4. ACTIVIDADES

Ideas para ser máis tolerantes

Propomos tres documentos que poden axudarnos a entender mellor os significados da palabra tolerancia e os seus afíns.

-Tolerar, segundo o dicionario, é sufrir, levar con paciencia. E tamén permitir algo que non se ten por lícito, sen aprobalo expresamente.

-De aí, unha máis ampla acepción: respecto ou consideración cara ás opinións ou prácticas dos demais, aínda que sexan diferentes ás nosas.

-Estes tres documentos achegan ideas non só para fuxir de actitudes intolerantes, senón tamén para lograr a acepción de respecto e mesmo de integración cos demais en moitos aspectos da vida que nos resultan ás veces diferentes.

TÉCNICA: PROMOCIÓN DE IDEAS

Respondendo ao odio na escola

Unha guía para mestres, conselleiros e administradores. Alerta ante os símbolos de odio: feitos, palabras, imaxes, grafitos, músicas, noticias. Buscar solucións entre todos. Fornecer apoio ás vítimas. Crear normas escolares que promovan a xustiza e o respecto. Capacitar ao persoal para a diversidade e a tolerancia. Aprender o tratamento eficaz de incidentes: a primeira resposta. Maneiras de combater o odio. A acción diaria. Os prexuízos. O compromiso de acción a longo prazo. Recursos. Consellos de expertos. Programas.

-Abre e descarga o seguinte pdf en español: http://www.tolerance.org/rthas/index.jsp

Dez ideas da Unesco

Estas orientacións teñen por obxecto estimular o pensamento creativo en municipios e parlamentos, colexios, escolas e universidades, clubs e asociacións, lugares de traballo, organizacións non gobernamentais e medios de comunicación de cada rexión, con miras á celebración do Día Internacional da Tolerancia o 16 de novembro.

-Diversidade na comunidade. Investiga a diversidade cultural da túa cidade ou comunidade: ¿Quen vive nela? ¿Como se vive aí? ¿Como se reflicte a diversidade na música?

-Dereitos humanos. ¿Como se garanten na túa comunidade, nación ou rexión os dereitos das persoas pertencentes a minorías nacionais, étnicas, relixiosas, lingüísticas ou outras?

-Programa individual de tolerancia. Examina os libros de texto, programas de televisión, periódicos e revistas para detectar os estereotipos, imaxe do home e a muller, nacionalidades e grupos étnicos.

-Non á violencia. Escenifica a dinámica da tolerancia e a intolerancia mediante técnicas de xogo de papeis, diálogo e solución de problemas.

-Diversidade ecolóxica e diversidade humana. Como as plantas e os animais, as persoas non poderiamos sobrevivir se todos fósemos iguais. Cita algúns exemplos tomados da vida cotiá da súa cidade.

-Tolerancia relixiosa. ¿Como ensinan a tolerancia as diferentes relixións do mundo, inclusive as tradicións dos pobos indíxenas?

-Actualidade. Analiza conflitos do pasado e do presente. ¿Como se poderían resolver ou ter evitado? ¿Como tratan hoxe as noticias o tema dos dereitos humanos?

-Deportes e tolerancia. Posibles vínculos entre deportes e intolerancia: violencia nas competicións e como se poden solucionar

-Creatividade no traballo. A arte di moitas cousas. Crea contos, teatro, poemas, cancións, artigos, cadros, carteis, fotografías ou películas que aclaren os temas da tolerancia, e publícaos.

-Vínculos internacionais. Escribe a persoas doutros países acerca de problemas que lle preocupan. Intercambia casetes ou fotografías, e estuda a posibilidade de participar en campamentos internacionais ou intercambios.

PARA SABER MÁIS: Baixa o símbolo gráfico da Unesco, e le as 10 ideas propostas: www.lacasadejara.org/paginaweb/tolerancia1611.html

101 ferramentas para a tolerancia

Segundo afirma o subtítulo, trátase de ideas sinxelas para promover a xustiza e celebrar a diversidade: Asiste a unha obra de teatro, visita un lugar de anciáns, aprende unha danza cultural diferente, traballa como voluntario, proba unha comida diferente, ensina a ler a un adulto, fai unha listaxe de estereotipos, visita un museo con algo doutro país, ve unha película doutras terras. Ideas para facer en casa. Ideas para a túa escola. Ideas para o teu barrio. Ideas para navegar en internet. Comparte as túas ideas en grupo.

Descarga imaxe e texto en pdf: http://www.tolerance.org/101_tools/espanol/

2. TÉCNICA: ENQUISA

Imos buscar agora noticias no xornal que teñan relación dunha forma positiva ou negativa co valor cidadán da tolerancia; pero ímolo facer dunha maneira enxeñosa e creativa. Unha vez elixidas as noticias, ¿a cal delas lle colocarías enriba unha destas frases de personaxes célebres?

Por exemplo: á noticia de «Este muro é meu e por aquí non pasa o tren, por máis progreso que anuncien para o pobo». Ou para estoutra: «Os emigrantes estes non veñen ensinarnos nada que nós non saibamos xa desde antigo».

-«Se tivésemos que tolerar aos demais todo o que nos permitimos a nós mesmos, a vida sería intolerable» (G. Courteline, escritor francés, 1858-1929).

-«O home debe ser sempre flexible como a cana, pero non ríxido como o cedro» (J. Engel, escritor alemán, 1741-1802).

-«Converte o teu muro nun banzo» (R. Rilke, escritor checo, 1875-1926).

-«Consente en ceder cando teñas razón, con tal de que saibas ser intransixente contigo mesmo cando esteas equivocado» (J. Rostand, biólogo francés, 1894-1977).

-«Que dous e dous sexan necesariamente catro, é unha opinión que moitos compartimos. Pero se alguén sinceramente pensa outra cousa, que o diga. Aquí non nos asombramos de nada» (Antonio Machado (1875-1939) Poeta español).

-«Os diferentes, os desprazados e os refuxiados son os que enriquecen todas as nosas vidas» (Kofi Annan, ex secretario xeral da ONU).

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies