4. ACTIVIDADES

Cada noticia elixida ten un enlace á edición dixital de La Voz de Galicia. Será necesario para coñecer datos imprescindibles para a discusión ilustrada do tema.

Son moitas as variables que ofrecen cada un dos oito apartados propostos, que non son máis que exemplos que sirven porque che interesan ou para a elección doutros no xornal do día.

TÉCNICA: CASOS / NOTICIA

Cada día xorden no xornal noticias onde a discriminación quere impoñer a súa forza. Seleccionamos oito apartados e, en cada un deles, unha noticia sobre algún aspecto e un convite ao debate: ¿Quen ten razón, como o ves ti respecto ao valor da Igualdade?

A1 IDIOMA

Estos son algúns temas que producen discusión: bilingüismo, dialectos, linguas oficiais, linguas en extinción, lingua materna, aprendizaxe de linguas.

Noticia: A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) acusou onte de «involución histórica» as propostas educativas do PP e convocou unha marcha en Santiago para o 17 de maio en favor do galego no ensino. O presidente da MNL, Carlos Callón, asegurou que se se derroga o decreto e se eliminan as galescolas, como prevé Feijoo, a situación volverá a tempos xa pasados. Pola súa banda, Núñez Feijoo manifestou que ama profundamente o galego.

Debate: ¿Que opinas sobre este tema do galego na educación?¿Cúmprese o valor da igualdade?

A2. NACEMENTO

Nesta palabra van comprendidos, por exemplo, temas como o dereito de asilo, estranxeiro, inmigrantes, fronteiras, limitación de nacementos, orixe, poboación, refuxiados.

Noticia: Reprodución asistida. A ciencia non limita o nacemento. Oito fillos nunha soa xestación, ser nai aos 70 anos ou elixir a cor dos ollos do bebé. A ciencia fai posibles algunhas formas polémicas de entender o nacemento.

Debate: ¿Vai en contra do dereito a respectar o nacemento, á poboación, a ter fillos? ¿Ponse en xogo a dignidade humana da persoa, como moitos afirman?

A3. OPINIÓN

Algunhas situacións sobre este dereito poden ser a expresión de ideoloxías, política, liberdade de prensa e outros.

Noticia. O último touro de Osborne en Cataluña levanta ampolas. Uns considérano símbolo de imposición da cultura española, outros deféndeno como elemento decorativo.

Debate: ¿Vai contra o dereito de expresión libre manter ou destruír unha figura publicitaria que se converteu tamén en prototipo dun tempo ou dunha sociedade?

A4. PERSOA

Dignidade humana da persoa e o seu dereito a ser atendida en diversos aspectos da súa vida: discriminación negativa, discriminación positiva, educación, eutanasia, familia, tráfico humano, profesións, vida.

Noticia: Eutanasia: Un matrimonio británico con cancro quita a vida nunha clínica suíza. Trátase dos primeiros británicos que se suicidan na clínica Dignitas de Zurich.

Debate: ¿Que opinas da eutanasia? ¿É igual o dereito á vida que o dereito a determinar a propia morte?

A5. POSICIÓN

Cultural: analfabetismo, tradicións. Clases sociais. Economía: ricos e

pobres, desemprego, seguridade social. Privilexios.

Noticia: Escándalo en Lugo. Funcionarios da Xunta, do Concello e da Deputación libráronse de multas.

Debate: ¿Que opinas, segundo a noticia, de igualdade e privilexios?

A6. RAZA

Apartheid, cor, indixenismo, racismo, segregación racial, xenofobia.

Noticia: Últimos descubrimentos sobre Auschwitz: unha trintena de planos orixinais do campo no que pereceron ou foron asasinados máis dun millón de persoas, na súa maioría xudeus. Testifícao Wladyslaw Bartoszewski, de 86 anos, que sobreviviu ao masacre.

Debate: ¿Mantívose alí a igualdade e o dereito á vida?

A7. RELIXIÓN

Fundamentalismo, guerras de relixións, inquisición, intolerancia relixiosa, cruzadas, expulsións territoriais.

Noticia: Dous buses ateos compiten con tres cristiáns nas rúas coruñesas. A Coruña é a primeira cidade galega con esta publicidade, que os viaxeiros acolleron con indiferenza

Debate: ¿Ateos e crentes teñen iguais dereitos?

A8. SEXO

Aborto, cotas participativas, discriminación positiva, educación diferenciada, explotación sexual, feminismo, xénero, homofobia, homosexualidade, xogos, xoguetes, laboral, machismo, profesións, salario, sexismo, violencia de xénero, voto feminino,

Noticia: Día da Muller Traballadora. José Luis Rodríguez Zapatero garantiu onte que nesta lexislatura haberá unha «nova lei de longo alcance» que faga «esixibles no día a día os dereitos» contra calquera discriminación»

Debate: A nivel da túa idade, por exemplo, ¿en que aspectos existe maior discriminación por razón de sexo?

TÉCNICA: PROMOCIÓN DE IDEAS

A idea da escola inclusiva

Con frecuencia fixámonos en noticias externas ao colexio para analizar en qué grao se dá a discriminación.

-A pregunta é: ¿Son todos iguais en clase, no recreo, no comedor, na participación en diversas actividades, temos todos os mesmos dereitos, a pesar das nosas diferenzas individuais, existen privilexios dalgún tipo, puntúanse máis intelixencias e habilidades sociais que outras?

-Sexa cal sexa a resposta, propoñemos a discusión a idea da escola inclusiva ¿Que vos parece: é posible, imposible, desexable, sabemos en que consiste?

-A escola inclusiva ten como norma non se deixar levar de estereotipos prefixados: un violinista que toca nunha estación de metro faino, xeralmente, só por necesidade; e, talvez, non ten oportunidade de subir a un escenario.

-O mesmo sucede con moitos alumnos nalgunhas escolas non inclusivas: en vez de saber quen é quen, que sabe, que fai, que necesita de verdade, clasifícase, case previamente, en listos, medios e nin sequera. E, ademais, se teñen unha debilidade específica, á clase especial, e xa está. Por suposto, o tema é duro, moi duro, e non todas as escolas, nin moitos menos, deixan de lado este problema.

-A solución é difícil porque require, en primeiro lugar, un adestramento rigoroso de toda a escola e especialmente na dotación de información e recursos para que os profesores poidan desenvolver nas súas propias clases a atención necesaria á diversidade de alumnos que poidan ter.

-Mesmo as persoas especialistas para tratar certas dificultades dos alumnos veñen á aula onde están todos e mostran as súas técnicas de axuda a todos, de tal maneira que todos poidan coñecelas e axudar así aos que de verdade as necesitan.

-Todos os nenos teñen dereito á educación e, concretamente, á aprendizaxe; pero case todos aprenden dunha forma diferente e é necesario atendelo: estilo visual, auditivo, cinestésico, táctil, interactivo, que non sempre se ten en conta na escola non inclusiva.

-A escola inclusiva fai que todos se inclúan: todos ensinan, todos aprenden. Mesmo o que sabe menos ensina por que non sabe e como aprendería se alguén se pon á súa altura.

-O importante para o profesor é ensinar sistemas e estruturas, sen dúbida moi breves e sinxelas, para que todos os alumnos aprendan e saiban como facer para que os máis débiles tamén o fagan.

-Estas estruturas ou pequenos sistemas virtuais refírense non só á aprendizaxe cognitiva senón tamén, e de modo moi especial, á promoción e análise da interacción afectiva das persoas que se inclúen na aprendizaxe.

-O dereito á igualdade non se aprende vivindo en grupos homoxéneos senón na diversidade, que é tamén unha fonte de aprendizaxe para todos.

-Segundo insisten, a escola inclusiva é un dereito de todos os nenos e, talvez, un deber gustoso para moitos profesores e organizacións escolares que se atrevan con iso.

-Pregunta: ¿Que ideas se poden levar a cabo na túa clase ou no colexio para promover a igualdade de dereitos de todos os alumnos, atendendo tamén ás súas diferenzas? ¿Que poderiamos facer?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies