MANUEL VARELA

Cando Ubaldo Rueda (Vide, Monforte, 1948) chegou alí como profesor hai máis de corenta anos o Rosalía de Castro era un instituto máis. «Foi como construílo de novo», lembra. Como director, xunto ao equipo docente, colocou o instituto da Alameda no centro do mundo. Logrou que ofrecera o primeiro bacharelato internacional de Galicia: rapaces de Rusia, Australia ou Estados Unidos visítano cos programas de intercambio; montou un equipo de baloncesto que a piques estivo de ascender á ACB; e trouxo a mentes privilexiadas da literatura e a ciencia con galardóns como o Stephen Hawking, que inaugurou o propio astrofísico inglés, e o San Clemente, co que cada ano os alumnos do instituto premian a autores de enorme prestixio para xuntarse canda eles á mesa e conversar.

—Di que a súa etapa docente resúmese na idea do premio: que o alumno comparta un día da súa vida co escritor dos seus soños.

—Somos un montón de soños e ilusións, se os rapaces o poden constatar na práctica dun instituto, fenómeno. Cando o pensei foi así: que querería un rapaz? Non se me ocorreu de socato. Collín un centro que levaba moitos anos se moverse e pensamos que cousas facer. Empezamos con semanas temáticas, como a Semana da Filosofía, con José Luis Aranguren e Adela Cortina.

—Por que crearon os premios?

—Chegou o momento no que vimos que os alumnos non eran os protagonistas. Eran xornadas para transmitirlles cousas, pero non participaban delas. Se tiñamos que pedir que calasen e poñer orde no salón é evidente que á maioría non lle interesaban. Había que facelos protagonistas. Aí pensei nun premio: eles elixen aos escritores, entregan o premio, entrevístanos… A realidade é que cambiou. Máis de 400 alumnos que son protagonistas. Ninguén se movía, atendían porque se sentían representados alí.

—Chegan ao instituto José Saramago, Murakami, Almudena Grandes… Os alumnos non lle tiñan medo a escoller autores que gañaron ou optan ao Nobel?

—Curiosamente, perdéronlle ese medo. Eles creron que realizar o seu soño era posible e a realidade demostrouno. Os primeiros foron Vargas Llosa, Suso de Toro e Tariq Ali. Naquel momento, estabamos construíndo tamén o polideportivo e o auditorio, era todo complexo, pero faciámolo con moita ilusión.

—Como transmiten esa confianza aos rapaces para que inviten aos premiados ao instituto?

—Ás veces os rapaces pensan que estamos nunha esquina e que non é posible. Quixen transmitir que dende aquí poden liderar a nivel mundial. Un centro de Londres que participaba con nós quixo facer a mesma experiencia porque non entendían que trouxésemos a Paul Aster e eles a ninguén. Pero para conseguilo, entre outras cousas, precisas unha cidade que reúna unha serie de condicións, como non ser excesivamente grande e que sexa atractiva.

«O fracaso é lei de vida, pero non hai que sentirse nunca derrotados»

—Hoxe parece impensable poder iniciar unha cousa semellante.

—Eramos unha xeración moi nova, tiñamos unha paixón enorme polo que facíamos. Críamos que podíamos conseguir todo. Co tempo teño que recoñecer que iso é un erro, porque hai que transmitir que tamén se pode fracasar.

—Fixérono nos oitenta, nunha etapa de enormes cambios despois da ditadura. Cre que hoxe se perdeu esa ilusión que tiñan?

—Aquela época pedíanos a todos por facer cousas. Tiñamos moitas ganas, pero o ensino sigue inventando. Tivemos a sorte de que todo nos encaixase así. Todo estaba moi aberto nese momento.

—Pero agora hai máis recursos.

—Certo, pero ás veces o imporante é ter a idea e enmarcarse nela. Unha idea regular non vai ter recursos, unha idea boa si. Iso llo transmitiamos aos alumnos: se son ambiciosos, aínda que a idea sexa custosa, poden xerar máis recursos. Hoxe o premio patrocínao Abanca, e foron eles os que se achegaron a nós, non ao revés. Aos alumnos hai que facerlles ver que a vida vai ser así; canto máis ambiciosos, mellor. Gustoume demostralo no instituto. Non contarlles como é, senón que o vivan eles. En calquera faceta da túa vida, con paixón e desexos, podes intentar levar a cabo o que queiras. Houbo escritores que non viñeron, pero o fracaso é lei de vida e non hai que sentirse derrotados.

«Quixen transmitir que dende aquí se pode liderar a nivel global»

—Malia todo o que conseguiu, arrepíntese de deixar París cando aprobou a oposición en 1977?

—Que depre collín! Alí coñecín o que era a morriña… pero de París [ri]! Queimaba o soldo en viaxes cando podía para volver. Pero chegou o momento no que tiven que decidir e optei por quedar aquí. A día de hoxe non me arrepinto. Tiven a sorte de coller un instituto que necesitaba de alguén con ilusión e ambición. Había bo alumnado, pero precisaba xente nova. De quedar en París, non tería axudado.

—Os premios son o que máis orgullo lle dá ao botar a vista atrás?

—Si, porque son a miña filosofía. Co deporte foi igual. Foron case 40 anos inventando cousas, pero ninguén debe estarnos agradecidos. Ao revés, somos nós os que damos as grazas.

 

«Carrillo díxonos que nunca dera unha charla nunha capela ata chegar aquí»

Entre os moitos imposibles que logrou no centro, Ubaldo Rueda conseguiu levantar o ansiado polideportivo a poucos metros do pazo de Raxoi paralizando a cidade cun partido de baloncesto no Obradoiro. Tamén fixo que Santiago Carrillo, histórico dirixente comunista, impartise unha charla trala caída do Muro de Berlín na capela do instituto. «Díxome que era a primeira vez que falaba nun templo», ri.

—Que fixo ao chegar ao instituto?

—Empezamos co edificio e as necesidades de infraestruturas que tiñamos. O edificio estaba en moi mal estado e fixemos as obras durante o ano escolar porque era importante demostrar que íamos facer algo novo no centro. Puxemos calefacción, cambiamos as ventás e apostamos por pedir o bacharelato internacional. Tivemos a sorte de abrir esa porta coa que tivemos que loitar moito coas Administracións. A partir de aí fomos abrindo portas pouco a pouco.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies