INTRODUCIÓN
Na Unidade 1 intentamos unha definición de solidariedade como valor cidadán. Buscamos despois na Unidade 2 unha forma de ser solidario, seguindo o exemplo e estímulo de organizacións e de voluntarios que a practican dun modo sistemático. Damos agora na Unidade 3 un paso máis, ou volvemos sobre nós mesmos: ¿Somos solidarios no mesmo colexio e, concretamente, na actividade que máis tempo nos ocupa cada día? Solidariedade na aprendizaxe, por aí empezamos; e rematamos, como sempre, con noticias, cinema e libros, completando así este ciclo dedicado a ser sólidos, fiables e comprometido neste valor cidadán.
Importante: O e-studio sobre Solidariedade está dividido en 3 Unidades, editadas separadamente na web, que poden ser consultadas nun documento único na versión Word adxunta a este documento.
1. A NOTICIA
Solidariedade na aprendizaxe
Dise que existen máis de 3.000 oenegás en España e que, segundo as conclusións do Observatorio Xuvenil 2008, máis dun millón de mozos de 16-27 anos, un 14% do total da poboación, colabora nalgunha institución solidaria. Os seus motivos son «sentirme ben e útil axudando aos demais, «cambiar a mellor o mundo e esta sociedade» e «madurar persoal e profesionalmente». Por outra parte afirman que a falta de tempo impide unha maior participación e que, por outro lado, ninguén lles propuxo esta forma ou estrutura de colaboración social.
En contraste con esta xenerosidade aberta co que pasa fóra do colexio, o cal está moi ben, a noticia é que os alumnos pasan a maioría do tempo que consumen en clase facendo actividades de tipo autónomo. De cando en vez propóñense traballos en grupo nos que a todos se lles pide que colaboren. E, ao final, as avaliacións son sempre individuais, e o traballo en grupo é máis ben un medio para conseguir unha mellor aprendizaxe individual, pero non se valora como tal: isto é, en xeral ninguén ten nota por traballar ben ou menos ben no seu grupo, aínda que a nota non sexa precisamente o máis importante.
Despois, en horarios non de clase académica, moitos colexios dedican tempos especiais a traballar, en grupos voluntarios, temas e actitudes como é a da solidariedade: organízanse, fan campañas, axudan a xentes necesitadas e mesmo se dan un nome de grupo que os distingue.
¿Pódense cambiar un pouco as cousas e facer que o traballo que ocupa case todo o tempo académico sexa especialmente solidario, no que cada un non estuda e aprende principalmente para si, senón para si e os demais? ¿É crible que o valor cidadán da solidariedade non entre dunha forma estrutural en todas as accións do currículo escolar e se deixe, como un apósito extra, só para tempos engadidos á tarefa educativa?
¿Teñen razón os mozos da enquisa do Observatorio xuvenil 2008 en que non hai tempo para ser solidarios dun xeito estructurado e que, sobre todo, ninguén lles propuxo formas ou estruturas de colaboración social? ¿Dáse tamén isto nas actividades académicas do colexio?