INTRODUCIÓN

Na película Cadena de favores, de Mimi Leder (2000), o profesor de Sociais, Eugene Simonet, proponlles aos seus alumnos unha promoción de ideas: ¿Quen é capaz de inventar algo que poida axudar aos demais?

O protagonista, Trevor, de 11 anos, explica cun gráfico no encerado da clase como pode axudarse tres persoas, estas a outras tres, que xa son nove, que multiplicadas de novo por tres chegan a unha cantidade importante e sen límite.

A película tivo o seu éxito, aínda que logo se complica un pouco; pero o importante é o movemento que logrou en moitas escolas e que mesmo forxou unha fundación que alenta e mantén a idea de solidariedade en moita xente nova e adulta.

Cúmprense con iso as dúas frases clave palabras que, nun momento da película, pronuncia o protagonista:

-«Hai que coidar máis da xente, amar as persoas, protexelas. Porque non sempre ven o que necesitan».

-«É unha grande oportunidade de arranxar algo que non sexa a túa bici: Pódese arranxar a unha persoa».

Importante. O e-studio sobre Solidariedade está dividido en 3 unidades, editadas separadamente na web, que poden ser consultadas nun documento único na versión word adxunta a este documento.

1. A NOTICIA

Cada día os xornais recollen noticias que van a favor ou en contra da solidariedade, citando persoas, feitos, organizacións. A xeito de exemplo, eliximos dúas noticias moi solidarias: unha próxima, e outra que vén de lonxe e acaba de cumprir 40 anos.

1.1 O Banco de Alimentos de A Coruña. Proporciona víveres a máis de 200 institucións galegas. Para o seu funcionamento contan con doadores de empresas e particulares. Eles foron os protagonistas dun acto de recoñecemento que lles quixo tributar o Banco de Alimentos. Para eles foron os aplausos que se escoitaron no acto celebrado no auditorio da Fundación Barrié de la Maza na tarde do sábado 31 de xaneiro do 2009.

1.2 O primeiro Banco de Alimentos. Arizona, anos sesenta: O Estado non sabe como atender ao crecente número de parados e marxinados. Un día, unha nai de nove cativos cóntalle a Van Hengel, un xubilado que axudaba a unha institución asistencial, como conseguía dar de comer a toda a súa prole recollendo os alimentos que caían e ninguén recuperaba das descargas efectuadas de madrugada nun supermercado. Sobre esa idea naceu, en 1967, en Fénix, o primeiro Banco de Alimentos, e deu tal resultado que pronto se propagou por Estados Unidos e por Europa.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies