OLGA SUÁREZ

Os profesores de Educación Física do colexio público San Pedro de Visma, da Coruña, decatáronse en setembro de que os estudantes tiñan dúas deficiencias causadas pola pandemia de coronavirus: por unha banda, precisaban pasar tempo ao aire libre; por outra, tiñan que contrarrestar a vida sedentaria á que os tiña acostumados este encerro forzoso. Así, os profesores Rubén Barrán e Fabián Canosa, xunto coa coordinadora do departamento de dinamización lingüística, Lucía Bello, idearon o proxecto Sementa Camiño, que, aproveitando o fío condutor do xacobeo, lles permitiu aproveitar os espazos verdes que rodean este centro, e tamén iniciar un intercambio cultural con estudantes doutras cidades. O nexo: todos eles están ligados polo Camiño do Norte.

E así comezou a andar, literalmente, todo o centro, co obxectivo de completar os 906 quilómetros entre Irún e Fisterra, pasando por Santiago. Como se dun peregrino máis se tratase, a comunidade educativa do centro dividiu esta ruta xacobea en etapas duns 12 quilómetros aos que hai que chegar cada semana. «Unha volta ao colexio é un quilómetro: cada clase ten que facer uns catro por semana para cumprila», explica Lucía Bello.

«Queremos establecer vínculos de amizade, cultura e amor polo medio ambiente»

O nome do proxecto fai referencia ao seu aspecto cultural: os profesores contactaron con escolas públicas das cidades polas que pasa a ruta para intercambiar sementes de plantas e árbores autóctonas, e libros no seu idioma propio. Xa recibiron un paquete de Zarautz (no País Vasco), e preparan un envío galego para este centro. «Queremos establecer vínculos de amizade, cultura e amor polo medio ambiente», destaca Bello, que tamén subliña a boa acollida que tivo a idea nos outros centros. En total, intercambiarán experiencias con dez colexios repartidos pola cordilleira Cantábrica.

AS CHAVES

IMPLICACIÓN

Durante as vacacións de Nadal participaron no proxecto as familias, que gravaron os paseos dados polos nenos cos pais. Ademais, na última semana do primeiro trimestre «sementaron solidariedade»: trasladaron os quilómetros percorridos a quilos e fixeron unha achega de comida a Cáritas

OBXECTIVO FINAL 

Se a situación sanitaria o permite, a idea é facer un tramo real do Camiño ao final do curso, polas rúas da Coruña. De xeito transversal, todos os profesores traballan no proxecto no seu propio ensino: desde Artes Plásticas, para preparar os carteis, ata Lingua para preparar os vídeos que envían a escolas asociadas

 

Xornadas de divulgación micolóxica en primaria

O CEIP Padre Crespo, de Xunqueira de Ambía, organizou unha charla e saída ao monte

Precaución e formación. Son as claves da micoloxía ao non existir regras populares e ao ser precisa a identificación botánica dun exemplar para saber das súas propiedades e a posible toxicidade. Un labor que debería comezar na escola, e así foi dentro do programa Voz Natura de La Voz de Galicia no colexio Padre Crespo, de Xunqueira de Ambía (Ourense), nos outonos do 2018, 2019 e 2020. O obxectivo é claro: evitar as intoxicacións que se producen cada ano e poñer os cogomelos no lugar que merecen nas cociñas e na sociedade.

Todos os nenos de todos os cursos do colexio Padre Crespo, incluídos os máis cativos, de 3 anos, asistiron a unhas explicacións sobre as formas e características dos principais cogomelos que se poden atopar nos montes próximos ao seu centro educativo e ás súas casas. Coñecelos para poder ver as súas particularidades, ben para degustalos ou ben para permitir que fagan unha importante función botánica no medio natural como depuradores deste. Tralas explicacións apoiadas por imaxes e debuxos, os cativos saíron ao monte con cestas e moita ilusión. Acompañados por Protección Civil e mestres, recolleron e identificaron máis de dúas ducias de cogomelos diferentes con distintas formas, cores e tamaños, e incluso descubriron os cheiros tan particulares de moitos deles.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies