libro electrónico ata uns auriculares inalámbricos.
Hai un premio especial nesta edición, a número 40 de La Voz de la Escuela, e consiste en ser xornalista por un día na redacción de La Voz de Galicia. Na categoría ambiental hai que engadir unha visita ás instalacións de Viaqua máis cercanas ao alumnado.
Os profesores que dirixan os traballos gañadores recibirán como agasallo un e-book.
QUÉ FACER SEGUNDO OS NIVÉIS
INFANTIL 1 (infantil e 1.º e 2.º de primaria)
Deberán realizar un debuxo que ilustre unha nova publicada no xornal, e copiar e pegar o titular da nova. O debuxo realizarase a man sobre a maqueta oficial do nivel, disponible na web.
INFANTIL 2 (de 3.º a 6.º de primaria, incluídos)
Debe reescribir (non copiar) unha nova do xornal, a que queiran, e poden facelo no ordenador ou a man. Descargarán e imprimirán a maqueta (disponible na web) para facer o debuxo a man.
XUVENIL 1 (ESO)
Realizarán unha entrevista orixinal, individual, a unha persoa que o alumno considere de interese. Debe ter ao menos oito preguntas, unha foto e o perfil do entrevistado. A maqueta está na web.
XUVENIL 2 (Bacharelato e FP)
Realizarán un traballo orixinal e individual. Será un artigo de opinión sobre o que desexen. Valorarase a pertinencia dos traballos, o seu interese xornalístico o estilo e tamén a corrección gramatical.