4. ACTIVIDADES

Buscamos a través das técnicas de Información, Casos que presentan as noticias, un Xogo que pode servir de motivo para unha reflexión do concepto e condicionamentos que leva consigo a solidariedade, e finalmente unha Enquisa breve de actitudes sobre a práctica solidaria.

TÉCNICA: INFORMACIÓN

A definición etimolóxica: O dicionario indica que a persoa solidaria é aquela que contrae obrigas «in sólidum». ¿E sabes que significa «sólidum»? Era unha moeda romana de ouro que puxo en circulación o emperador Constantino o Grande (324-347). A acepción de sólido, macizo, forte, deu tamén sentido á palabra solidariedade: un compromiso, unha obriga que non queda en palabras que pode levar o vento, unha forma de adhesión aos demais e de axuda ao seu traballo e á súa vida.

-Coas propostas de Actividades, buscaremos definicións de solidariedade que o grupo vai propoñendo.

TÉCNICA: CASOS

A solidariedade nas noticias do xornal. Non só se trata de definir que é solidariedade senón de buscar situacións e formas de poder axudar aos que o necesitan.

1. Galegos solidarios. Dende unha crise que ninguén conta, Nacho Arteche coordina as emerxencias de Save The Children en Asia. Só en Filipinas, relata, o conflito armado desprazou o ano pasado a 375.000 persoas. A atención internacional vai marcando a súa axenda a golpe de titular nos xornais. «Eu escribo dende unha crise esquecida», di por correo electrónico, a xeito de presentación, Nacho Arteche. Cando estas liñas se publiquen, este coruñés estará rumbo a Birmania e Filipinas.

-¿Que é Save the Children?

2. Brasil: O Davos dos pobres. Os movementos sociais altermundistas discuten en Belem alternativas para inverter o signo da globalización. Mentres os líderes e empresarios mundiais debaten en Davos solucións á crise, 100.000 altermundistas dos movementos sociais buscan na amazónica Belem como poñer en práctica o seu lema «Outro mundo é posible».

– ¿Que din os altermundistas?

3. Foro de ONG en Área Central. As oenegás piden maior implicación dos Gobernos na loita contra a pobreza. «Non hai paz sen educación para a paz». Con esta filosofía, preto de 30 oenegás déronse cita no centro comercial Área Central de Santiago para celebrar unha nova edición do Foro de ONG, unha iniciativa que naceu hai unha década. Nos diversos postos cada oenegá presentou os seus novos proxectos e produtos cos que axudan aos que teñen necesidade da súa atención.

-¿Que son as oenegás?

4. Rede Solidaria da Mocidade. Son estudantes que, pola súa idade, non poden aínda ser pero si apoiar a institucións en momentos puntuais. Deste modo, procedentes de tres institutos de A Coruña (IES de Elviña, Puga Ramón e Agra del Orzán), unha vintena de estudantes participaron co Banco e con Fernando Simón, o seu presidente. Colaboran dende os seus centros educativos, con institucións de inmigrantes, realizan operacións Quilo, recollen roupas, celebran merendas solidarias, concertos, acoden a hospitais, asilos ou refuxios, levando un sorriso novo e un alento de esperanza.

TÉCNICA: XOGOS

Importante: Para xogar, é imprescindible consultar antes a páxina 3 de La Voz da Escuela do 11/03/2009, onde está editado este xogo cos debuxos necesarios para poder participar.

A) Divídense os alumnos en 3 grupos de 3 xogadores cada grupo. Isto forma unha tríade de xogo. Pódense formar tantas tríades -tres grupos de 3 xogadores- como se queira; pero cada tríade é independente das demais no xogo.

B) Explícaselles que imos facer un Xogo para entender e discutir despois que é Solidariedade.

C) Entrégase a cada un dos 3 grupos de cada tríade un sobre con 5 figuras de cartolina. No sobre do grupo 1 van as cartolinas que teñen a letra A. No sobre do subgrupo 2, cartolinas coa letra B. No sobre do grupo 3, cartolinas coa letra C.

D) En cada sobre dos grupos 1, 2, 3 vai tamén unha tarxeta dicíndolles que teñen que compoñer coas cartolinas, polo menos, unha destas tres figuras: un cadrado, un triángulo, ou un círculo; pero depende de como vaia o xogo para ver cál ou cáles poden compoñer.

E) Ningún grupo da tríade ten no sobre as cartolinas axeitadas para facer ningunha desas tres figuras. Polo tanto necesita a axuda dos outros grupos; pero nunca (¡nunca!) poden pedir esta axuda nin verbalmente nin por sinais.

F) Comeza o xogo e cada un dos 3 grupos pode dar e recibir cartolinas dos outros dous grupos da tríade, pero nunca as pedir. Se as pide verbalmente ou con xestos, córtase o xogo e vólvese empezar.

G) Cada grupo debe dicir grazas, sexa cal sexa a cartolina que outro subgrupo lle dá, tanto se é a que lle vale ou non lle vale para compoñer algunha das tres figuras: cadrado, triángulo, círculo.

H) Cada grupo debe ter ocultas as cartolinas que ten, de maneira que os outros grupos non saiban exactamente cantas cartolinas lle faltan para compoñer unha figura.

I) Cando un grupo logra compoñer unha das tres figuras, segue xogando e, se non lle vale para nada a nova cartolina, pódea pasar para outro grupo.

J) ¿Que pasa coa figura extra n.º 4, que é outro círculo? ¿Ninguén o quere porque esperaba facer só unha figura? ¿Alguén o acepta e decátase de que é un premio extra?

PREGUNTA: ¿Que é solidariedade?: ¿Fixarse en qué necesidade teñen os demais? ¿Acumular tarxetas para poder compoñer a túa figura, sen mirar en que outro grupo non poden compoñer a súa? ¿Como descubriches qué necesidades tiñan os outros dous grupos? ¿Que pasou coa cuarta figura, un novo círculo, que talvez ninguén esperaba? ¿Que riscos ten fixarse nas necesidades dos demais e esquecer as propias? ¿Houbo algún grupo que retivo cartolinas por medo de que outros grupos compuxesen as súas figuras: isto é, eu gaño e que os demais perdan? ¿Houbo posturas de dar todas as cartolinas aos outros grupos e dicir: eu perdo, que gañen os demais? ¿Houbo actitudes de favorecer que gañen todos e non perda ninguén? ¿Que é solidariedade: gañar, perder, empatar?

TÉCNICA: ENQUISA

Hay xente que se declara solidaria, de palabra, pero conxuga así o verbo DAR. Completa estas frases:

E1. Eu daba, pero agora…

E2. Eu din, pero dende que…

E3. Eu daría se….

E4. Eu tería dado entón cando…

E5. Dá ti porque ti…

E6. Que dean eles, os que…

E7. Eu darei cando…

E8. Eu, a pesar de todo, dou porque…, aínda que….

E9. E, dando, que é xerundio, dise do que o vai facendo sempre que pode… ¿De quen se fala que fai iso?%u2026 ¿Coñeces algunha historia ou persoa así?…

E10. ¿Que é solidariedade?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies