O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) considera que a opción da Consellería de Educación de facer de profesores os coordinadores de benestar nos centros é unha «saía rápida» para cumprir coa lei que regula esta figura pero «non achegará solucións reais ás problemáticas que atopamos nos centros educativos».

No seu comunicado, o Ceesg explica que «Educación non investirá na incorporación de persoal coordinador de benestar nos centros galegos. Así se pode concluír da orde publicada no DOG o xoves 30 de agosto, que establece esta figura (creada ao abeiro da Lei de Protección á Infancia) A solución da Xunta consiste en que sexa o profesorado xa existente o que asuma estas funcións».

Por iso, parécelles «preocupante que esta medida non garanta ningunha formación específica para asumir esas funcións, tendo en conta que é un posto no que a formación en intervención socioeducativa con infancia e adolescentes é fundamental para un bo desenvolvemento das súas funcións».

Fronte a esta decisión, a proposta do Ceesg, que foi trasladada á Consellería xa antes de que se comezase a tramitar a norma, é «a incorporación de profesionais da educación social, evitando a sobrecarga de funcións do profesorado, e asegurando ademais a especialización e capacitación das/os profesionais que exerzan como coordinadoras/es de benestar e convivencia». «Precísase —engade o colexio profesional— unha estratexia clara para a prevención das situacións de acoso escolar e vulnerabilidade relacionada coa saúde mental das crianzas galegas», no que hai que «apostar por servizos de calidade, e non por parches que reforcen a sobrecarga do profesorado, e, polo tanto, do sistema».

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies