MARÍA HERMIDA

Entrevistar a unha mestra sempre ten un aquel de exame no maxín do entrevistador. Se ademais con quen se fala é con Vitoria Ogando Valcárcel (Bos Aires, 1956), profesora xubilada de Lingua e Literatura Galega, unha pensa que ela se ha fixar en cada erro no vocabulario, en cada pronome mal colocado, en cada castelanismo incluído… Non obstante, Vitoria, afincada en Pontevedra e que forma parte da histórica primeira xeración de docentes de galego, consegue nunha soa conversa algo ben fermoso. Co seu falar pousado, co optimismo que lle bota á vida e coa confianza que dá dende o saúdo inicial consegue que, conforme avanza a charla, unha se esqueza dos seus erros e repare no que fai ben; que valore que sabe falar galego e a riqueza e ledicia que iso supón. Ten Vitoria esa capacidade tan valiosa de facer sentirse mellor á persoa coa que dialoga. Non é, dende logo, unha virtude menor para quen foi mestra dende a década dos oitenta ate o ano 2015, sempre no instituto Valle-Inclán, de Pontevedra.

—Naceu vostede na Arxentina: é filla da emigración?

—Son, claro que son. O que pasa é que cando tiña 5 anos me trouxeron a Galicia. Primeiro vivimos en Ourense e despois, cando eu tiña 10 anos, marchamos para Santiago de Compostela, a cidade na que estudei a carreira.

—Foi alumna da primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa: por que?

—Nós empezamos no ano 1973 a carreira e era Filoloxía Hispánica. Ademais, empezamos dun xeito peculiar. Ese ano, a un ministro de Franco ocorréuselle que as clases non tiñan que arrancar en outubro, senón en xaneiro. E así se fixo. Ao ministro destituírono ao pouco tempo, pero nós ese ano tivemos que facer o curso en menos meses, foi tremendo. Despois, xa morto Franco, no ano 1976, foi cando comezou Filoloxía Galego-Portuguesa. A verdade é que naquel momento o que parecía é que todo o tema do galego ía ter moito futuro. E, guiada por iso, fixen a especialidade.

—E que pasou unha vez rematada a carreira? Tivo traballo axiña?

—Pasou que, efectivamente, o galego tiña moito futuro… Pero era futuro, non presente. Rematei a carreira no ano 1978 e non había oposicións, así que estiven tres anos de profesora axudante na universidade. No ano 1981, por fin houbo as primeiras oposicións e de aí saímos os primeiros catedráticos de instituto de Galego. A min mandáronme ao instituto Valle-Inclán, de Pontevedra, e o meu home, ao que coñecín na carreira, conseguiu unha praza noutro instituto pontevedrés, así que alá fomos os dous. Iamos por un ano, pero despois non puidemos concursar, logo naceu o noso fillo e… despois Pontevedra atrapounos para sempre, realmente.

—Chegou coa democracia en cueiros ao un centro de Pontevedra, a dar clases de galego: como a acolleron no centro?

—Houbo de todo. En xeral, ben, pero algunha vez escoitabas iso de que o galego non era útil e cousas así. E tamén pasaba que che viñan con iso de que tal rapaz repetía polo galego. E ti tiñas que defender que non, que repetía porque lle quedaran tres materias e o galego era soamente unha delas. O que si teño que dicir é que naquel momento había máis rapaces galegofalantes que actualmente, sobre todo porque había menos institutos e viñan moitos alumnos da zona rural.

—Defínase como mestra. Como eran as súas clases?

—Penso que sempre intentei ser moi práctica, quería darlles ferramentas para falar e escribir en galego. E creo que nunca perdín a paixón que tiven dende nena por ser profesora. Había alumnos aos que non lles dicías nada, aos que nin fu nin fa, pero outros que se implicaban moito. E só por iso xa nunca perdías a paixón. Agora, que atopo a moitos, é moi bonito cando me din que me lembran porque lle dei valor a que falaran galego. Tamén fun unha mestra á que me custaba moito corrixir e poñer cualificacións. E, sobre todo, doíame moito cando tiña que poñerlle unha nota baixa a un alumno que se esforzaba. Sempre acababas facéndote esa pregunta de que puideches facer doutra maneira para que obtivera mellores resultados.

—Estivo dende os oitenta ata o 2015 en activo e ademais no mesmo instituto. O ensino cambiou para mellor ou para peor?

—Eu son optimista. Eu creo que o cambio principal é que nos primeiros anos nos chegaba un alumnado moi seleccionado. É dicir, a maioría non accedían ao instituto. Cando a educación se fixo obrigatoria ata os 16 anos, pois baixou un pouco o nivel, porque xa non había esa criba previa, pero o ensino fíxose moito máis inclusivo. O sistema anterior era máis cómodo para o profesor, pero non necesariamente mellor.

—Xubilouse no 2015 aos 59 anos por enfermidade: como se atopa e que fai agora?

—Estou ben, afortunadamente. Leo cousas que me apetece, que antes lía sobre todo polo traballo. E manteño o portal que creei co meu home, Ogalego.eu, onde compilamos o material de clases que reunimos durante décadas.

—Bótanlle horas ao portal…

—Pois a verdade é que si, intentamos ir actualizando todo e agora tamén temos persoas que colaboran con nós. O certo é que, cando toca preparar o selectivo, o alumnado de media Galicia consulta a nosa páxina. No último selectivo chegamos a ter 600.000 visitantes.

—A iso chámaselle xubilación activa. Como mestra de literatura, diga un libro ou autor imprescindible en galego para os mozos.

—É complexo, serían moitos. Quedo co Balbino, de Neira Vilas. Pero tamén con Carlos Casares. E, dos actuais, con Antón Riveiro Coello, a quen por certo mo descubriu Casares, que me dixo que tiña gran futuro como escritor.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies