JESÚS GARRIDO
Nas catro sesións anteriores sobre o sentido crítico fixámonos nas diferenzas entre a chamada teoría didáctica (TD) e a teoría crítica (TC), segundo a información achegada polo autor que concibiu esta dualidade, Richard Paul, na obra Critical Thinking, que podemos atopar na editorial Binker.
Agora que está finalizando este curso 2022-2023, e nos movemos en tempos de exames finais, parécenos importante lembrar algún texto que marca a diferenza na responsabilidade e sistemas de aprendizaxe que adoita atribuírse especialmente ao profesor (o profesor ensina / o alumno aprende), que se condensa na idea da teoría didáctica e, en cambio, non se insiste tanto en crear sistemas métodos e oportunidades propostas pola teoría crítica, que insiste en que o alumno se converta no principal director e axente da súa propia aprendizaxe e que non dependa tanto do estímulo, das metodoloxías ou doutros condicionamentos externos a el.
A forma máis profunda e significativa de remediar a ignorancia é que os estudantes aprendan a «comprobar por si mesmos e distinguir que é o que saben e que é aínda o que ignoran», o cal é indicativo de que se chegou a un certo cume do saber humano, proporcional, sen dúbida, á idade e situación persoal do alumno.
Recoñecer un dato, comprendelo, analizalo, aplicalo a novas situacións, facer unha síntese do que o mesmo alumno vai logrando, valorar os propios coñecementos e irse dando conta do que aínda ten que comprobar e saber… constitúen uns dos máis importantes pasos na formación do sentido crítico persoal, segundo a teoría crítica.
Adoita dicirse que a experiencia do profesor aforra tempo e que se necesitan recursos expeditivos, segundo a teoría didáctica, pero non se trata de aplicar receitas, senón de aprender en que consisten as claves persoais para o desenvolvemento persoal e consciente do sentido crítico que cada alumno pode ir adquirindo, aínda que o proceso sexa máis lento.
Ao choio
Agora é o momento de intentar levar isto á práctica con algún asunto de interese e importancia que caera nas páxinas do xornal nos últimos días. Que vos parecen, por exemplo, as reportaxes sobre os proxectos de Voz Natura que cada luns vai debullando La Voz. O deste domingo fala dos estudantes do CEIP da Espiñeira-Aldán, de Cangas, que recolleron 150 quilos de residuos das praias de Cangas.