C. PORTEIRO
«Ninguén dixo que educar fora fácil», dicía Ana T. Jack, psicóloga e pedagoga, nas páxinas de La Voz de la Escuela. Non o era antes e non o é agora. Abofé que é profesión máis difícil do mundo! Nestes 40 anos acompañamos ás familias na tarefa, atendendo aos cambios sociais que se sucederon e que marcaron a vida dos nosos cativos. Así eramos e así somos.
Autoestima
Cada familia é un mundo. E hai 40 anos non se tiña tanta conciencia da importancia da comunicación intrafamiliar para formar aos nenos nas primeiras etapas, as máis importantes porque definen a súa personalidade. Algúns pais non tiñan ferramentas para educar na diferenza, botando man das ameazas como mostra de autoridade. Tentamos mudar ese ambiente nos fogares, insistindo na importancia de crear espazos de seguridade onde os nenos poidan expresarse e sentirse valorados, clave para gañar confianza e autoestima.
A tecnoloxía
«Como usar correctamente o ordenador?». Así titulaba La Voz de la Escuela o manual que publicou en 1987 para orientar ás familias, preocupadas polos efectos da «maquinita» nos máis pequenos. Daquela aínda non había redes sociais, nin apareceran problemas de adicción, pero os expertos xa advertían nas súas páxinas da importancia de facer un bo uso da tecnoloxía, deixando espazo á interacción persoal e ao desenvolvemento do sentido crítico e os valores. Unha receita que aínda está de plena actualidade.
Nos 80 a comunicación limitábase aos teléfonos fixos da casa, polo que estaba moi controlada polos adultos. Os nenos acordaban unha hora para baixar ao parque ou dar unha volta. A aparición de xogos en liña e móbiles facilitaron a comunicación, pero tamén xeraron preocupación e dúbidas entre os pais: Cando e como deixar que os cativos empregen o móbil? Aportamos pautas para un uso responsable. Non só no que se refire ao tempo de consumo, tamén ás atitudes nas redes.
Adiccións
A democracia en España daba os seus primeiros pasos nos anos 80. O desexo de liberdade trala represión da ditadura e as correntes antisistema tamén trouxeron consigo problemas, como a adicción ás drogas, que foi unha verdadeira epidemia. Daquela aínda non había tanta información nin conciencia dos efectos do seu consumo. La Voz de la Escuela falou sen tabús desta realidade que deixou a moitos fogares galegos rotos pola perda dun fillo ou un irmán. E o fixo indo máis alá das campañas como o Di que non! Porque as mensaxes automáticas e moralistas, sen autorreflexión, non son efectivas. Apuntaba o suplemento no 1989 que a estabilidade no fogar, a persuasión e a información son mellores ingredientes que a imposición e as ameazas para que a xente nova tome a decisión consciente e libre de rexeitar os estupefacientes. Tamén axudou a padres e fillos a comprender os efectos nocivos no estado de ánimo e a saúde dos mozos.
Orientación laboral
La Voz de la Escuela axudou ás familias e estudantes a comprender que estes teñen dereitos, tanto na aula como fóra desta. E un deles é o de escoller a súa vocación. Alá polos anos 80 era habitual que moitos mozos seguiran a tradición familiar do que fixeran os seus pais, o que limitaba as súas expectativas laborais: «Non tes ningunha obriga de ser o que na túa casa sempre se foi», lembrabamos daquela. E para orientar a pais e fillos, fomentamos o gusto por todo tipo de disciplinas, incluídas as menos estendidas en Galicia como as STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).
Saúde
Outra gran preocupación dos fogares foi o sida. Unha enfermidade da que pouco sabiamos nos 80. A ignorancia fixo que moitos dos mozos contaxiados foran rexeitados pola sociedade, e incluso polas súas propias familias. A información nestas páxinas e as pautas para evitar situacións de risco, como a formación afectivo-sexual, foron cruciais para o seu control. Así como desmontar os tópicos estigmatizantes: «Aquela crenza de que a sida só afecta a homosexuais e drogadictos non ten ningunha base», publicabamos alá polo 2004. Tamén houbo espazo dabondo para tratar os trastornos alimenticios, as desordes mentais, o estrés e as técnicas de autocontrol para evitar condutas violentas. Houbo tempo ata para ensinar primeiros auxilios! E como non, unha gran aposta por divulgar as bondades da vacinación.
Inclusión
Un dos nosos obxectivos é o de normalizar e promover a inclusión de todos os nenos e nenas, independentemente da súa orixe socioeconómica, xeográfica ou a capacidade de desenvolvemento. Nesta longa traxectoria falamos da adopción, da aprendizaxe de cativos con necesidades especiais e a igualdade de oportunidades.
O mellor apoio: da escola de pais ao novo consultorio psicolóxico
Valores, coidado persoal, orientación… Todas son tarefas importantes, pero non hai que esquecer un gran obxectivo: apoiar ás familias na formación de nenos e adolescentes felices e capaces de afrontar a vida.
Gañar autonomía
Un dos cambios máis visibles no entorno familiar é a atención que se lles presta aos fillos, que en moitos casos pasou da escasa comunicación á sobreprotección. Un exemplo: nos 80 non existían chats de pais nos que preguntar polas tarefas que esquecera apuntar o fillo. Este aprendía a facerse responsable e buscar solución aos problemas diarios. Co tempo, as cousas mudaron. De aí a importancia da orientación educativa que brindou dende o 1998 a psicóloga e pedagoga Ana T. Jack, axudando a pais e nais a non caer na sobreprotección dos fillos, subliñando a importancia de romper as burbullas de cristal para facer deles seres maduros, autónomos e máis felices. A mellor receita para enfrontarse á vida. Coa súa «Escola de pais» proporcionou ferramentas indispensables para mellorar o rendemento escolar dos nenos, explicar situacións complexas e entender e coñecer mellor as necesidades de cada cativo.
Lidiar cos problemas
As familias afrontan hoxe novos problemas, como a saúde mental dos máis novos, que compiten nun mundo que vai moi rápido e é implacable. Como axudalos a lidiar coa ansiedade, coas expectativas dos demais? Como axudar a xestionar emocións como o medo e a incertidume polo futuro? Dende este curso contamos co apoio das nosas asesoras persoais e educativas de Catemo, que mesmo explican que podemos facer cando os fillos están desmotivados que nos poden dar claves para traballar a autoestima de nenos e adolescentes. Onde hai un problema, hai unha solución. Pais, profes e alumnos, non estades sós!