JESÚS GARRIDO

O 2022, que vén de comezar, foi declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas Ano Internacional da Pesca e a Acuicultura Artesanais, nunha resolución do 5 de decembro do 2017. É un ano internacional que concirne aos galegos de xeito especial, dada a tradicional vinculación de Galicia co mar e a pesca. O plan de acción mundial pretende servir de inspiración para os defensores da pesca e a acuicultura artesanais en pequena escala, entre os que se atopan Administracións estatais, organizacións non gobernamentais (ONG) e da sociedade civil (OSC), empresas privadas, organismos de desenvolvemento e órganos intergobernamentais.

A acuicultura e a seguridade alimentaria son vitais. Vexamos por que e que conceptos engloba.

A quen beneficia especialmente? A iniciativa é de singular importancia, xa que busca centrar a atención e recoñecer o labor de millóns de pescadores, acuicultores e traballadores da pesca, e a súa contribución á subministración de alimentos saudables para millóns de persoas no mundo.

Que significa artesanal? Aínda que non existe unha definición universal sobre o tipo de pesca ou acuicultura que conte como artesanal ou en pequena escala, é común que se utilicen estes termos para describir a pesca e a acuicultura que utilizan unidades de produción relativamente pequenas, con poucos insumos e produción e con niveis baixos de tecnoloxía ou investimento de capital.

Cantas persoas traballan no sector primario da pesca? No mundo existen ao redor de 59,51 millóns de persoas que traballaban no sector primario da pesca e a acuicultura. Preto de 20,53 millóns de persoas estaban empregadas na acuicultura e 38,98 millóns na pesca. De todos aqueles que se dedican á pesca e a cría de peixes, a maioría atópanse nos países en desenvolvemento e son pescadores artesanais en pequena escala e traballadores da acuicultura (90 por cento, segundo o Banco Mundial).

Dificultades no traballo. A pesar da súa contribución, moitos deles viven cun alto nivel de pobreza e de vulnerabilidade. Se a isto lle sumamos as condicións de emprego para os miles de traballadores, estas adoitan ser precarias e nalgunhas ocasións achéganse ao espectro do traballo forzoso e a escravitude.

A que países afecta? En termos xerais, o maior número de pescadores e acuicultores atópase en Asia (cun 85 por cento do total mundial), seguido de África (9 por cento), o continente americano (4 por cento) e Europa e Oceanía (cun 1 por cento cada un).

Que proporción de mulleres e homes hai? En termos de xénero, estímase que, a nivel mundial, a proporción de mulleres na forza de traballo total da acuicultura é maior (un 19 por cento) que na pesca (un 12 por cento). Aínda así, a dispoñibilidade de tecnoloxías, capital e financiamento segue sendo limitada para elas, en comparación cos homes. Non obstante estas condicións, as mulleres desempeñan un papel crucial ao longo da cadea de valor da pesca, proporcionando man de obra tanto na pesca comercial como na pesca artesanal.

Pesca e acuicultura artesanais. A pesar da función e responsabilidades que reflicten estes datos, a pesca e a acuicultura artesanais seguen sen ter acceso e control sobre os recursos, activos, créditos, información, capacitación e tecnoloxía, así como na toma de decisións.

 ■ Recursos pesqueiros en pesca e acuicultura. Esperemos que o Ano Internacional da Pesca e a Acuicultura Artesanais sirva para sensibilizar á opinión pública e tamén aos Gobernos, a fin de que impulsen políticas e programas públicos específicos e concretos que permitan mellorar as condicións de vida de quen levan adiante esta actividade e lograr así a súa sostibilidade a longo prazo de forma compatible coa conservación e ordenación adecuada dos recursos pesqueiros.

Recursos

Podedes ver fotografías e ampliar coñecementos con máis datos na web do Ano Internacional da Pesca e a Acuicultura Artesanais.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies