¿Supernova Betelgeuse?
Unha das estrelas máis brillantes do noso firmamento amaga con explosionar como supernova.
Autor: Marcos Pérez Maldonado.
Niveis: Primaria, ESO, Bacharelato.

Introdución

Betelgeuse é unha das estrelas máis coñecidas dos nosos ceos. Atópase na constelación de Orión, un imaxinario cazador que aparece na mitoloxía de moitas culturas da antigüidade e chegou ata nós co nome que lle puxeron os gregos. Se Betelgeuse ocupa o ombreiro do cazador, outra estrela aínda máis brillante, chamada Rigel, marca a posición dun dos seus pés. Ningunha outra constelación conta con dúas estrelas na lista das dez máis brillantes, o que converte a Orión nunha das máis rechamantes do firmamento. Ademais, como se atopa xusto sobre o ecuador celeste, pode verse desde todos os lugares habitados do noso planeta salvo durante o verán, cando queda agochada pola luz do Sol.

En 1996 o telescopio espacial Hubble obtivo a primeira fotografía da superficie dunha estrela, e a protagonista foi Betelgeuse.

Aínda que xa se sabía que o brillo de Betelgeuse varía de forma errática, nos últimos meses a súa luminosidade esborrallouse, perdendo máis de dez postos na lista das estrelas máis brillantes. Algúns astrónomos suxeriron que este comportamento pode anunciar a súa inminente explosión como supernova, un dos fenómenos máis raros e violentos que podemos observar no universo. As supernovas son tan pouco frecuentes que a última que se viu na nosa galaxia tivo lugar en 1604, e os astrónomos que a observaron (entre eles Galileo e Kepler) deixaron constancia de que durante uns días o seu brillo competía co da propia Lúa.

Imaxe de Betelgeuse tomada pola rede de telescopios ALMA

O certo é que a análise dos últimos datos revela que é pouco probable que Betelgeuse se vaia a converter en supernova nos vindeiros meses, aínda que previsiblemente o fara nos próximos 100.000 anos. Pero aínda así, a mera posibilidade de que isto ocorra, e de que nós podamos velo en directo, fai que mereza a pena saber máis sobre estas explosións.

Noticias

A finais de xaneiro o xornal recollía a noticia que xa circulaba en medios especializados.

Fai séculos que non vemos unha supernova na nosa galaxia, a Vía Láctea, pero afortunadamente os grandes telescopios permítennos observar as que teñen lugar noutras galaxias. Unha delas foi rexistrada polo telescopio espacial Kepler no 2016.

Investigacións recentes suxiren que as supernovas poderían ser responsables da gran cantidade de po que rodea ás estrelas das galaxias.

Case todos os Nadais escríbense artigos sobre a posibilidade de que o relato da estrela de Belén tivese a súa orixe nunha supernova. Con todo, ningún astrónomo da época fíxose eco dunha noticia semellante.

Sempre que falamos de fenómenos tan violentos colle temer que poidan afectar á vida na Terra se se producen suficientemente preto de nós. Tranquilos, afortunadamente non veremos a ningunha estrela das proximidades acabar os seus días como supernova.

Contido

As supernovas constitúen o destino das estrelas máis grandes, aquelas que teñen unhas dez veces a masa do Sol. Todas as estrelas pasan a súa vida nun delicado equilibrio entre dúas forzas. Por unha banda, a forza da gravidade, que tende a concentrar todo o seu material no centro, e por outra a presión cara ao exterior debida á calor que xeran as reaccións nucleares no núcleo estelar. Cando unha estrela pequena como o Sol esgota o seu combustible simplemente contráese ata formar un corpo moi denso e termina apagándose silandeiramente.

Pero nas estrelas xigantes a cantidade de materia é tan grande que, cando se esgota o combustible e chega o colapso, acádase un punto no que o centro da estrela xa non pode comprimirse máis. As capas exteriores que caen cara ao interior atópanse así cunha esfera impenetrable sobre a que rebotan, provocando unha explosión que arroxa ao espazo unha incrible cantidade de radiación e materia. O fenómeno é tan enerxético que durante uns minutos a supernova brilla máis que todas as estrelas da súa galaxia xuntas. É, de feito, a única forma en que podemos distinguir unha daquela nunha destas distinta da nosa.

A Nebulosa do Cangrexo está formada polos restos dunha supernova que estourou en 1054

As supernovas son moi importantes para explicar a composición química do universo. No momento da explosión acádanse unhas condicións tan extremas que a estrela se converte nun formidable reactor nuclear no que se fabrican boa parte dos elementos químicos máis pesados da táboa periódica. Moitos deses elementos son esenciais para a formación de planetas e, por suposto, para a aparición da vida no noso. Por este motivo, non é ningunha esaxeración dicir que somos po de estrelas, e en particular de supernovas. Carl Sagan contouno neste fragmento da lendaria serie Cosmos.

En ocasións algo tan sinxelo como comparar os tamaños dos obxectos convértese nun desafío ao que só podemos enfrontarnos con boas visualizacións. Este vídeo amosa as diferenzas que hai entre as dimensións dos planetas e as estrelas. Atentos, porque Betelgeuse aparece e é enorme.

Estoutro vídeo máis recente sobre a posibilidade de que Betelgeuse explosione como supernova explica bastante ben que os astrónomos utilizan os conceptos de preto e axiña dun xeito que non debemos tomárnolo ao pé da letra. Ademais, o vídeo inclúe unha reflexión bastante interesante sobre a pronunciación do seu nome.

Unha metáfora tan poderosa como que somos po de estrelas non podía pasar desapercibida a poetas e cantantes. Ernesto Cardenal e Jorge Drexler utilizárona nalgunha das súas creacións, pero seguro que atopas algunha máis.

Ata fai moi pouco as estrelas podían verse bastante ben ata dende o interior das cidades. Por iso case todo o mundo coñecía e sabía localizar polo menos as constelacións máis rechamantes e as estrelas máis brillantes. Por desgraza, o incremento paulatino da contaminación lumínica prívanos hoxe desta marabillosa paisaxe natural. Aínda así, non está de máis aprender a recoñecer estrelas e constelacións para poder gozar delas cando nos atopemos nun lugar con ceos escuros.
Unha das mellores ferramentas con que contamos para iso son os planisferios dixitais como o popular Stellarium. A versión web amosa o ceo que temos sobre as nosas cabezas. Podemos configurar o que aparece na pantalla utilizando as iconas da parte inferior, e se queremos observar os cambios que teñen lugar ao longo da noite basta con abrir a frecha de tempo na esquina inferior dereita.

A astronomía é unha ciencia moi antiga, e os astrónomos de hoxe non fan máis que recoller e aumentar o legado de todas as civilizacións que antes que nós observaron e describiron o firmamento. Este recoñecemento faise patente na vontade de preservar a mitoloxía das constelacións tal e como nos chegou da antigüidade. Nesta web explican de forma clara e sinxela algunhas cousas sobre Orion e as estrelas que a integran.

Orión, o cazador, nun mapa estelar do século XVII

As constelacións son agrupacións arbitrarias de estrelas, e a súa única conexión é que quedan na mesma dirección segundo miramos dende a Terra. En realidade, o firmamento ten unha profundidade que non apreciamos á primeira ollada, polo que dúas estrelas que aparentemente están xuntas poden atoparse a enormes distancias. É coma se os galegos tivésemos unha vista prodixiosa e, mirando cara ao sueste, vísemos xuntas no horizonte a Valladolid, Madrid e Valencia… ¡e Alxer!

Utilizando un mapa de Europa como referencia, ¿saberías dicir que capitais europeas atopariámonos en dirección nordés? Neste vídeo podes comprobar que as estrelas de Orión se ven distintas dende outra perspectiva.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies