
1. Aprendizaxe de contidos conceptuais
Trátase de que podemos facer na escola para desenvolver e aprender, a bo nivel, cada un dos contidos descritos anteriormente e alcanzar así os obxectivos básicos e de ampliación desta noticia.
A enumeración destes contidos conceptuais pode atoparse no documento da Unesco que responde a que se entende por patrimonio inmaterial:
1.1 Le a definición de patrimonio cultural inmaterial
A Convención do 2003 afirma que o patrimonio cultural inmaterial se manifesta, en particular, nos ámbitos seguintes:
-Tradicións e expresións orais, incluído o idioma como vehículo do patrimonio cultural inmaterial; artes do espectáculo; usos sociais, rituais e actos festivos; coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo; técnicas artesanais tradicionais; instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes; e o que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural.
Facede, xa que logo, un mural no que figuren cada un destes aspectos do PCI, colocando unha foto ou un debuxo en cada un das apartados descritos.
– Entra na páxina da Unesco en donde encontrarás o título destes ámbitos e, se picas neles, terás unha ampla descrición de cada un.
1.2 Anota e fai un catálogo da exemplificación do PCI no mundo
Para iso podes conectar coa dirección que che facilitamos. Poderás apuntar no mapamundi as cidades e países onde se atopan as obras mestras do 2001 e do 2003. Ao abrirse, cada punto ofréceche tamén un relato concreto que describe os detalles de cada unha delas: por exemplo, ao sinalar España, atópasche co misterio de Elxe.
1.3 Fai unha visita virtual á Expo da Unesco en París
Poderás conectar cos cadros expostos e, picando neles, obterás unha explicación detallada do seu significado e valoración como obra sinalada do PCI en cada país. A exposición titúlase: O noso patrimonio inmaterial: un tesouro vivo por descubrir.
1.4 Como e por que se iniciou a historia da protección do PCI
Na Breve historia de la convención para la salvaguardia del Patromonio Cultural Inmaterialpodes consultar un esquema e as principais datas de diversos acontecementos.
-Descríbese a breve historia da Convención desde 1966 ata os nosos días.
-Facilítase o texto provisional da Convención do 2003.
-Podes consultar, por exemplo, o desenvolvemento da convocatoria do 2001: no mes de maio ten lugar a primeira proclamación de Obras Mestras do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade coa inscrición na lista correspondente de 19 expresións. En outubro, os Estados membros da organización adoptan a Declaración Universal da Unesco sobre a Diversidade Cultural, xunto cun plan de acción.
2. Aprendizaxe de contidos procedimentais
2.1 ¿Como é o proceso para promover algún feito, expresión artística ou tradición importante do teu pobo ou zona á categoría de Patrimonio Cultural Inmaterial?
Estes son algúns dos indicadores básicos para proceder a novas catalogacións do PCI, co fin de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial:
-¿É recoñecido polas comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos como parte do seu patrimonio cultural?
-¿ É transmitido de xeración en xeración?
-¿ É reconstruído permanentemente polas comunidades e os grupos en función do seu medio ambiente, da súa relación coa natureza e coa súa historia?
-¿Lles infunde un sentimento de identidade e continuidade?
-¿ É compatible cos instrumentos de dereitos humanos xa existentes e coas esixencias de mutuo respecto entre comunidades, grupos e individuos e co desenvolvemento sostible?
2.2 ¿Cales son os procedimentos para salvaguardar o patrimonio cultural inmaterial?
O documento do PCI entende por salvaguarda as medidas encamiñadas a garantir a viabilidade do patrimonio cultural inmaterial, comprendidas a identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización e transmisión -basicamente a través do ensino formal e non formal- e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos, a nivel educativo:
-asegurar o recoñecemento, o respecto e a valorización do patrimonio cultural inmaterial na sociedade, en particular mediante: programas educativos, de sensibilización e de difusión de información dirixidos ao público, e en especial aos mozos; e programas educativos e de formación específicos nas comunidades e grupos interesados; e actividades de fortalecemento de capacidades en materia de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial e especialmente de xestión e de investigación científica.
-considerar o PCI como medios non formais de transmisión do saber.
-manter ao público informado das ameazas que pesan sobre ese patrimonioe das actividades realizadas en cumprimento da presente Convención.
-promover a educación sobre a protección de espazos naturais e lugares importantes para a memoria colectiva, cuxa existencia é indispensable para que o patrimonio cultural inmaterial poida expresarse.