L. Cancela
Hai xusto unha semana, Eslovaquia viviu un intento de magnicidio, un tipo de delito que consiste no asasinato dunha figura política ou pública relevante, xa sexa un presidente, un primeiro ministro ou un rei. Neste caso, a vítima foi Robert Fico, primeiro ministro (o homólogo de Pedro Sánchez) de Eslovaquia.

Que pasou?
O primeiro ministro de Eslovaquia, Robert Fico, resultou ferido de bala nun ataque armado. Rapidamente foi trasladado en helicóptero en estado moi grave ao hospital para ser operado.

Como sucedeu?
O suceso ocorreu en Handlová, que é un municipio situado a menos de 200 quilómetros de Bratislava, a capital do país. Cando Fico saía dunha reunión do Consello de Ministros, achegouse a saudar a un grupo de seguidores que o esperaban na rúa. Nese momento, un home abriu fogo contra el e efectuou ata cinco disparos. O atacante foi neutralizado e detido ao instante.

Quen o fixo?
O culpable chámase Juraj Cintula e ten 71 anos, segundo recolleron varios medios de comunicación locais. É natural de Levice, preto do lugar do ataque. É un home contraditorio. É poeta e membro dun club literario, e aínda que chegou a fundar unha plataforma contra a violencia, puido saberse que nos últimos dez anos estivo vinculado a un grupo paramilitar ultranacionalista e prorruso, e ademais escribiu en contra da minoría xitana nalgún dos seus poemas. Participou en varias protestas antigobernamentais.

Por que?
Declarouse culpable e xustificou os seus ataques dicindo que rexeitaba o Goberno de Fico polas decisións que estaba tomando. O ministro do Interior eslovaco, Matus Sutaj Estok, dixo que era un lobo solitario, aínda que este punto non está de todo claro.

Cales son esas medidas de Fico que lle molestaron?
Desde que Robert Fico saíu elixido como primeiro ministro outra vez en outubro do 2023 (xa estivo no cargo noutras dúas ocasións, entre o 2006 e o 2010, e entre o 2012 e o 2018, cando dimitiu), presentou un discurso nacionalista, prorruso e contra a inmigración. De feito, estes últimos meses foron moi polémicos. En primeiro lugar, porque levou a cabo reformas como o peche da Fiscalía Anticorrupción, que se dedicaba a investigar casos de corrupción, entre eles, algún que afectaba ao seu partido; ou a intención de pechar a actual radiotelevisión pública, un feito que, segundo a Comisión Europea, sería un golpe á liberdade de prensa. O Goberno de Fico tamén deixou de enviar axuda militar a Ucraína.

Como está Fico?
Houbo de ser operado en dúas ocasións. Segue na uci, grave pero estable.

Cales poden ser as consecuencias para o atacante?
A policía acusa ao detido dun intento de asasinato premeditado por vinganza, cunha pena que oscila entre os 35 anos de prisión e cadea perpetua.

 

Outras agresións a dirixentes por odio ideolóxico: Macron e Rajoy

Máis aló do ataque a Fico, no pasado tamén se coñeceron outros episodios. No 2015, un mozo de 17 anos agrediu a Mariano Rajoy, expresidente do Goberno e exdirixente do Partido Popular, cando realizaba un acto de campaña electoral en Pontevedra. No 2021, un home deulle unha labazada ao presidente francés, Emmanuel Macron, cando visitaba o departamento de Drôme, no sueste de Francia. Agora ben, a violencia non sempre é física. Ás veces, un pode sentirse agredido sen recibir un golpe. En ocasións, vemos que en manifestacións violentas quéimanse imaxes ou bonecos de dirixentes ou cargos públicos, entre eles, Pedro Sánchez, presidente do Goberno. Pode xustificarse esta acción co feito de non estar en concordancia das súas medidas?

Cinco presidentes morreron en atentados en España

A historia de España acumula, entre 1870 e 1973, cinco magnicidios que se cobraron a vida de presidentes de España. O primeiro, ocorrido o 27 de decembro de 1870, tivo como vítima a Juan Prim i Prats, que era presidente do Consello de Ministros (o que hoxe se coñece como presidente do Goberno). O seguinte foi Cánovas del Castillo, no mesmo cargo, en agosto de 1897: un anarquista italiano disparoulle mentres estaba de vacacións. O terceiro desta lista foi outro presidente, o ferrolán José Canalejas, asasinado en 1912 a mans dun anarquista tamén. Como o foi o cuarto, o coruñés Eduardo Dato, en 1921; e finalmente, o máis recente e último foi Luis Carrero Blanco (presidente do Goberno durante a ditadura de Francisco Franco) en 1973, asasinado pola banda terrorista ETA.

ACTIVIDADE BÁSICA

En Eslovaquia

É importante coñecer o resto dos países que forman Europa. Aproveitando a actualidade, saberías dicir onde está Eslovaquia?, cales son os países cos que ten fronteira?
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Eleccións europeas, o aumento da polarización

O intento de magnicidio do primeiro ministro de Eslovaquia, Robert Fico, é unha mostra máis da enorme escalada de odio e polarización que atravesan Europa e os Estados Unidos nos últimos anos. Esta situación preocupa, especialmente, ás portas das eleccións ao Parlamento Europeo, que se celebrarán entre o 6 e o 9 de xuño (en España, o 9). A comezos de maio, Bruxelas consternouse por outra noticia, a agresión ao eurodeputado socialista Matthias Ecke mentres pegaba carteis na súa cidade; e unhas semanas antes, a socialista Iratxe García, de España, amencía con pintadas de insultos na súa casa, en Valladolid. Non foron os únicos episodios: a queima de carteis electorais na casa dun concelleiro socialista belga ou a agresión a un deputado dos ecoloxistas alemáns, Kai Gehring, súmanse á preocupación das institucións europeas.
Unha violencia física que non nace sen que haxa un discurso verbal previo. Atopar a orixe é complicado. Por exemplo, unha investigación sociolóxica publicada no 2016, que estudou que sucedía despois de cada crise financeira entre 1870 e o 2014, concluíu que, nos cinco anos posteriores ao seu fin, os partidos de extrema dereita melloran os seus resultados nun 30 %. Esta visión pode ser interesante se temos en conta que a última crise económica viviuse coa epidemia do covid.
Outra situación: se comparamos os datos reflectidos na Enquisa Social Europea, realizada entre o 2004 e o 2016, e que mide as inclinacións políticas dos europeos, obsérvase unha gran discrepancia en temas tan variados como a inmigración, a multiculturalidade, a integración europea, a confianza no Parlamento ou a satisfacción co seu Goberno.
Nestes contextos, as poboacións son convencidas por salvadores, persoas que se presentan con todas as solucións na man, o que por definición é imposible: unha sociedade necesita das ideas e o empurre de todos para saír adiante.
Agora cabe preguntarse: como se pode parar isto?, credes que a sociedade é reflexo da política ou que a política é reflexo da sociedade?

 

Trinta empresas de Alemaña piden que se free aos partidos antieuropeístas

A situación dun país inflúe, enormemente, na súa economía. A inestabilidade política pode desestabilizar a bolsa (mercado de compra e venda de participacións en empresas). Nun debate aberto sobre como a sociedade se está polarizando, trinta grandes consorcios empresariais de Alemaña uníronse para frear o avance da ultradereita. Entre todos suman uns 1,7 millóns de empregados, e coa alianza Defendemos os Valores piden o voto para os partidos que están a favor da Unión Europea e alertan das consecuencias que tería votar a formacións ultradereitistas que están en contra. «Queremos máis diversidade, máis apertura e máis tolerancia para unha sociedade na que mereza a pena vivir e haxa prosperidade», dixo Roland Busch, conselleiro delegado de Siemens. Outras empresas adheridas son Deutsche Bank, Deutsche Bahn (a empresa pública de ferrocarrís), Bayer, Volkswagen, Eon, BMW, Allianz, Mercedes ou Basf, entre outras. Sinalan que a prosperidade da economía só pode ir da man de Europa e que, ademais, non ten sentido pedir a saída do país dos inmigrantes, cando son unha parte imprescindible dos traballadores.
Esta alianza planea concienciar aos seus traballadores mediante roldas de debate internas, talleres, vídeos e outros actos informativos. Todo isto coa intención de amosar o valor engadido da diversidade.

 

ACTIVIDADE MEDIA

Arxentina e España

Xavier Milei, presidente de Arxentina, dixo que a muller do presidente de España, Pedro Sánchez, é unha corrupta, o que desatou un conflito diplomático. Que papel deben ter os políticos neste tipo de situacións? Debería pedir perdón?

ENTENDER

A escalada de odio, ingrediente da guerra

■ A violencia sempre acaba levando a máis violencia. Sabedes cal foi o detonante da Primeira Guerra Mundial? O asasinato do herdeiro do Imperio de Austria-Hungría, o 28 de xuño de 1914 en Saraievo (Bosnia), perpetrado por un mozo nacionalista serbio. Este feito derivou nunha crise diplomática na que Austria-Hungría deu un ultimato a Serbia, e esta pediu axuda a Rusia; a partir de aí, e sen que ninguén soubese moi ben como, estalou unha guerra que estragou Europa.

■ A UE que todos coñecemos hoxe en día naceu despois da Segunda Guerra Mundial, coa creación da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, fundada en 1951, entre cuxas intencións estaba a de establecer unha paz duradeira.

■ Tamén aparecen organismos internacionais como as Nacións Unidas, co obxectivo de facer de mediador entre conflitos diplomáticos e evitar as guerras: a pelexa non debe ser a saída.

ACTIVIDADE AVANZADA

Pensar diferente

Pensade nun tema polémico, da vosa elección. Creade dous grupos, un a favor e outro en contra. Cada grupo debe escribir unha lista de razóns no taboleiro e despois as comparades. De seguro que atopades moitas cousas en común!

PROFUNDAR

A falsa polarización, o fenómeno que pode magnificar os enfrontamentos

■ A forma de actuar dos políticos importa, porque os seus votantes poden imitalos. Agora ben, como sociedade temos o deber de educar no entendemento e o respecto.

■ É máis, é posible que, moitas veces, non esteamos tan lonxe uns doutros como pensamos. O psicólogo social e profesor de Harvard Robert Robinson realizou un estudo con estudantes de ideas liberais e conservadoras. Entrevistounos e preguntoulles acerca da súa posición sobre o aborto, o conflito racial nos Estados Unidos e que crían que pensaban as persoas que votaban ao partido contrario.

■ Que atopou? En primeiro lugar, a diferenza entre uns e outros non era tan grande como parecía. Ademais, viu que uns e outros sobreestimaron ao contrario. Isto levou a Robinson a describir este fenómeno como a falsa polarización. Credes que sucede na vosa contorna?

■ Isto non quere significar que a sociedade non estea polarizada, senón que como cidadáns tendemos a magnificar as diferenzas. Poderiamos empezar por corrixir a percepción errónea que temos sobre outros que pensen diferente? Que pensades que se podería facer para reducir as tensións?

■ Pensade nun tema e buscade xente que pense de xeito diferente. Debe ser xente que saiba do que fala! Analizade as súas mensaxes, ao mellor non son tan diferentes.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies