Máis ou menos, case todo o mundo está de acordo en sinalar cales son as sete claves para entender ben de que vai a noticia: o quen, o que, o onde, o porqué, o como, o cando e… adoita engadirse á listaxe o canto. Os máis esixentes e analíticos cólganlle tamén o con ou quibus auxiliis.
Comeza entón unha especie de oito gloriosos ecos cando cae unha noticia importante nos nosos oídos ou se reflicte nos nosos ollos ao ler o xornal. Pero é certo que, ás veces, resulta demasiado mecánico e voluminoso ter que aplicar as oito variantes. Hai noticias que o merecen porque son moi prácticas e achegan datos importantes para entender de que se trata e aplicalas a cada materia ou tema concreto do programa académico escolar. Pero outras veces cada clave ten a súa oportunidade de aplicación.
Por que non buscar entón, polo menos algunha vez, no xornal unha noticia na que nos gusta o quen? Outra noticia, en cambio, que nos chama a atención polo contido do seu que? Algunha que brilla polo seu respectable onde e hai que darlle, ademais, a oportunidade de aclarar por que nos intriga e analizamos tamén o seu íntimo porqué?
E que pasa se atopamos algunha noticia que loce no seu como o estilo e forma de comportarse no desenvolvemento do seu oficio? Ou, por exemplo, falando de tempos, a noticia que nos lembra e fai alusión ao familiar reloxo, día ou mes do cando nacemos? E que atención nos esixe a noticia e peso do famoso melón que se mide coa balanza do canto? Ou, en fin, o con que os académicos latinólogos nos brindan chamándolle quibus auxiliis cos que logrou, por exemplo, un náufrago o esforzo de chegar a terra firme?
Oito claves, oito oportunidades para aclarar unha noticia. Alá imos cada día en Prensa-Escuela. Que non escape nin unha!
Actividades
A1 | Eliximos, xa que logo, unha noticia interesante, importante, investigable (os 3 is) e aplicamos as claves —os oito gloriosos ecos— para entendela mellor.
A2 | Un esforzo máis creativo? Reunímonos en subgrupos de tres, por exemplo, e creamos pola nosa conta unha noticia.
A3 | Escribimos un breve texto no que figuren as 8 claves. Difícil…!, adoitan dicir os que se someten en clase a esta experiencia. Pois aí está! Xornalismo claro. Bo traballo.
A4 | A imaxe corresonde á noticia da nena que pasou 20 horas á deriva nunha táboa de surf. Investigade se ten as sete claves.