Valor cidadán 2: Tolerancia

INTRODUCIÓN

A tolerancia, segundo o dicionario, vai desde o sentido de levar con paciencia e permitir algo que non se ten por lícito, sen aprobalo expresamente, ata unha segunda acepción na que se identifica a palabra co respecto e consideración cara ás opinións ou prácticas dos demais, aínda que sexan diferentes ás nosas.

Cabe, pois, unha ampla marxe no e-studo deste valor cidadán que presentamos baixo a estrutura convencional utilizada nas unidades didácticas: noticia / obxectivos / contidos / actividades / metodoloxía / recursos.

Para facilitar o traballo en clase dividiuse o e-studo en 5 Unidades que se publican separadas na web, pero que pode verse tamén nun documento único, editado en word, nesta web.

Na primeira Unidade fixámonos nos principios e proxectos que a Unesco formula e sobre os cales pode desenvolverse na escola e na sociedade o sentido de tolerancia entre os cidadáns.

Na segunda Unidade propomos unha serie de Ideas que fomentan a práctica deste valor e a diversidade de ferramentas que os alumnos poden utilizar na súa actividade escolar e en familia.

A terceira Unidade céntrase nunha enquisa que pode facerse a partir de diversas noticias do xornal, aplicándolles un esquema previo dos cinco graos que van desde o odio á integración e respecto polos demais.

E, finalmente, unha cuarta Unidade que leva o título de Palabras e imaxes de intolerancia, onde se recollen frases comúns que indican formas distorsionadas de ver os acontecementos de cada día e películas que revelan situacións históricas de intolerancia.

VALOR CIDADÁN 2: TOLERANCIA / UNIDADE 2: Ideas para educar na tolerancia

1. A NOTICIA

O Eurobarómetro da discriminación

Presentamos hoxe, como noticia, un estudo sobre a discriminación realizado en Europa ao longo do primeiro semestre do 2008, e que poderá servirnos para un mellor desenvolvemento en clase do Valor cidadán proposto na Voz da Escola para este mes de novembro: tolerancia.

1.1 ¿Sénteste persoalmente discriminado?

Ao longo dun período de 12 meses, o 13% dos enquisados españois no eurobarómetro afirman ser discriminados ou acosados por polo menos un dos motivos enunciados aquí: idade / xénero / orixe étnica / relixión ou crenzas / discapacidade. É unha porcentaxe lixeiramente inferior á media da Unión Europea.

-Do mesmo xeito que no conxunto da UE, a idade conforma o principal motivo de discriminación en España, seguida do xénero.

1.2. Actitudes ante a diversidade

As preguntas formulábanse así: ¿Sentiríase vostede cómodo / incómodo ao ter como veciño a unha persoa discapacitada / ou de relixión e crenzas distintas / homosexual / de orixe étnica diferente / ou xitana?

-Os enquisados españois tenden a atoparse cómodos coa idea de ter un veciño de varios grupos minoritarios. Como na UE, séntense máis cómodos coa idea dun veciño discapacitado.

-En comparación coas medias da UE, vemos que os enquisados españois mostran un gran nivel de comodidade á hora de ter un veciño homosexual ou xitano.

1.3. Discriminación e cargos políticos

¿Como se sentiría vostede se vise alguén de cada unha das seguintes categorías ocupando un cargo político do máis alto rango no seu país: relixión diferente á da maioría / unha muller / a unha persoa discapacitada / unha persoa homosexual / unha persoa de orixe étnica diferente / unha persoa menor de de 30 anos / unha persoa maior de 75 anos?

-Do mesmo xeito que no ámbito veciñal, os españois mostran un alto nivel de comodidade ante a posibilidade de ter a membros de varios grupos á fronte dos cargos políticos de máis alto nivel. Como na UE, os españois atópanse máis cómodos se esta persoa provén dunha relixión minoritaria ou se é unha muller.

1.4. Loita contra a discriminación

A maioría dos enquisados españois pensan que se fai un esforzo suficiente no seu país para loitar contra todas as formas de discriminación. Iso difire do panorama europeo, onde os resultados aparecen divididos a partes iguais.

-Tanto en España como na Unión Europea, as mulleres tenden a pensar que os esforzos actuais non bastan.

-Sucede o mesmo entre os enquisados mozos, quen tenden máis a manter ese punto de vista que os seus homólogos maiores: con todo, a brecha entre os máis novos e os máis maiores non é tan grande en España como o é na UE.

1.5. ¿Discriminación na amizade?

Comparados coa media europea, os enquisados españois móstranse máis proclives -nunha proporción superior ao dobre- a ter amigos ou coñecidos xitanos, a ter amigos homosexuais, pero son menos proclives a ter amigos cunha relixión ou crenzas distintas das propias.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies