Colegio Torre de Lemos (Monforte)
Alumnos:
  • Betixa Carrera
  • Jaziel Colorado
  • Laura Rodríguez
  • Lucía López
  • Martín Fernández
  • Nerea Quiroga
Profesores:
  • Luis Conde Carnero (3.º e 4.º de ESO)

O Camiño de Inverno a Santiago será protagonista no vindeiro ano 2021, xa que por primeira vez celebrará o Ano Santo como itinerario oficial. Despois de dúas décadas de traballo, a .Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra verá cumprido un dos seus soños.

Percorrido do novo Camiño xacobeo

Dende que logrou o seu recoñecemento oficial como ruta xacobea —foi coa Lei de Patrimonio Cultural, Lei 5/2016 de 5 de maio—, este itinerario viu incrementado o número de peregrinos que pasaron por el. «Segundo as estatísticas da Oficina do Peregrino de Santiago, o pasado ano pasaron polo Camiño Sur mil peregrinos, e no 2018 foron aproximadamente 600», comenta Aida Menéndez, impulsora e artífice de que este Camiño de Inverno sexa unha realidade. Por esta ruta pasaron peregrinos de distintas nacionalidades: franceses, ingleses, xaponeses, chineses, norteamericanos e doutras rexións de España. «Estamos moi contentos co momento que vive actualmente o Camiño de Inverno, sobre todo despois de loitar durante dezaoito ano por conseguir que fose recoñecido como ruta xacobea», engade Menéndez.

 

Camiño de Inverno: o Lor entre Quiroga e A Pobra do Brollón

Itinerario
O Camiño de Inverno é un roteiro de peregrinación a Santiago, pola que optaban moitos peregrinos, ao entrar en Galicia, sobre todo na época invernal, para evitar atoparse co dificultoso paso dos cumes nevados do Cebreiro.

Cando o camiñante deixa o albergue de Ponferrada, antesala das terras galegas, preséntanselle dúas opcións para continuar ata a tumba do Apóstolo: unha, seguir de fronte, polo Camiño Francés; outra, desviándose á esquerda, polo Camiño de Inverno. Este último, segue, practicamente, o leito natural que marca o río Sil, por unhas cotas máis baixas do terreo, converténdoo nun camiño natural de comunicación entre Galicia e a meseta castelán- leonesa. Un roteiro que foi seguido polos diferentes pobos ao longo da historia, desde os romanos ás tropas napoleónicas francesas, para facer as súas incursións en terras galegas. E, a que seguiu o primeiro trazado da liña férrea para entrar en Galicia, a liña Palencia – A Coruña, inaugurada en 1883.

Camiño de Inverno: Río Cabe ao seu paso por Monforte

Ao longo duns 260 kilómetros percorrerá as catro provincias galegas tras deixar a comarca leonesa do Bierzo. Fai a súa entrada en Galicia pola comarca ourensá de Valdeorras, segue polo sur da provincia de Lugo e xa nos contrafortes do monte Faro, entra na comarca pontevedresa do Deza, uníndose en Lalín (albergue da Laxe) ao Camiño Sanabrés ou Mozárabe, ata Santiago de Compostela.

Ademais do río, un fiel acompañante en gran parte do percorrido, hai dúas singularidades que identifican este roteiro: unha, cruza o parque arqueolóxico das Médulas, declaradas Patrimonio da Humanidade; outra, atravesa gran parte da Ribeira Sacra, polo sur lucense, salpicada do maior número de igrexas románicas galegas, situadas, no seu maior parte, nos impresionantes canóns do río Sil e ladeiras do río Miño. En total, son nove etapas.

 

Argumentos para a oficialidade

Para conseguir a oficialidade fixeron falta 18 anos de traballo. Iniciouno Aida Menéndez no ano 1999, intre no que ocupaba a concellería de Cultura de Monforte. Dende este departamento financiouse un estudo previo que documentase este camiño como ruta xacobea, pero só se centrou no sur de Lugo, é dicir, dende o límite con A Rúa ata a ermida do Faro.

Co paso dos anos, a asociación foi reunindo máis documentación, froito do propio traballo de campo e do contacto coas outras comarcas. Esta refírese á rede viaria, rede hospitalaria, relatos de peregrinos en séculos anteriores, advocación ao Apóstolo Santiago por estas terras, entre outros. Por todas as comarcas que atravesa a ruta, atoparon suficientes vestixios que recompilaron, entregando un dosier á Dirección Xeral de Patrimonio, da Consellería de Cultura, a primeira vez no 1999 e xa moito máis completo en 2009. Pero houbo que esperar ata o 2016 para que se recoñecera como camiño xacobeo.

 

Promoción continua

A asociación traballou arreo para lograr o seu obxectivo. Houbo contactos continuos con outras comarcas. «Primeiro co Deza e Valdeorras sobre o ano 2004, e co Bierzo, para saber onde entroncaba co Camiño Francés, no 2005-06. A partir desta última data soubemos do trazado de toda a ruta», engade Aida Menéndez.

Integrantes da Asociación Camino de Invierno indo a Santiago

As publicacións foron sempre moi importantes para Menéndez. Xa dende o primeiro ano, 1999, fixo pequenas publicacións, primeiro divulgando o Camiño —foi no Programa de Festas de Monforte, na prensa e nalgunha revista—. Logo participando nalgún congreso xacobeo, levando ponencias nas que analizaba algún aspecto deste Camiño. Destacan as seguintes publicacións: a primeira web que se fixo sobre esta ruta no 2004, da que é autora Aida Menéndez, despois foi mellorada no 2010 e no 2018; a primeira guía que se fixo, tamén de Menéndez, sobre unha parte desta ruta no 2004,  Camiño Sur; Guía del Camino de Invierno a Santiago, no 2013 que no 2017 foi traducida ao inglés; e no 2010 o libro Los Caminos de Santiago de la provincia de Lugo, do que Menéndez é coautora, editado pola Deputación. Houbo outras actividades: no 2008 fixeron público o primeiro mapa de toda a ruta cos nomes dos lugares máis importantes e concellos nun folleto con textos en galego-castelán e francés-inglés; o camiño foi presentado ese ano na Feira INTUR.

 

 

Proxectos e melloras

O feito de que estea aí xa o Xacobeo do 2021 suporá un impulso para este Camiño de Inverno que continúa medrando. Unha das noticias máis esperadas produciuse a finais desta semana pasada. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentou o plan de sinalización e mellora previsto para o Camiño de Inverno a representantes dos 14 concellos galegos polos que atravesa este roteiro. Contempla actuacións en 190 kilómetros por importe de 1,5 millóns de euros. A previsión é sacalo a licitación en abril.
Asimesmo, dende a asociación que preside Aida Menéndez teñen previstas as seguintes actuacións: seguir mellorando a web para que o peregrino teña un bo asesoramento; atender e pedir ás institucións, se é necesario, que o Camiño estea en boas condicións; seguir con publicacións que resalten o patrimonio desta ruta; organizar importantes exposicións sobre o mundo xacobeo, e máis concreto sobre este roteiro.

A presidenta da asociación, Aída Menendez, facendo o Camiño

Por último, dende a asociación elevan unha serie de reivindicacións, que son, segundo Menéndez, as seguintes: «Queremos que se abran albergues públicos, porque queremos estar cerca do peregrino e ter onde poder recibilo; e  crear un centro de interpretación do Camiño de Inverno en Monforte, demanda que xa fixemos, presentando un proxecto no 2015 ao Concello, sen éxito», di.

Aida Menéndez anima aos peregrinos a achegarse á Ribeira Sacra e facer este Camiño de Inverno, que cada vez ten máis protagonismo. Sen dúbida, o seu recoñecemento oficial foi moi importante para a nosa zona, á que tan só lle falta que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade. A comunidade educativa do Colexio Torre de Lemos tamén contribúe a promoción do Camiño de Inverno e da Ribeira Sacra -xunto con escolares dos distintos centros de ensino da Ribeira Sacra, participamos nos últimos catro anos en Andainas, cunha media de mil alumnos, que ademais traballaron unidades didácticas- e o ano que vén aportará o seu grao de area ao Xacobeo.

A sinalización

Outro dos aspectos clave na promoción do Camiño de Inverno foi a sinalización, na que investiron moito tempo. «Esta asociación foi pioneira sinalizando o Camiño pola Ribeira Sacra. En 1999 empezamos sinalando coa clásica frecha amarela e nalgún concello con postes de madeira. No 2005, colocamos paneis en cada concello co mapa do Camiño polo seu termo. No 2008, colocamos 100 fitos de granito, que nos anos seguintes fomos ampliando ata un total duns 120», apunta Aida Menéndez.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

236 usuarios han votado por esta noticia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies