L. Cancela
Hai case un mes que comezou o inverno e… vaia inicio de tempada que viviron as urxencias médicas! As infeccións respiratorias foron as claras protagonistas nas consultas. Seguro que todos coñecedes a alguén que estivo enfermo. Tal foi a situación que volveu o uso da máscara.

Infección respiratoria?
Así é. Trátase dun grupo de enfermidades que se manifestan no aparello respiratorio. Poden estar causadas por diferentes microorganismos, aínda que o máis habitual é que sexan virus. Adoitan comezar de forma repentina e a fase grave non dura máis de dúas semanas. O catarro, o covid ou a gripe son algúns exemplos.

Que pasou con elas?
Todas, especialmente a gripe, camparon libremente no último mes polas urxencias médicas de toda España, incluída Galicia. A enfermidade que ocasionou máis problemas foi a gripe, que, con diferenza, foi a que causou máis ingresos e contaxios en pleno Nadal. De feito, había anos que non se rexistraban tantas consultas.

Segue a ser así?
Non. Desde a semana pasada os casos de gripe están a baixar en Galicia. Por regra xeral, a tempada de infeccións respiratorias segue o seu propio curso. Primeiro, o número de casos empeza a ascender. Estímase que comezaron na ponte do 6 de decembro. Este proceso de aumento adoita durar unhas catro ou cinco semanas, ata alcanzar o pico máximo de contaxios. É dicir, o momento no que hai máis persoas afectadas. Por exemplo, na nosa comunidade rexistrouse na primeira semana de xaneiro.

E despois?
A partir de aquí, os casos empezan a diminuír e iníciase a fase meseta, que pode durar outro mes. É na que nos atopamos na actualidade. Como indica o nome, o número de infeccións estabilízase para, finalmente, reducirse aínda máis.

A que se debeu?
A chamada tempada de gripe abrangue de decembro a febreiro. É dicir, é cando máis circulación hai dos distintos virus que poden causala. Esta época coincide, no noso país, cuns festivos de moitas reunións sociais: o Nadal. En decembro, a xente reúnese máis e adoita facelo en interiores. Isto ocasiona dous problemas: en primeiro lugar, que o contaxio sexa máis fácil, xa que se produce a través das gotiñas que expulsamos ao falar, respirar ou tusir; e en segundo lugar, que ao estar nun espazo pechado sen que o aire se renove, o virus queda, por así dicilo, flotando.

Algo máis?
Claro. Pois tamén influíron outros factores, como que a xente utilizou menos as máscaras, xa que o seu uso diminúe a transmisión de microorganismos, ou que moitos non se vacinaron. Iso si, que quede claro que o deste ano non foi excepcional, antes da pandemia tamén era así.

Sempre?
Os expertos din que a gripe, unha vez chegaba a súa tempada, era a protagonista das urxencias. Pero nos anos pandémicos isto non sucedeu porque o covid ocupou todo o nicho biolóxico.

 

Un mecanismo de protección con significado político

Desde o pasado mércores e ata novo aviso, o uso de máscaras volveu ser obrigatorio nos centros sanitarios de toda España. A medida foi tomada polo Ministerio de Sanidad para frear o aumento de casos de infeccións respiratorias, aínda que máis da metade de comunidades autónomas non estaban de acordo, Galicia entre elas. Pola súa banda, a gran maioría de médicos aplaudiron esta medida, pero pensan que debeu adoptarse antes, porque neste punto, cando os casos xa están a baixar, non actúa na liña de prevención. Lembran que o seu uso é recomendable cando unha persoa está infectada, o cal debe saír da propia vontade. Algúns expertos criticaron que a máscara se use como un símbolo político para amosar poder. Que pensas?

Galicia é unha das comunidades líderes na vacinación contra a gripe

A vacinación é a medida de prevención máis efectiva, pois consegue que, en caso de sufrir unha infección respiratoria, os síntomas sexan menos graves. Ao contrario do que moitos pensan, a vacina da gripe non adoita evitar o contaxio, senón que prepara ao organismo para cando chegue o virus. Por así dicilo, adestra ao batallón de defensas que temos. A vacinación é imprescindible para aquelas persoas cun sistema inmunitario máis débil: os maiores de 60 anos, as embarazadas e os grupos de risco como os pacientes con enfermidades respiratorias, así como os menores de 5 anos. Desafortunadamente, en España a porcentaxe de vacinados está a ser menor que outros anos. Polo contrario, en Galicia podemos estar orgullosos: somos das comunidades líderes nesta materia.

ACTIVIDADE BÁSICA

Patóxenos

Existen tantos virus e bacterias no mundo que non hai unha estimación exacta da súa poboación. Sábese, por exemplo, que o seu papel é fundamental na ecoloxía. Pero saberías diferenciar uns dos outros?
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

A vida entre virus e bacterias

O sistema inmunitario está a loitar continuamente contra patóxenos que queren entrar no teu corpo sen que te deas conta. É posible que o penses, pero as defensas non só se activan cando hai unha infección, senón que están nunha alerta continua. E non é para menos: os microorganismos, entre eles virus e bacterias, viven ao noso redor. Unha ampla maioría non son perigosos. É máis, moitas bacterias viven en nós: na pel, no intestino, na boca ou nos órganos xenitais.
O primeiro contacto entre estes seres vivos e o ser humano prodúcese no parto. Crese que o bebé nace estéril polas condicións nas que vivía, pero, unha vez no exterior, é colonizado primeiro polos microorganismos da súa nai e, co paso dos días, polos que viven no seu ambiente. Así se compón o que se coñece como microbiota, unha comunidade formada por centos de especies de bacterias que nos acompañarán para sempre e que é única en cada persoa, como un DNI. Tal é a súa importancia na nosa bioloxía que, por exemplo, unha disbiose intestinal, que se dá cando a comunidade dixestiva se altera, está relacionada con problemas de saúde como a obesidade. E como sucede na mesma vida, hai bacterias boas e tamén bacterias malas, como as causantes dunha infección. Ademais están os virus. Son axentes patóxenos que se introducen nas células e as infectan. Conquístanas, por así dicilo. Unha vez dentro, colonízanas e aprovéitanse dos seus mecanismos para reproducirse.

Todo o que vexas ao mirar ao redor de ti conterá moitísimas bacterias na súa superficie. O móbil, o mando, o váter, o teu cepillo de dentes e ata un garfo. Todo está contaminado. Tamén é posible que as cousas teñan fungos, fermentos ou virus, pero en menor medida. As bacterias son as raíñas do noso reino, por iso convén gardar certa hixiene á hora de tocar algo que despois entre en contacto coa boca ou cos ollos. Para mostra, un botón. Incluso o que podes pensar que está limpo non o está. Un estudo da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) atopou que nove de cada dez baetas conteñen bacterias que se esparexen ao utilizarse.

 

A mellor idea para o mundo da medicina foi a de lavar as mans

Os últimos 200 anos foron claves para a medicina. Os avances triplicaron a esperanza de vida. Por iso agora xa non se busca vivir máis, senón vivir mellor, reducindo o impacto na calidade de vida que poden ter algunhas enfermidades crónicas como a diabetes ou a artrite. Froito dos avances científicos e tecnolóxicos, os profesionais da saúde foron sumando ao seu repertorio de elementos as luvas, a anestesia, os raios X, as vacinas, os antibacterianos e melloras nas técnicas de intervención cirúrxica que permiten facer, por exemplo, un transplante. Pero sabedes que medida levou a vitoria como avance médico que máis vidas salvou? O lavado de mans. A razón é moi simple: a hixiene prevén infeccións.
O primeiro en decatarse foi Ignaz P. Semmelweis (1818-1865), un xinecólogo húngaro. A mediados do século XIX, entre o 11 e o 30 % das mulleres que daban a luz falecían despois do parto debido á febre puerperal, un tipo de infección. A taxa de mortes era máis alta aínda entre as atendidas por estudantes de medicina que as que coidaban relixiosas. Semmelweis atopou que a única diferenza era que os estudantes atendían as mulleres despois de estar en contacto con cadáveres e sen lavar as mans. Aínda que o tomaron por tolo, esixiu aos traballadores que as lavasen antes de intervir, e a mortalidade tras o parto caeu por baixo do 3 %.

ACTIVIDADE MEDIA

As mulleres descoñecidas

Cando falamos de medicina é habitual que os homes sexan protagonistas. Polo contrario, o papel das mulleres é descoñecido. Buscade, por grupos, unha científica cuxa achega foi esencial, e despois contade a súa historia. Non esquezades a Karikó.

ENTENDER

O emprego beneficioso dos virus

■ Os virus teñen mala fama, pero o certo é que non sempre presentan un lado escuro. De feito, cumpren varias funcións moi beneficiosas. Un exemplo é como a medicina e a ciencia conseguiron poñelos da nosa parte e utilizalos nas vacinas.

■ O seu uso achega esperanzas para a curación do cancro. Un adenovirus modificado xeneticamente foi un éxito no tratamento do retinoblastoma, un tipo de cancro ocular que, sobre todo, afecta á poboación infantil.

■ Outro recurso foi utilizar bacteriófagos, un tipo de virus que comen as bacterias, para tratar infeccións causadas polas que se fixeron resistentes aos antibióticos. Como vemos, os virus tamén poden ser un fármaco. Se miramos outras especies, xa se fala de utilizar un cóctel de fagos (virus que só infectan as bacterias) en animais de granxa para loitar contra as bacterias que lles afectan, mellorar a súa saúde e evitar o uso de antibióticos.

ACTIVIDADE AVANZADA

Penicilina: uso contraindicado

A penicilina foi toda unha revolución no século pasado. Non obstante, o mal uso que lle deron fixo que, en cuestión de poucos anos, moitas bacterias se volvesen resistentes. Investiga que pasou e cales foron os erros principais. Compárteos coa clase.

 

PROFUNDAR

A resistencia aos antibióticos constitúe un problema de saúde pública de primeira orde

■ Segundo a Organización Mundial da Saúde, a resistencia bacteriana aos antibióticos considérase, na actualidade, unha das maiores ameazas para a saúde mundial, a seguridade alimentaria e o desenvolvemento.

■ Esta resistencia é un fenómeno natural, aínda que mediado polo uso de antibióticos, mediante o cal as bacterias se fan máis fortes fronte aos tratamentos e estes perden efectividade. Poden afectar a calquera persoa, de calquera idade e calquera parte do mundo.

■ A comunidade médica alerta de que cada vez é maior o conxunto de infeccións, como a pneumonía, a tuberculose, a gonorrea e a salmonelose, nas que o tratamento é máis difícil debido á perda de efectividade dos antibióticos. Resulta máis difícil curalas. A que se debe? Máis aló de que é algo natural, é un proceso que se acelera cun uso indebido destes fármacos. A nivel individual, podemos facer varias cousas para evitalo: non tomar antibióticos sen que o mande un médico, cumprir coas pautas recomendadas (acabar o tratamento) e non consumir o antibiótico que lle sobrara a outra persoa. E algo moi importante é lembrar que non son eficaces contra virus, polo que nunca deben tomarse contra gripes ou arrefriados.

■ Pero á vez, expertos da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica lembran aos profesionais da saúde que os antibióticos se deben prescribir na menor dose e durante menor tempo posible.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies