S. Cabrero
Seguro que algunha vez nestes últimos anos escoitaches falar dos bitcóin ou das criptomoedas. Seguro que nalgún momento escoitaches iso de que subían ou baixaban ou que había xente que se fixera rica con eles. Pero, sabes o que son realmente os bitcóin?
As chamadas criptomonedas son moedas virtuais, en esencia, como os cartos que levas na carteira para mercar o bocadillo polas mañás. Pero espera, porque a cousa non é tan sinxela como cres. Porque a diferenza dos cinco euros que te da a túa avoa, que podes tocar e gardar no teu peto, as criptomoedas non teñen unha representación física, senón que simplemente existen na web.
Seguro que cun exemplo eres quen de entendelo mellor. Imaxina que vas ao parque e queres mercar unha bolsa de patacas. Pero non tes billetes ou moedas físicas na túa carteira. O ano pasado, se recordas, falábamos das tarxetas de crédito e débito, uns anaquiños de plástico que podías utilizar para pagar nas tendas co diñeiro que tiñas aforrado no banco das propinas dos teus avós e pais. Eses cartos non podes velos nin tocalos, pero existen de xeito, digamos, virtual e con eles podes mercar todo tipo de cousas ao igual que cos billetes que levas no peto.
Esa é a esencia que está detrás das criptomoedas: que non as vexas e que non as podas tocar non significa que non existan.
Criptomoedas existen a moreas no mundo. Ao igual que os cartos físicos (pensa que mentres que en Estados Unidos teñen dólares ou no Reino Unido págase con libras, aquí nós gardamos euros). E de feito, cada semana créanse novas. Hai quen calcula que no mundo existen máis de 1.000, pero sen dúbida algunha a máis coñecida é o bitcóin. Tal e como explica o experto Daniel Moreno no programa Finanzas para Mortales do Banco Santander, esta divisa (ou moeda) dixital creouse no ano 2009. O que aínda é unha auténtica incógnita é quen foi o encargado de creala: é un dos grandes segredos que hai sobre este tema.
Por aquel entón o valor do bitcóin (ou canto custaba) non podía compararse con ningunha outra moeda. É dicir, non se podía calcular cantos bitcóins podías obter cun solo euro. Despois duns meses de ser creada, realizouse o primeiro intercambio. Pagáronse 1.309 bitcóins por obter un solo dólar. As cousas cambiaron. En 2010, esta moeda virtual comezaba a ser popular e a xa so había que pagar 333 bitcóins para facerse cun dólar. E a partir de entón, a súa historia foi realmente sorprendente. No 2017, as cousas daban a volta e a xente pagaba 17.000 euros por lograr un só bitcóin. Se fas as contas poderás comprobar que neste caso, e así segue a día de hoxe, a criptomoeda valía máis fronte ao euro ou o dólar.
Outra das palabras que debes coñecer cando falamos dos bitcóins é o blockchain. Que é iso? É a tecnoloxía que está detrás do funcionamento dos bitcóins. Explica Daniel Moreno que é o libro contable que almacena todas as transaccións da maioría de criptomoedas.
O gran problema destas moedas é que non están respaldadas nin son emitidas por ningún banco, goberno ou organismo como si sucede cos euros, cos dólares e co resto de moedas ás que estamos tan habituados. De feito, os que saben do tema din que a produción dos bitcóin está centralizada en China dende fai moitos anos.
Isto converte o bitcóin nun produto perigoso e que pode levar a aqueles que opten por mercalo a ser enganados e acabar perdendo todos os seus aforros. Polo tanto, é recomendable estar moi ben informado e asesorado antes de tomar calquera decisión que teña que ver con todo este tema.