5. METODOLOXÍA

O profesor modulará a dificultade das actividades, adecuándoas aos distintos niveis, especialmente no que se refire á esixencia na avaliación.

5.1. Secuencia de actividades

A exposición dos contidos básicos (concepto de sinonimia e relacionados) é indubidablemente previa á práctica. As distintas actividades están expostas en orde gradual de aplicación, aínda que, segundo as idades e grao de coñecementos previo, podería pasarse ás últimas sen facer as anteriores.

5.2. Agrupamentos e espazos

Facer as actividades de busca de sinónimos por equipos coa conseguinte posta en común no gran grupo permitirá descubrir máis posibilidades para unha palabra dada e, sobre todo, razoar por que algunhas son rexeitables.

Se nestes xogos son os propios alumnos os que han de tomar unha decisión entre as varias propostas e defendendo os seus intereses -en lugar de poñer sempre atención no maxisterio do profesor-, a propia discusión contribuirá a desenvolver o sentido crítico. Isto quere dicir que, en xeral, os argumentos achegados pola consulta do dicionario (non só o de sinónimos, senón tamén o semasiolóxico) serán os que teñan maior respaldo do profesor.

5.3. Como traballar os titulares

Imos referirnos aquí a varios titulares que presentan fenómenos de sinonimia e de equivalencias designativas, ou que ofrecen posibilidades para traballar o tema. Todos se refiren ao exemplar de La Voz do 7 de xuño do 2009.

Xa nos referimos ao titular principal da primeira páxina (na Preparación deste e-studio) e a como nel poderiamos cambiar ata catro palabras sen que para nada se vise alterado o sentido da mensaxe: «Los ingresos de los ayuntamientos gallegos por tributos del Estado cayeron un 20% en cuatro meses» pasamos a: «Las retribuciones de los concejos gallegos por contribuciones del Estado disminuyeron un 20% en cuatro meses». Sería un bo exemplo de como o profesor podería subliñar neste titular as palabras ingresos, ayuntamientos, tributos e cayeron e pedir os alumnos que buscasen sinónimos.

Nun segundo paso, poderíalles pedir que escolleran unha opción en caso de que, como sería previsible, atopasen máis dun (acontecerían sen dúbida para ayuntamientos e para caeron): municipios, consistorios, cabildos e bajaron, se desplomaron, descendieron, disminuyeron…

Nesta mesma páxina temos un exemplo para mostrar como o xornal manexa a sinonimia, nos avances das noticias. Di o primeiro: «Elecciones europeas. Temor a una muy baja participación en los comicios que hoy se celebran». ¿Sería un exercicio difícil para alumnos xa algo coñecedores do tema que busquen casos como este e os comenten? ¿Neste exemplo, elecciones e comicios son sinónimos ou expresións equivalentes?, pódeselles preguntar; ¿están os alumnos capacitados para razoar a resposta? Se houbese que buscar novos sinónimos, ¿haberá máis palabras en español para significar o mesmo concepto? (quizais as páxinas 22-26, nas que se desenvolve o tema, dean directamente algunha pista).

A páxina 9 da edición local de A Coruña dá un exemplo claro de equivalencia semántica que non é sinonimia. O subtítulo da noticia principal di «Desde comienzos del siglo XX hasta la actualidad, la ciudad presenta un amplio historial de asesinatos. Algunos siguen todavía hoy sin resolver». E nun dos despezamentos titula: «El estrangulamiento de la calle de Honduras, un caso pendiente». Tamén as palabras crímenes, asesinatos e estrangulamientos poden considerarse en relación semántica, pero tampouco son sinónimos, senón a terceira é hipónimo da segunda e esta, á súa vez, éo da primeira.

Tamén a páxina 57 ofrece na súa primeira noticia unha boa dose de riqueza léxica para sometela a análise e valoración dos alumnos: tractor, máquina, artilugio, vehículo son catro palabras que designan unha única realidade: ¿cabe usar algunha máis?, ¿hai algunha máis apropiada que outra?, ¿son todas verdadeiros sinónimos ou solo algunhas delas entre si?, ¿cal é preferible (por exacta) para figurar no título principal?

Repetimos: trátase de só algúns exemplos da riqueza que neste asunto presenta o xornal, practicamente anotados a fume de carozo. Case calquera páxina que presente unha noticia despiezada ofrecerá algún caso aproveitable na aula.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies