Galicia atesoura un dos lugares máis especiais do mundo. Falamos do enclave onde se xuntan os ríos Miño, Sil e Cabe. Falamos dun lugar no que se tocan as provincias de Lugo e Ourense. Dun lugar dunha beleza tan espectacular que os miles de visitantes que se achegan até este recuncho de Galicia quedan completamente sorprendidos da solemnidade dos seus canóns e mosteiros.

Sabes de que estamos a falar? Damos outra pista. Desta zona tamén é famosa a súa viticultura heroica, que é como se coñecen ás pequenas fincas de viñedos que ocupan as pronunciadas ladeiras dos desfiladeiros dos ríos. Agora es capaz de situarte?

Falamos da Ribeira Sacra, un escenario sublime que garda un anaquiño de historia. Porque nos primeiros tempos do cristianismo centos de monxes e eremitas se achegaron ata este lugar extasiados polo que alí viron.

A suma da influencia destes relixiosos e a acción da natureza deixaron unha zona única no mundo. Unha singularidade que pode levar a Ribeira Sacra a converterse na sétima reserva da biosfera de Galicia nos próximos meses. Concedido pola Unesco, este é un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio. E este territorio galego está a un paso de logralo. Posto que a Ribeira Sacra será o único espazo en toda España que opte a converterse en reserva da biosfera no 2021.

Non foi un camiño sinxelo. Atrás quedan meses de esforzo. Un traballo liderado pola Xunta de Galicia nos dous últimos anos co único obxectivo de sacar adiante a mellor candidatura posible. Pero pagou a pena. Porque o recoñecemento pode poñer o nome da Ribeira Sacra en boca de cidadáns de todo o mundo.

Cómpre seguir traballando e non deixarse levar polos últimos éxitos. De feito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten posto en marcha un plan de acción estratéxico que permitirá mellorar a protección deste territorio a nivel paisaxístico, urbanístico e ambiental.

Iso si. Non vale só co traballo das autoridades. Tamén poden facer moito por este lugar tan máxico os máis pequenos. Un total de 44 colexios forman parte da comunidade da futura reserva da biosfera. E o seu traballo pode ser moi importante para manter a beleza do lugar. Os alumnos deben sentirse parte da Ribeira Sacra para que este paraxe consiga seguir atraendo visitantes dos lugares máis recónditos do planeta.

Aumenta a concienciación
E o primeiro gran de area que poden poñer en marcha sen grandes esforzos e o de coidar a natureza a través da xestión sostible do lixo. Para iso, é importante que a poboación da Ribeira Sacra traballe en prol do principio europeo dos tres erres, isto é, reducir, reutilizar e reciclar. A compostaxe doméstica estase a estender por varios concellos como medida para previr a xeración de refugallos e diminuír a súa produción. No eido da reciclaxe, van por bo camiño, porque tal e como explican dende Sogama, a achega dos cidadáns dos concellos que conforman este lugar á recollida selectiva da bolsa amarela (na que van os envases de plástico, as latas e os cartóns) viuse incrementada en dous anos nun 11 %, un dato que mostra que aumenta a concienciación para a reciclaxe do lixo e por extensión para o coidado dunha das xoias naturais galegas.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies