OLGA SUÁREZ
De seguro que pensas que estudar historia pode ser aburrido, ou só resultar emocionante se gozas pensando no pasado; tamén pode ser que creas que so co profesor adecuado a historia pode ser divertida. Os teus mestres dispoñen hoxe dunha gran cantidade de recursos educativos cos que acompañar o temario, pero tamén é certo que agora é máis difícil que nunca atraer a túa atención. De seguro que un material que pode ser de gran axuda son as novelas gráficas e hai un bo número delas que, aínda que trátanse de historias de ficción, están ambientadas en determinados momentos da historia que, dende primaria ata bacharelato, podes relacionar cun tema estudado na aula.
En La Voz de la Escuela imos abrir un espazo para falar de todo isto, que é positivo por tres razóns: estas historias entreteñen, animan á lectura e axudan a comprender como era a vida noutros tempos, as circunstancias que provocaron unha guerra ou as causas dun certo cambio na organización territorial.
Como xurdiron as cidades e por que se estableceron no lugar onde se atopan? Compostela, por exemplo, era un lugar ben situado, localizado nas terras que comunican as Rías Baixas e Braga (hoxe en Portugal, pero na época dos romanos capital do que eles chamaba Gallaecia) co porto romano de Brigantium (hoxe A Coruña). Na Idade Media, o descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago converteu esta pequena vila nun importante centro de peregrinación, un referente en Europa, pero ao mesmo tempo moi envexado por outros lugares estratéxicos, como a propia Braga. A historia de Aleida enmárcase neste Santiago de 1188, un cómic moi axeitado se estás a rematar a primaria, que che permite entender mellor a vida neses mil anos (do século V ao XV). A través das aventuras desta valente rapaza, filla dun obreiro da construción da catedral, os lectores poden viaxar no tempo e coñecer a historia dos templarios, o papel da muller nesa época, o poder da Igrexa, a influencia dos reis ou as dificultades para viaxar entre os territorios do reino.
Está editado por Demo, unha editorial de banda deseñada en galego, que conta cunha serie chamada Eumedievo na que se recollen precisamente varias obras que levan aos lectores novos a esa etapa da historia a través de curiosas aventuras. O último título desta colección, Roxín Roxal, non só serve para coñecer a diferenza entre nobres e campesiños, senón que inclúe a figura dun heroe do imaxinario medieval galego para falar da historia dun topónimo da comarca do Eume.
As revoltas irmandiñas
O alumnado de maior idade, xa de ESO e bacharelato, pode mergullarse na Galicia do século XVI a través de La espada de San Eufrasio, unha serie de cinco cómics escritos en castelán que evoca a revolta irmandiña, un dos acontecementos populares máis relevantes da Europa medieval, cando os campesiños vivían na miseria, ameazados a partes iguais polos señores feudais e pola Igrexa. Editado por edicións Diábolo, amosa a violencia á que son sometidos os máis pobres e o desexo de supervivencia dunha familia obrigada a fuxir á montaña lucense para sobrevivir aos excesos da nobreza e regresar ás súas terras en Vilalba.