INTRODUCIÓN
Comezamos en setembro co anuncio do programa para todo o curso 2008-2009. Estudamos nove valores importantes para a cidadanía: non violencia, tolerancia, dereitos humanos, coñecemento científico, solidariedade, igualdade, saúde, información, medio.
E agora, para finalizar, o valor número 10, o valor de ser cidadán, que é o obxectivo de todos eles.
Por iso, este e-studio final vai a fixarse en dous aspectos, aínda que nunha soa Unidade de traballo:
– En primeiro lugar, en que consiste un valor: ¿saberemos definilo e dicir con claridade qué indicadores deben darse para garantir a súa existencia? A iso dedicaremos especialmente o presente e-studio.
– En segundo lugar, unha referencia á definición de cidadán ou persoa que ten dereitos e deberes nun Estado, segundo a definición máis breve que se utiliza nos libros de Educación para a Cidadanía, e que citaremos na sección de Recursos.
Valor e ser cidadán -ou o valor de ser cidadán- que tamén ten o seu sentido, serán, polo tanto, as dúas palabras clave do noso traballo.
1.NOTICIA
– En outubro ocupámonos do primeiro valor: a Non-violencia, que cumpría o día 2 a súa celebración internacional. Un bo modo de entrar con paz e crear un ambiente que facilite o diálogo e a resolución de conflitos.
– Chegou o mes de novembro, e a Tolerancia, segundo dos valores elixidos, festexaba o 11 o seu día internacional. Palabras como fanatismo, dogmatismo, homofobia, prexuízo, racismo tiveron alí a súa réplica.
– Presentamos en decembro a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que celebraban o 10 o seu día internacional. En tres suplementos buscamos para cada un dos 30 artigos as súas correspondentes noticias.
– Xaneiro converteuse nun mes para estudar o valor do Coñecemento científico. Comezaba entón o Ano Internacional da Astronomía, o Centenario de Darwin, o Ano para a Protección dos Gorilas.
– O 20 de febreiro celebrábase o día mundial da xustiza social, co obxectivo dun intento máis para erradicar a pobreza. Por iso o valor levaba o título de Solidariedade: facer algo polos que non teñen nada.
– E chegamos ao mes de marzo. Conmemorábanse nese mes dous días significativos: o 8, o Día Internacional da Muller; e o 21, o da Eliminación da Discriminación Racial. O valor cidadán elixido foi Igualdade.
– En abril, coa chegada da primavera, animámonos un pouco máis: a OMS elixiu o día 7 para o valor da Saúde. Comezamos polos adolescentes e as enfermidades que ao longo do ano se recordan en todo o mundo.
– Maio foi o mes da Información, a liberdade de prensa, a necesidade de que os datos presentados polos xornais na súa estrutura informativa se convertan en coñecemento e sabedoría para os seus lectores.
– E en xuño buscamos noticias e actividades para traballar co valor do Medio ambiente, que foi o último da serie.
E recorda que podes atopar todos os suplementos de La Voz de la
Escuela deste curso 2008-2009, picando en Buscar Suplementos, que
nos traen o recordo das noticias estudadas.
Abrimos os nove estudios de cada un dos valores, e damos un paso máis: ¿que se entende agora por VALOR: SER CIDADÁN, así con maiúscula?