MANUEL MIRAMONTES

Interésache comer san? Queres saber que o que estás a comer? Entón presta atención porque tes un importante aliado na etiqueta dos alimentos.

Tódolos alimentos de produción industrial indican na súa etiqueta de que están feitos. A lei regula que alimentos deben incluír información da súa composición. Pero hai algunhas excepcións como o leite, a auga mineral ou mesmo o aceite. A todos estes produtos non se lles pode engadir ningún complemento. En caso de que se engadan outros ingredientes, as cousas cambian por completo e, en tal caso, estes alimentos convértense en preparado lácteo, refresco ou outras.

Antes da composición, na etiqueta temos a denominación legal. Tamén está regulada, e por iso acostumamos a atopar palabras menos creativas que as da denominación comercial. Frases como sabor suave, estilo caseiro, intense ou especial repostería non poden ser utilizadas nunca neste caso.

Con isto podemos empezar a diferenciar produtos que comparten o lineal dos supermercados e ás veces ata a forma do envase: así, os iogures, adoitan estar situados a carón dos leites fermentados (que teñen outros fermentos lácteos). Pero tamén están preto dos iogures pasteurizados despois da fermentación, que non conteñen os microorganismos vivos característicos do iogur.

Na composición, os ingredientes aparecen ordenados en función da súa porcentaxe en masa. Os máis abundantes van en primeiro lugar. Pero, ollo, porque ademais, cando o fabricante anuncia un determinado ingrediente na parte comercial da etiqueta está obrigado a declarar aquí en que porcentaxe intervén na receita.

Outra pista

E podemos atopar outras pistas. Por exemplo, as maionesas e as denominadas salsas finas teñen os mesmos ingredientes principais: aceite, auga e xema de ovo. Na maionesa o máis abundante é o aceite, mentres que na salsa fina é a auga.

Algo parecido ocorre coas margarinas, as margarinas tres cuartos e as graxas para untar. Chegan a ter envases e etiquetas case iguais, pero mentres nas margarinas o que máis abunda son os aceites vexetais, nos demais produtos é a auga.

Con tanta auga redúcense as calorías que aporta o produto, pero en moitos casos non se consegue a mesma textura e aspecto do produto orixinal. Por iso, cando a auga é un dos ingredientes principais, acostuman a engadir máis conservantes, colorantes, aromatizantes e espesantes, como a xelatina, o amidón de millo ou a goma xantana.

Para os alérxicos

As persoas que teñen algún tipo de alerxia ou intolerancia deben prestar moita atención aos ingredientes que aparecen en letra grosa. Son a declaración de que o produto contén eses alérxenos. Algúns produtos tamén inclúen a frase «Pode conter trazas de alérxenos», indicando cales.

PREMA AQUÍ PARA VER O VÍDEO

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies