VALOR CIDADÁN 1: NON VIOLENCIA
Unidade 4: Diálogo unido e sen violencia
1. A NOTICIA
24 de outubro: Día das Nacións Unidas
A noticia sobre o Día das Nacións Unidas repítese todos os anos; pero sérvenos para enlazar co tema do valor cidadán ao que estamos dedicando o noso e-studio: ¿Que significa non violencia?
Dous textos da ONU definen moi ben este valor:
«Durante centenares de anos a xente preguntouse como poderían evitarse as guerras entre as nacións, estimulando o diálogo entre elas para resolver as súas diferenzas e arranxalas desa forma, no canto de pelexarse.»
«Os Membros da Organización arranxarán as súas controversias internacionais por medios pacíficos de tal xeito que non se poñan en perigo nin a paz e a seguridade internacionais nin a xustiza» (Carta Fundacional da ONU / 26/06/1945).
Pouco despois da Segunda Guerra Mundial (1939-45) creouse a Organización das Nacións Unidas para manter a paz. Foron 51 Estados os que asinaron a súa Carta. O 24 de outubro de 1945 estes Gobernos confirmaran o seu compromiso coa organización mundial e nesa data naceu a Organización das Nacións Unidas. Agora, esta data celébrase en todo o mundo como o Día da Organización das Nacións Unidas.