C. PORTEIRO
Ei! Deixade as fanequeiras e o bañador onde se poidan ver. Onte comezou o verán, pero antes de que marchedes a fume de carozo da aula, prestade atención… Oídes ese ruxe ruxe? Aínda resoan os sons guturais do volcán da Palma. Quen podía saber todo o que se move por debaixo dos nosos pés e o pequenos que somos diante da forza da natureza! Daquela, hai xa oito meses que o volcán deixou de cuspir lava. Pasaron moitas cousas de actualidade que nos fixeron rir, estremecer ou cuestionar as nosas ideas.
Pensabas comezar as vacacións deixando ao peludiño na casa ou na rúa? Nin o penses! Lembra o que falamos ao inicio do curso: cada ano son abandonadas unhas 300.000 mascotas. Gatos e cans non só son os nosos mellores amigos, aos que debemos querer e protexer, senón tamén a nosa responsabilidade. Non deixedes que os abandonen.
Gozade das merecidas vacacións, relaxádevos, pero estade atentos a algo moi importante que aprendemos este ano: hai que aforrar electricidade. Polo menos ata contar con fusión nuclear estable, esa fonte case infinita de enerxía. Ata entón, o máis probable é que os nosos pais sigan pendentes da factura da luz e os carburantes. Por que, como falamos en marzo, vivir é moi caro! As cousas non mudaron moito dende entón. A invasión de Rusia a Ucraína, a peor crise en Europa dende a Segunda Guerra Mundial, continúa, desestabilizando todo o continente e obrigando aos Gobernos a prescindir dos combustibles e outros produtos rusos como castigo. Pero claro, iso ten un custo. Sábeno ben os candidatos de Eurovisión. Lembras? Os europeos votaron de forma masiva aos ucraínos como sinal de solidariedade. Porque defender os nosos valores democráticos esixe sacrificios.
Por desgraza, alí non estaban as nosas amigas Tanxugueiras. Pero podemos estar ben orgullosos delas. Non haberá festa no verán no que non afoguemos cantando Terra. Sen máscara, iso si, porque despois de dous anos tapando a boca, xa podemos berrar sen ela. Grazas á vacinación, que tamén chegou ás aulas. E aos sanitarios, que coidan de nós.
A saúde, tamén a psicolóxica, xa o sabedes, é o máis importante. E non hai nada mellor que deixar a un lado os complexos, a toxicidade das redes, as longas horas de streaming e saír a xogar cos amigos. Non esquezades as leccións que aprendemos de Rafa Nadal: hai que estar preparados para gañar, perder e levantar cando caemos.
Non deixes de mergullarte no mar. Non temas. O tiburón dentes de can non adoita subir á superficie. É máis perigoso o cambio climático. E, por riba de todo, mira ao ceo de noite. Como fai o telescopio James Webb. Quen sabe cando daremos atopado novos veciños e que sorpresas nos depara o pasado!
Fostes avogados, científicos, historiadores e artistas
Fixestes debates sobre a obrigatoriedade das vacinas, buscastes solucións á fuga de talento de Galicia e puxéstesvos nas carnes dun avogado para entender o Código Penal, co caso das gravacións de mulleres na festa da Maruxaina. Ata vos convertestes en científicos, facendo un escrupuloso rexistro dos peludiños abandonados da vosa veciñanza, e economistas, anotando a evolución dos prezos da compra. Tamén houbo tempo para facer de historiadores, repasando a crise alimentaria máis grave de España, a do aceite de colza, e rescatando cancións que nos falan de feitos históricos, como Laika, 1944 ou Bloody Sunday. Houbo quen se atreveu coa arqueoloxía, facendo un mapa do patrimonio espoliado a países como Exipto.
Sacamos o Risk, debatemos sobre o control de armas, buscamos a inspiración para facer a nosa propia obra de arte e nos preparámonos para un encontro alieníxena!
Pero tamén aprendestes a comunicarvos, a perder o medo a amosar as emocións e a poñervos no lugar dos outros, esa calidade tan bonita que é a empatía.
40 ANOS APRENDENDO XUNTOS
Este ano foi máis especial, se cabe, porque puidemos celebrar con vós os nosos 40 anos de vida. Son unha chea deles! Unha aventura que comezaron os irmáns Fernando e Jesús Garrido e na que embarcaron a moreas de xornalistas, divulgadores, profesores e alumnos que continuamos esa travesía ilusionados e co afán de continuar despregando velas. Por outros 40!
20 outubro
As vítimas do aceite de colza, esquecidas tras 40 anos. Lembramos a peor crise sanitaria da España moderna despois de que os afectados ameazaran con quitarse a vida no Museo do Prado.
27 outubro
O volcán da Palma, ruxindo como nunca. A catástrofe natural deixou a miles de persoas sen casa e sen traballo. Hai moitos máis activos no mundo!
3 novembro
As mascotas: mellores amigos con máis dereitos. Repasamos as regras aprobadas polo Goberno para ter máis control sobre os animais domésticos e evitar o abandono dos nosos peludiños.
10 novembro
O crime de Lardero: xustiza, non vinganza. O triste caso do neno Álex fainos reflexionar sobre as leis e a reinserción de criminais na sociedade.
17 novembro
O caso Maruxaina. O tratamento xudicial do caso das mulleres que foron gravadas mentres ouriñaban nesa festa mariñá reabre o debate sobre o machismo.
24 novembro
Conducir un eléctrico aos 16. Está un adolescente preparado para coller un coche de ata 90 quilómetros por hora? A DGT aprobouno agora, en xuño.
1 decembro
A misteriosa morte dos estorniños. Ninguén en Ferrol era quen de explicar a morte repentina de 200 estorniños caídos do ceo. As probas conclúen que chocaran con moita forza entre eles en pleno voo.
15 decembro
Un Nadal sen agasallos? Este ano, Papá Noel e os Reis Magos tiveron problemas para traer os agasallos polos atascos nos portos e a escaseza de materiais para producilos.
12 xaneiro
Volvemos á aula… vacinados! Despois de case dous anos de pandemia, os cativos en España volveron ás aulas, como fixeran os seus pais e avós, por fin protexidos do covid-19.
19 xaneiro
O James Webb: un telescopio para atopar veciños. Mentres disfrutabamos do Nadal, este coloso da astronomía despegou cara ao espazo. Valoramos que dende alí dará información sobre o noso pasado e a existencia de novos astros.
25 xaneiro
O primeiro xenotransplante de corazón. A medicina marca outro fito ao implantar con éxito no corpo de dous pacientes un corazón e riles dun porco modificado xeneticamente.
2 febreiro
Tanxugueiras traspasan fronteiras en galego. Arrasan cos seus alalás do tema Terra, co que estiveron a piques de ir a Eurovisión. Un himno para reivindicar o noso idioma e o papel das mulleres na conservación da nosa música.
9 febreiro
Guía para non perdernos no noso primeiro traballo. O Goberno emprende cambios importantes no mercado laboral, unha oportunidade que aproveitamos para aprender cousas como facer un currículo ou coñecer os dereitos e deberes dos traballadores.
16 febreiro
Un sol artificial como receita para crises enerxéticas. Un experimento do JET consegue replicar una temperatura próxima á da fusión nuclear no sol durante 5 segundos. É un paso de xigante cara á produción de enerxía infinita e limpa.
23 febreiro
Naufraxio do Villa de Pitanxo. Ata 21 persoas perecen no afundimento deste barco pesqueiro galego en Terranova. Un episodio doloroso para Galicia que nos fai reflexionar sobre os sacrificios que fan os mariñeiros para levar peixe ás nosas mesas e as condicións de seguridade a bordo dos barcos.
9 marzo
A guerra en Ucraína. Rusia invade o país veciño, empurrando a Europa á peor crise xeopolítica e migratoria dende a Segunda Guerra Mundial. Os Gobernos están ante o dilema das sancións contra Moscova: que custo están dispostos a asumir?
16 marzo
Que caro é vivir! A invasión de Ucraína acelera a suba dos prezos de moitas materias primas que se empregan na elaboración dos alimentos que comemos, os pensos dos animais ou a luz e gasolina que consumimos acotío.
23 marzo
Canto pagarías por un cadro? Repasamos as vendas máis grandes da historia e reflexionamos sobre que é arte e que especulación, repasando o espolio artístico que fixeron os imperios nas súas colonias.
30 marzo
O que agochan os nosos ídolos de internet. Un escándalo de acoso anónimo protagonizado polo streamer galego ElXocas permite afondar nos problemas de saúde mental da xente nova, o impacto das redes no comportamento e a visión distorsionada que temos da vida idílica das estrelas que admiramos.
6 abril
La Voz de la Escuela fai 40 anos. Polo noso aniversario botamos a mirada atrás para ver como o foi cambiando o suplemento que acompaña a familias e profesores dende 1982.
20 abril
A caza ilegal de especies en perigo. A incautación en Valencia dunha colección de animais en perigo de extinción disecados pon enriba da mesa o debate sobre a caza.
27 abril
Fin a dous anos con máscaras. O Goberno retira a obrigatoriedade de cubrir a boca, agás no transporte público e os hospitais. Non todo o mundo quere. Uns por seguridade, outros porque teñen complexos.
4 maio
Alerta: unha hepatite descoñecida. Cando semellaba que o peor xa pasara co covid-19, aparece unha hepatite que non se sabe de onde procede e que obriga a algún menor a recibir transplante.
11 maio
O Día das Letras Galegas. Galicia honra a Florencio Delgado Gurriarán, o home que mantivo viva a literatura galega no exilio mexicano.
18 maio
O Eurovisión máis político da historia. Xamais unha vitoria neste festival de música fora tan esmagadora como a que conseguiu Ucraína, unha mostra de solidariedade dos espectadores europeos co drama do seu país.
25 maio
A menstruación deixa de ser tabú. O Goberno propón conceder días de permiso ás mulleres con fortes dores menstruais. Unha oportunidade para falar dos custos dos produtos de hixiene feminina, os estigmas e o paternalismo da publicidade.
1 xuño
Tiroteo en Texas. Unha nova masacre en Estados Unidos acaba coa vida de 19 nenos e dúas profesoras. Analizamos a psicoloxía do asasino e a facilidade para mercar armas nese país.
8 xuño
Inusual visita a Galicia dun tiburón. Nunca antes se vira nas nosas costas un tiburón dentes de can, polo que os científicos tratan de dar unha explicación ao seu avistamento.
15 xuño
A lenda de Rafa Nadal. O considerado mellor deportista español de todos os tempos volve gañar un Roland Garros. E con nada menos que 36 anos! Falamos da cultura do esforzo e a dureza da retirada da alta competición.