Finalizamos hoxe a breve cita que fixemos en La Voz de la Escuela (no último número de abril, o do día 26) para lembrar a importancia que o xornal ten para o desenvolvemento do sentido crítico nos alumnos. Lembramos nestas dúas brevísimas entregas finais a diferenza entre a teoría didáctica (TD), que nos mostra os contidos dunha noticia, e a teoría critica, que nos leva a unha análise estrutural máis fonda (TC). Seguimos, como entón, as ideas do filósofo Richard Paul, creador da fundación The Critical Thinking Community, no seu libro Critical Thinking (Pensamento crítico).
1 | O xornal é máis crítico consigo mesmo que o libro de texto, xa que cada día xorden novas noticias e datos que poden corrixir o publicado o día anterior. En cambio, os libros de texto soamente son corrixidos cada dous, tres ou máis anos.
2 | O libro de texto é máis crítico que o xornal, xa que o que se publica nos libros está máis pensado e recolle a historia da ciencia, a literatura, a arte, a xeografía ou os teoremas matemáticos xa admitidos e comprobados.
3 | O xornal axuda máis á crítica, xa que adoita recoller nas súas páxinas o que opinan diferentes persoas, mesmo contrarias na súa forma de pensar. En cambio, os libros de texto presentan, sobre todo, a opinión do autor.
4 | O libro de texto axuda a desenvolver con maior efectividade o sentido crítico do alumno porque o que alí di está aprobado pola autoridade académica competente. En cambio, o que di o xornal está moitas veces manipulado polos grupos de presión que defenden os seus intereses.
5 | Os xornais facilitan un mellor desenvolvemento do sentido crítico, xa que é posible ter en clase dous ou tres periódicos distintos. En cambio, adoita dispor dun só tipo de libro de texto.
6 | Os libros de texto son corrixidos ou os seus datos actualizados cada día, se é necesario ou conveniente, coas novas explicacións do profesor. En cambio, non adoitan existir profesores oficiais do xornal que nos ensinen a distinguir o que é falso ou verdadeiro. Mesmo poden existir profesores que defenden ou simpatizan en xeral coa liña dun xornal e…, xa que logo, ás veces, podes non saber a que aterte.
E cal é a túa opinión? Un exemplo para aplicar á clase de Historia: que di o teu libro de texto sobre a invasión de Ucraína (reflexada na imaxe que ilustra esta información? E o xornal publicou algunha nova recente que inflúa, ou poida influír, no curso da guerra?