O pasado mércores, o Museo Santiago Rey Fernández-Latorre acolleu a entrega de premios de Prensa-Escuela, que este ano tiña dous certames: Xornalismo na Escola e Mellor Xornalista.
Xornalismo na Escola é un programa realizado por La Voz de Galicia en colaboración con Norvento, que chegou á súa segunda edición e no que os rapaces convértense en reporteiros. Teñen que preparar unha reportaxe que se poida publicar no xornal, e de feito o premio é precisamente ese, a súa publicación. Os galardoados cos premios Galicia e Norvento (categoría adicada ás enerxías renovables) publicarán o seu traballo nas páxinas xerais do xornal, onde poderán lelos os máis de 300.000 lectores de La Voz; os premios provinciais publicaranse nas páxinas das edicións da provincia que lles corresponda. Houbo moitos máis agasallos, como un patinete eléctrico para os docentes gañadores do premio Galicia (Sabela Prieto) e de votación na web (Gonzalo Sánchez Busons e Cristina Bravo Bosch), e unha bicicleta eléctrica para Fiz Cabanas como gañador da categoría Norvento. Ademais, os rapaces destes colexios poderán vivir unha xornada de diversión no parque multiaventura Naturmaz, en Mazaricos.

Pero o verdadeiro premio de Xornalismo na Escola é participar no proxecto. O proceso de investigar un asunto, o que eles queiran, interrogar aos expertos e buscar testemuñas, xunto con resumir as ideas e redactalas é o suficientemente intenso como para que lles impresione.

Prema aquí para ver todas as reportaxes publicadas

No caso dos gañadores na categoría xeral falaron nada menos que con compañeiros do instituto, profesores, orientadores e psicólogos sobre os problemas mentais que sofren os adolescentes, especialmente tras a pandemia. Os rapaces de Ribadumia, que obtiveron o premio provincial de Pontevedra, decantáronse por indagar como o deporte pode axudar a superar os problemas, e contaron para iso cunha entrevista a atleta paralímpica galega Susana Rodríguez. Os estudantes de Lugo apostaron por un percorrido da creación musical galega, falando con autores e analizando a súas influencias. E en Ourense os nenos analizaron o seu comportamento como peóns nas rúas e os perigos que afrontan, as veces sen pensar.

Houbo outras quince reportaxes, e todas merecían un premio, polo esforzo e traballo que esixiron dos rapaces, pola aprendizaxe que supuxeron e a calidade final que amosaron.

PREMIO GALICIA

O premio Galicia entregouno o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela. Foi para un equipo do IES Eusebio da Guarda, con Sabela Prieto á cabeza e os seus alumnos: Rodrigo Béjar, Pedro Pedreira, Matías Castro, Victoria Torrense, Eva Pérez, Clara Pato e Carla Fernández; non puideron estar Miguel Ángel e Jaime. Na súa reportaxe falaron dos problemas mentais dos mozos, especialmente tras a pandemia

PREMIO NORVENTO

Mariluz Lorenzo, directora de Comunicación de Norvento, (primeira pola esquerda) foi a encargada de entregar o premio ao colexio Obradoiro, que presentou un equipo liderado polo profesor Fiz Cabanas e no que estaban Irene Alba, Telmo Baroja, Iago García, Pablo García, ademais de Iago Regueira.

No seu traballo falaron dos 25 anos da enerxía eólica en Galicia.

PREMIO PONTEVEDRA

Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, fixo entrega o premio a Silvia López, profesora do CPI Julia Becerra (Ribadumia) e a Laura Fandiño e Ana Padín, en nome dos alumnos. A súa reportaxe falaba do deporte como forma de superación das dificultades.

PREMIO LUGO

A profesora Chus Adán, do IES Muralla Romana, recolle o premio de Lugo de mans de Xosé Luís Vilela, xuntao con Firdaous Boumazalag (esquerda) e Sara Gómez en representación da clase. O seu traballo foi sobre a creación musical en Galicia.

PREMIO OURENSE Y VOTACIÓN

Non puideron estar os rapaces de Ecovixiantes do CPR Divina Pastora (Franciscanas) de Ourense, e foron os seus profesores, Gonzalo Busons e Cristina Bravo os que recolleron os premios. O texto que fixeron falaba da vida dos peóns en Ourense.

Premio ao traballo xornalístico individual

O premio ao Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil é un certame histórico para La Voz de Galicia, organizado xunto con Viaqua, que alcanzou a súa maioría de idade, 18 edicións. O seu obxectivo é converter aos rapaces en xornalistas, adaptando as esixencias á súa idade, e segundo esta, teñen que facer un debuxo a partir dunha nova (Infantil 1, ata terceiro de primaria), debuxo máis resume da noticia (Infantil 2, o resto da primaria), unha entrevista (na ESO) ou un artigo de opinión (en bacharelato).

A grande diferenza entre Mellor Xornalista e Xornalismo na Escola é que o traballo do primeiro concurso é persoal e, no segundo caso, está pensado para facer en grupo.

En canto a Mellor Xornalista, o certame ten dúas categorías: a xeral e a de Viaqua, adicada aos asuntos medioambientais. Da entrega dos premios foi responsable de repartilos Marcos Martín, director de Viaqua. Dos pequenos, gañaron Xulio Pernas (CEIP Cervo) cun debuxo de incendios forestais que lle permitiu gañar unha cámara de fotos dixital, e á súa mestra, Eva Martínez, un libro electrónico. Julia Méndez (CPR Montespiño, Culleredo) foi segunda e levou un MP4. Na categoría Infantil 2 gañou Sara Valentina Álvarez (Carmelitas de Ourense), cun debuxo dunha tartaruga que tragaba un plástico e a súa profesora Consuelo Quintana; de segundo quedou Darío Fernández (CEIP Barrié de la Maza, Sada) cun debuxo-noticia sobre o modelo de recuperación forestal galego. Os premios foron os mesmos que Infantil 1.

En Xuvenil, a entrevista foi para Marta Puga (CPR San José de la Guía, Vigo) e a súa mestra, Pilar Carrera, por unha entrevista a unha educadora social; o segundo lugar foi para Aaron Lagos (CPR Franciscanas de Ourense) que falou cunha presentadora do tempo nunha cadea local. Na opinión gañaron Iván Abad (Franciscanas de Ourense) e o seu profesor Gonzalo Sánchez Busons (que fixo doblete na entrega de premios) sobre a necesidade de consumir de xeito adecuado; e de segunda Paula Lamas (IES Xoán Montes, Lugo), que fixo un chamamento aos tres “r” (reducir, reciclar e reutilizar). Na categoría xuvenil os gañadores levan uns cascos sen fíos, e os catro vivirán a experiencia de xornalistas por un día ademais de visitar as instalacións de Viaqua máis cercanas; os profesores dos primeiros postos gañan un libro electrónico.

Prema aquí para ver os traballos premiados

Os premios son os mesmos na categoría xeral (menos a visita ás instalacións de Viaqua). Dos pequenos gañou Luca García cunh debuxo do fundimento do Vila de Pitanxo; e Ziyad Achtouk, de segundo por uno da guerra de Ucranía; ambos rapaces estudan no CEIP de Foz N.º 1 e teñen a mesma mestra, Lourdes Rego, que non puido estar na entrega de premios. En Infantil-2, a gañadora foi Mariña Toucedo (CEIP Anxo da Guarda, da Coruña) por o debuxo e resume da morte dos estorniños en Ferrol; o seu profesor, Alfonso González, tamén recibiu un agasallo. Non puido acudir á festa Dylan Simoes (CEIP O Pombal, de Vigo) que quedou en segunda posición por un traballo sobre un videoxogo.

No espazo xuvenil xeral, a entrevista mellor foi a de Rosa Quintáns (IES Lamas de Abade, Santiago) á unha muller maltratada, que lle supuxo un premio tamén á súa profesora Maricarme Arias; o segundo posto foi para Bruno Vázquez (CPR Carmelitas de Ourense) coa entrevista a un project manager. Dos alumnos de bacharelato, que tiñan que facer un artigo de opinión, gañaron Noelia Gutiérrez que falou da fenda dixital , Miguel Fernández, sobre o patrimonio cultural. Os dos mozos son compañeiros no CPR Calasanz da Coruña, e teñen á mesma profesora, Guadalupe Martínez.

PREMIO VIAQUA: CATEGORÍA INFANTIL

A mestra Eva Martínez e os rapaces Xulio Pernas (CEIP de Cervo), Julia Méndez (CPR Montespiño), Sara Valentina Álvarez (Carmelitas de Ourense) e Darío Fernández (CEIP Barrié de la Maza, en Sada) recolleron os premios de mans de Marcos Martín, director de Viaqua.

PREMIO XERAL: CATEGORÍA INFANTIL

Santiago Pérez, xerente de La Voz, foi quen repartiu os premios a Luca García e Ziyad Achtouk (ambos do CEIP de Foz N.º 1) da categoría Infantil 1. A súa mestra, Lourdes Rego,non pudo estar na festa. Tamén entregou o premio da categoría Infantil 2 a Mariña Toucedo (CEIP Anxo da Guarda, da Coruña), así como ao seu mestre, Alfonso González. No segundo lugar quedou Dylan Simoes, do CEIP O Pombal, de Vigo, que non puido estar na xuntanza.

PREMIO VIAQUA: CATEGORÍA XUVENIL

Marcos Martín tamén entreou os xuvenís Viaqua a Paula Lamas (do IES Xoán Montes, de Lugo, segunda de opinión), Iván Abad (do Divina Pastora de Ourense, primeiro), Aaron Lagos (tamén do Divina Pastora de Ourense, segundo de entrevista), Marta Puga (CPR San José de la Guía, de Vigo, primeira na entrevista), e aos profesores Pilar Carrera e Gonzalo Busons.

PREMIO XERAL: XUVENIL 1

Manuel Areán, secretario xeral de La Voz cos premiados Rosa Quintáns (IES Lamas de Abade, de Santiago, primeiro premio) e a súa mestra MariaCarme García Arias, e a Bruno Vázquez (Carmelitas, de Ourense).

PREMIO XERAL: XUVENIL 2

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, entregou o premio de opinión aos alumnos do Calasanz coruñés Miguel Fernández (segundo clasificado) e Noelia Gutiérrez (primeira), así como á súa profesora, Guadalupe Martínez.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies