CRISTÓBAL RAMÍREZ
Os Camiños de Santiago percorren territorios moi variados, dende as Rías Altas ata as altas montañas de Lugo, dende a península onde o cabo Fisterra invade o Atlántico ata a chaira da Limia (famosa, por certo, polas súas patacas, que por razóns claras non podían nin coñecer os peregrinos medievais: as patacas viñeron de América e os europeos non chegamos a América, da man de Cristóbal Colón, ata 1492). E algúns deses espazos gozan dunha protección especial, catalogados na Rede Natura 2000. Pero, en todo caso, a paisaxe en Galicia é das máis esplendorosas do mundo.
Unha delas é a desembocadura do río Lambre, unha vez deixado atrás o Miño, no Camiño Inglés, que ten un gran interese desde o punto de vista ornitolóxico: por alí recalan centos, se non milleiros, de aves. Outra é, tamén, un río, pero na punta contraria do país: o Támega. E isto último require unha explicación.
Existía un Camiño de Santiago secundario que discorría e discorre polo interior de Portugal, cheo de montañas vellas e sen grandes alturas. É unha ruta recoñecida como oficial, conste. A cidade máis fácil de atopar nun mapa é Chaves, moi preto da fronteira coa provincia ourensá. E por aí, marchando en paralelo ao río Támega, discorre esa ruta xacobea. Ou sexa, vai cara ao norte para unirse co Camiño do Sueste. Onde exactamente? Pois é curioso, porque chega a Verín, e o lóxico sería pensar que xusto aí. E en efecto, moitos peregrinos facían iso, e viraban ao oeste, cara a Xinzo de Limia e á hoxe turística Allariz. Pero outros peregrinos continúan rectos, polo precioso val do Támega e o seu magnífico bosque de ribeira, para chegar a Laza e atopar nesa localidade —moi famosa polo seu entroido— o outro ramal do Camiño do Sueste, a chamada historicamente Verea Vella.
Unha marabilla botánica
Aqueles que prefiren o longo Camiño do Sueste —sobre todo os que elixen ir por Verín e Allariz— van cruzar o río Arnoia, que é unha marabilla botánica e fáunica, igual que os que elixen o do Norte pasan á altura da lucense Vilalba por unha complicada rede de ríos e pequenas lagoas que tamén están incluídos na Rede Natura.
Claro que hai máis espazos dignos de ser apuntados. Por exemplo, a enseada de San Simón, que ven en toda a súa grandeza quen percorren o Camiño Portugués. Divísana cando descenden a Arcade. Quédanlles á vista tamén os dous illotes chamados As Alvedosas, antes con vacas pastando, agora sen vida animal de gran tamaño. Pero en fin, o de máis impacto que aparece ante os ollos é a illa de San Simón, que en realidade son dúas (a outra chámase San Antón) e están unidas por unha pequena ponte. Ambas teñen, por certo, unha longa historia, xa que foron lazareto (hospitais de leprosos) e campo de prisioneiros na Guerra Civil (1936-1939). O que non ven os peregrinos son as ducias de barcos afundidos trala chamada batalla de Rande, que tivo lugar en 1702 nesas augas. Por certo que, cando se fai o Portugués e se arrinca dende Tui (o auténtico comezo histórico), primeiro se pasa polas Gándaras de Budiño, que realmente non se ven moito, e logo vaise bordeando a devandita enseada de San Simón.
E máis: quen vén a Santiago polo Francés entra en Galicia pisando o concello que máis territorio natural ten protexido: Pedrafita, onde está enclavada a aldea histórica do Cebreiro, moi coñecida polos peregrinos xa dende o século IX.
E quen elixen facer o Camiño Primitivo atoparían, antes de chegar a Melide, unha respectable subida e unha magnífica baixada. E é que estaban percorrendo a serra do Careón, cun pico máis alto a 798 metros sobre o nivel das ondas. Aquí e alá verían pequenos regatos que baixaban e baixan con rapidez buscando o río Furelos, o máis importante da comarca.
Protexer o Camiño
O resumo podería ser que, váiase por onde se vaia peregrinando a Santiago, se van cruzar lugares que hai que defender e protexer para evitar que toda Galicia se encha de cemento e asfalto. Pero haberá que preguntarse se non sería mellor que Galicia enteira estivese coidada e mimada con agarimo polos seus cidadáns, dende os vellos ata os nenos das escolas.
PEREGRINOS HISTÓRICOS: Margery Kempe
Sen ningunha dúbida, as mulleres tamén peregrinaron a Santiago, aínda que nunha cantidade moi pequena se a comparamos cos homes que tamén o fixeron. Unha das máis famosas foi Margery Kempe, a primeira —que se saiba— que percorreu o Camiño Inglés, moi probablemente dende A Coruña.
Margery Kempe, nai de catorce fillos, foi unha famosa mística inglesa que en xullo de 1417 embarcou no porto inglés de Bristol, despois de intentalo durante quince días, porque ninguén a admitía a bordo. En efecto, dicían que unha muller nun barco traía mala sorte, e ninguén quería achegala a Galicia, ata que interveu o bispo daquela localidade. Ao final, un capitán aceptouna pola presión do bispo desa localidade británica. O problema foi que os seus supersticiosos mariñeiros advertiron a Kempe que, se atraía a unha tempestade o a un monstro mariño, a tirarían pola borda sen máis. Margery aceptou o reto. E saíu viva, tanto á ida como á volta. Tivo sorte de que non se tiveran cruzado cunha tempestade, tan comúns nas augas atlánticas, porque seica Margery acababa no fondo do mar.
Margery Kempe ten hoxe en día unha estatua dedicada na localidade de Sigüeiro (municipio coruñés de Oroso, limítrofe co de Santiago) inaugurada no 2020. A peregrina escribiu (ou ao parecer ditou a outro) a súa biografía, titulada The book of Margery Kempe, publicada hai pouco en castelán.
PEREGRINOS HISTÓRICOS: AIRAS NUNES
Airas Nunes foi un clérigo e trobador —posiblemente nacido en Santiago de Compostela— do século XIII moi vinculado ao Camiño. Entre os anos 1284 e 1289 era poeta na corte do rei Sancho IV de Castela, monarca ao que acompañou nunha das súas dúas peregrinacións ata Compostela.
Iso si, ignórase aínda en cal delas foi: ou ben na de 1284 ou ben na do ano 1289. Ademais, Airas Nunes colaborou na redacción das famosas Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, un rei que protexeu aos peregrinos.