S. Pérez

Cando ía matricularse en Bioloxía, os plans de Lara Caamaño Fernández (A Coruña, 1999) cambiaron por completo. Alí descubriu o Grao en Paisaxe que imparten en colaboración a Universidade de Santiago e a da Coruña, o que descoñecía en absoluto e que só levaba un ano en funcionamento. Poderíase dicir que é unha arquitecta da paisaxe, cunha sensibilidade excepcional cara ao que a rodea.

—Non é unha carreira moi coñecida. Como chegaches ti a ela?

—Eu fixen un grao superior de FP de laboratorio, que non ten nada que ver, coa idea de estudar Bioloxía. Quería algo relacionado coa natureza. Pero cando me fun matricular vin a carreira sobre a paisaxe, e chamoume a atención como se podía mesturar a estética co deseño e coa mirada de cada persoa. Así que ía estudar Bioloxía e acabei no Grao de Paisaxe. Eu, como son moito de planificar as cousas, non sabía se arriscarme, pero miña nai animoume a non quedar co remordemento.

—O Grao en Paisaxe ten unha peculiaridade: impártese en dous campus, en Lugo e na Coruña. Que che pareceu a experiencia?

—A min, persoalmente, gustoume moito. Porque coñecemos os dous mundos: en Coruña dábase a parte da arquitectura, moito más técnica, e en Lugo, a práctica respecto á vexetación. Aprendemos unha barbaridade, e os profesores eran tamén moi específicos. Para min foi xenial, o único malo foron os traslados. Durante os dous primeiros anos, tiñamos tres días clase en Lugo e os xoves íamos á Coruña. Nos dous últimos anos, todo na Coruña. Ata me deu pena que acabara.

—Que pesa máis na aprendizaxe, a parte técnica ou a práctica?

—As dúas son fundamentais, pero estaban ben equilibradas. Complementábanse.

—Como foi o panorama que te atopaches ao rematar?

—Tiven sorte, porque no verán do terceiro ano empecei a traballar cunha arquitecta, a meterme no mundillo. É certo que é complicado, ao non estar a nosa profesión regulada. Moitas persoas tampouco coñecen a nosa profesión, non saben que estudamos nin o que podemos ofrecer. Pero, como dato, todos os meus compañeiros da carreira están traballando como paisaxistas.

—Ata que chegou a primeira oportunidade laboral. Cal foi?

—Foi moi curioso. Un compañeiro do máster deulle o meu contacto ao que agora é o meu xefe, en Castela e León. Así foi. Agora traballo como paisaxista nunha empresa que non coñecía, tampouco o seu traballo, así por casualidade.

—No teu caso, apostaches por seguir formándote. Non unha vez, senón dúas. Tes dous másteres.

—Estou co segundo, vou pouco a pouco. Vai de xardíns históricos e dos servizos ecosistémicos das cidades, e sobre como construír unha rede de sostibilidade. Apunteime porque me interesaba a infraestrutura verde nas cidades, como facer que aumentase a biodiversidade nelas. O meu traballo de fin de grao foi nesa liña.

—É importante seguir estudando?

—Fundamental. O paisaxismo é un tema tan recente e tan cambiante… Non podes quedar estático nisto, en nada. Cada día hai un estudo novo.

—Participaches tamén no Festival Internacional de Xardíns de Allariz. Como foi?

—Si, o ano pasado, e foi xenial. De feito, este ano presenteime con outra compañeira da carreira e volvéronnos seleccionar, así que en maio estarei alí, con outro xardín. Poder ver, sentir e estar no teu propio xardín é un soño.

—Parece un traballo dunha verdadeira sensibilidade.

—Si, ten unha carga subxectiva moi grande, depende moito das persoas, da mirada que temos sobre a paisaxe.

—Con esta formación, cambia o xeito no que ves as paisaxes?

—Si, empezas a apreciar as pequenas cousas, podes intuír como chegou a estar a paisaxe, como está ou que pode pasar nela. A mirada innata sempre está, pero esa que vas cultivando para min é moi importante.

—Como foi a túa xornada, por exemplo, deste martes.

—Eu estou nas áreas de urbanismo e de espazos verdes. Estiven traballando nun plan xeral para a Comunidade de Madrid, seguín co meu traballo habitual mirando unidades paisaxísticas e patrimonio cultural e logo chegou a miña compañeira da área de espazos verdes, saíu ao campo, a ver como estaba a poda deste último mes, así que estivemos mirando os resultados. Cada día é diferente.

—Hai algo do que te arrepintas? Algo que cambiarías?

—Creo que o tomaría con máis calma. As cousas apréndense con tempo. Polo resto, estou moi contenta.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies