Título: Un goberno novo
Destinatarios: Educación Secundaria Obligatoria. Curso 3º
Materia: Xeografía e Historia. Bloque 2 O espazo humano. Organización política e territorial de España.
Autor: Fernando Parente.
Introdución

Pedro Sánchez no debate de Investidura.

Durante os últimos doce meses a noticia obsesiva que dominaba en todos os medios de comunicación foi a investidura dun novo presidente de Goberno e a conseguinte formación do Executivo. Todos os días o tema estivo nas primeiras páxinas dos xornais e abriu os telexornais de todas as cadeas de televisión. Dúas razóns xustifican esta obsesión: que o sistema democrático é un elemento esencial das nosas vidas e que os procedementos para poñelo en funcionamento poden chegar a ser dunha extraordinaria complexidade. É este un territorio que esixe unha exploración dende o punto de vista educativo. Os alumnos están sometidos a un bombardeo indiscriminado de datos, argumentos, opinións, estatísticas, debates, discusións, ataques persoais, exposición de verdades, medias verdades e auténticas falacias. Inermes ante tal aluvión de información. Por iso debe resultar conveniente ordenar e racionalizar no posible os “inputs” que lles chegan, entender correctamente o proceso en todo o seu desenvolvemento, ensaiar o achegamento a unha participación política futura e valorar o sistema como unha solución aceptable para a regulación da vida social.

Noticias:

Os resultados finais do proceso de investidura do presidente de Goberno producíronse finalmente o martes 7 de xaneiro de 2020. Podedes revisalos na noticia da seguinte páxina web.

Tamén podedes atopar información sobre o novo Goberno, con presentación individualizada de cada un dos ministros, na seguinte páxina web.

Contidos

Todo o proceso de nomeamento dun novo presidente e dun novo goberno ponse en marcha coa convocatoria de eleccións. Antigamente críase que o poder viña de Deus e nese principio sustentábanse as monarquías absolutas. Iso quere dicir a frase que se acuñaba nas moedas xunto á efixie do monarca, “rei por la gracia de Dios”. Nas democracias modernas sabemos que o poder vén do conxunto dos cidadáns. Por iso no principio de todo o proceso está a súa voz expresada no voto que se deposita nas urnas para elixir aos seus representantes.

A nosa democracia denomínase representativa porque o que eliximos non é directamente a un presidente do Goberno, senón a uns representantes nosos que constitúen o Congreso dos Deputados. Os aspirantes a representantes organízanse en partidos políticos que reúnen aos que profesan principios políticos semellantes e preséntanse ás eleccións en listas, de forma que os electores votan as listas de cada partido. Gaña as eleccións o partido que obtén un maior número de deputados, pero iso non basta para que o seu líder sexa nomeado presidente do Goberno, necesítase ademais que o apoien a maioría dos deputados; se non, cómpre repetir as eleccións.

E nesas é nas que estivemos todo o ano pasado. Celebráronse eleccións en abril, gañounas o PSOE, pero o seu líder non logrou o apoio da maioría dos deputados no período de dous meses contabilizados desde o día que pediu o seu apoio por primeira vez. Por iso tivéronse que repetir as eleccións en novembro, e dende entón estívose debatendo e negociando ata que ao fin o candidato Pedro Sánchez acadou o apoio da maioría simple dos deputados, o 7 de xaneiro, para ser investido presidente.

Cando se fai necesario repetir as eleccións é porque os nosos representantes, pertencentes a distintos partidos, non conseguiron poñerse de acordo en apoiar maioritariamente a un. Con iso esperan que, ao iren de novo ás urnas, algúns cidadáns cambien de opinión, voten ao seu partido e obteñan así máis representantes que lles sirvan para acadar a ansiada maioría. Claro, non sempre ocorre así e ese foi o problema que nos levou a necesitar tanto tempo en conseguir chegar a un acordo. Os resultados dos segundos comicios fixeron aínda máis complicado chegar ao pacto necesario.

Podemos comprobar esta afirmación, probablemente verdadeira en moitos casos, pero cos seus matices noutros. Para iso propoñémosvos esta pequena investigación co obxecto de comparar no voso municipio os resultados de ambas eleccións. Podedes atopar os resultados das eleccións de abril na páxina web.

Os das eleccións de novembro na seguinte páxina web.

Comparade ambos os dous resultados e comprobade como se moveu o voto, quen gañou máis apoios, quen os perdeu. A nivel nacional ocorreron cousas tan rechamantes como que o partido Cidadáns pasase de 57 deputados a 10.

Proceso de investidura

Para coñecer como se desenvolve no Congreso dos Deputados o proceso de obtención da maioría necesaria para ser investido é necesario acudir á Constitución. A vosa próxima cita debe ser, pois, coa Constitución española, artigo 99. A misión agora é analizar o artigo e reproducir paso a paso o camiño que deberá percorrer o candidato logo de ser elixido polo Rei.
Para facervos unha idea de como se desenvolve unha sesión de investidura observade atentamente o resumo dalgunhas partes da última.

Relación Goberno-Cortes

Cámara de Deputados

Tamén é a Constitución quen establece como se constitúe o Goberno. Comprobade como o artigo 100 establece que os membros do Executivo serán nomeados polo Rei, a proposta do recentemente investido presidente de Goberno. Repasade tamén os artigos 97, 98, 101. Especial atención debedes poñer en todo o Título V, que se denomina “Das relacións entre o Goberno e as Cortes Xerais” e no que se desenvolven cuestións tan importantes como a fiscalización que os deputados deben facer da acción de goberno, o funcionamento das comisións, a posibilidade por parte do Goberno de presentar a moción de confianza ou por parte da cámara de presentar a moción de censura.

En relación co control que as Cortes deben realizar da acción do Goberno propoñémosvos exemplos de distintos tipos de actuación.

Hai dous tipos de actuacións. Unha prodúcese con frecuencia semanal e é a formulación de preguntas aos diversos ministros.
Exemplo de preguntas ao Goberno nas Cortes e resposta dada.

Outra é por medio de comisións de investigación, aprobadas polo pleno respecto de temas concretos.
Exemplo de comisión de investigación.

Consello de Ministros

Mesa do Consello de Ministros.

O Goberno formaliza o seu toma de decisións nas reunións do Consello de Ministros que se reúne todas as semanas. Están presididas polo presidente e serven tanto para coordinar a acción de todo o Goberno como para asumir de forma colexiada as responsabilidades das políticas que se poñen en execución. Ata agora celebrábanse os venres, pero despois do primeiro consello do novo gabinete anunciouse que se trasladarían aos martes.

Dispón oficialmente dun voceiro encargado de transmitir aos medios de comunicación os acordos tomados en cada sesión. En circunstancias especiais acompáñalle tamén o ministro responsable dalgún tema especial tratado polo Consello.

O principio da lexislatura é un momento propicio para que o Goberno tome as medidas necesarias para canalizar e definir a súa política. Seguide e tomade nota durante as próximas semanas dos acordos principais que vaia tomando o novo Consello de Ministros. Resumídeos nun breve informe que vos sirva de guión para un debate en clase sobre o grado de cumprimento respecto do programa presentado na sesión de Investidura.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies