4.0 Coñecementos / Actitudes previas
SESIÓN 1: Ponte na súa pel
Esta proba de preavaliación permitirá sondar os coñecementos e, sobre todo, as actitudes do alumnado en relación cos malos tratos entre iguais para adaptar as actividades ás características do grupo. Este mesmo test aplicarase ao final da unidade didáctica para valorar a progresión realizada.
CUESTIONARIO INICIAL / FINAL
NOME DO ALUMNO:
GRUPO:
DATA:
Imaxina os seguintes tres casos e ponte na pel dos seus protagonistas. Contesta con sinceridade o que ti farías, non o que cres que deberías facer:
1. De súpeto, sen que ti saibas por que, algúns compañeiros de clase rexéitante, non queren estar contigo, nin sequera lles gusta que esteas preto deles. Insúltante de cando en vez, rinse de ti sempre que poden e en ocasións chegan a ameazarte fisicamente. Ademais, decátaste de que lle dixeron ao teu mellor amigo que pase de ti, que es un “pringao”.
- ¿Como te sentirías?
- ¿Como actuarías ante os acosadores?
- ¿Farías algo para cambiar a situación?
2. Un día, na hora de Titoría, o profesor explica o que é o acoso escolar. Entón ti caes na conta de que, quizá sen darche conta, estás facendo sufrir a un compañeiro teu ao que constantemente fas bromas, burlas e ata ameazas. Recoñeces que ás veces es algo violento, e que non podes evitar meterche con aqueles que parecen máis débiles que ti.
- ¿Como te sentirías?
- ¿Como sería o teu comportamento habitual ante a vítima?
- ¿Farías algo para cambiar a situación?
3. Un día calquera, na hora do recreo, observas unha vez máis que o matón da túa clase está burlándose da súa vítima, un mozo que non goza de demasiada popularidade no centro. Ao seu ao redor están os incondicionais do matón, ríndolle as grazas.
- ¿Como te sentirías?
- ¿Como actuarías ante esta situación?
- ¿Farías algo por cambiala?
4.1 Actividades de introdución
SESIÓN 2: ¿Identifícaste?
Entrégase unha copia deste documento a cada un dos alumnos do aula. Déixaselles cinco minutos para reencher o test e interpretar os resultados. Non é necesario
facer públicos os resultados do cuestionario. Simplemente ha de servir como escusa para establecer un debate no aula que aborde tres cuestións fundamentais: ¿que podes facer se es vítima?, ¿que debes facer se es maltratador? e ¿que podes facer se es espectador dunha situación de malos tratos?
Marca cun xe as frases coas que che identifiques en cada un dos tres bloques:
BLOQUE 1
¿Es unha vítima?
- Insúltante ou se burlan constantemente de ti.
- Difunden rumores falsos sobre a túa persoa.
- Empúxante, pegante ou ameazante.
- Agóchanche, rómpenche ou róubanche as cousas de forma continuada.
- Ignórante ou desprézante.
- Rexéitante en calquera circunstancia ou por calquera motivo.
- Non te deixan participar nas actividades do grupo.
- Obríganche a facer cousas que ti non queres.
BLOQUE 2
¿Es ti o que maltrata?
- Insultas, falas mal doutros ou difundes rumores falsos.
- Méteste de forma persistente con algún compañeiro.
- Molestas e incomodas a aquelas persoas que teñen algunha particularidade ou unha aparencia física distinta.
- Rexeitas a algunhas persoas nas actividades de grupo.
- Gozas intimidando, metendo medo ou facendo chorar a outras persoas ás que consideras máis débiles.
- Animas aos teus compañeiros a que rexeiten a alguén do grupo.
- Obrigas aos demais a facer cousas que non queren.
BLOQUE 3
¿Ou es un espectador pasivo destas situacións?
- Ás veces es testemuña de actos de intimidación e non fas nada para evitalo.
- Pensas que a vítima se merece o que lle pasa.
- Tes medo a actuar en defensa da persoa maltratada.
- Cres que mentres se metan con outra persoa non se meterán contigo.
- En ocasións participas na situación de abuso con risas, xestos ou burlas.
RESULTADO
– Se a maioría dos xes correspóndense co bloque 1, significa que estás sendo vítima do chamado bullying, aínda que che custe crelo. Ti non tes a culpa do que te está pasando e é lóxico que te sentas mal. De feito, é iso o que buscan as persoas que te acosan. Non podes facer coma se non pasase nada, pide ¡xa! axuda aos teus pais, ao teu titor ou ao orientador do centro. Eles saberán como actuar.
– Se a maioría das frases coas que che identificas correspóndense co bloque 2, quere dicir que es un maltratador cos teus iguais. A túa conduta pode levarte a situacións persoais de inestabilidade e inadaptación social que te prexudicarán; aparte de que é moi posible que lle esteas causando un grave dano á persoa ou persoas das que abusas. Ti tampouco podes sentirte ben. Fálao cos teus pais, co orientador ou titor: axudaranche a recoñecer que tes un grave problema, o primeiro paso para solucionalo.
– Se te identificas cos enunciados do bloque 3, significa que es cómplice dunha situación de malos tratos: observas, pero non actúas na defensa do máis débil, polo que sen darche conta estás colaborando co maltratador (a el interésalle que funcione “a lei do silencio” para seguir intimidando ás súas vítimas). Sé valente e denuncia a situación.
4.2 Actividades de desenvolvemento
SESIÓN 3: As sete palabras crave
Entrégase a cada alumno unha copia da noticia da que parte a unidade didáctica. Individualmente completan o seguinte cadro (posteriormente debátense as distintas respostas emitidas):
ANÁLISE DA NOTICIA: Agresión a un estudante lugués gravada en vídeo
QUEN
Persoas, grupos, entidades ou calquera ser que poida constituírse en axente ou paciente desta noticia.
QUE
Os feitos importantes da noticia e os termos que hai que coñecer para entender o significado da noticia.
ONDE
Os sitios e os espazos que determinan a situación física da noticia.
CANDO
Tempo, datas e momentos significativos da noticia.
COMO
Os pasos do proceso, as formas, as técnicas e a metodoloxía.
CANTO
Todo aquilo que se pode cuantificar dalgún modo, e inflúe ou describe mellor o que pasou.
POR QUE
Os obxectivos, os motivos, as causas e as consecuencias.
SESIÓN 4: Dez ideas falsas sobre os malos tratos
O profesor le no alto cada unha das ideas falsas e vai pedindo aos alumnos que as rebatan. Unha vez lidas todas, ínstaselles a comentar outros mitos sobre o tema.
1. Só son bromas, é mellor non meterse.
Non é certo. Ás veces é difícil distinguir entre unha broma e unha situación de abuso, pero cando a vítima empeza a asustarse xa non é unha diversión.
2. A vítima búscao, meréceo.
Ninguén merece ser vítima de malos tratos, sexa cal for a súa conduta. é unha mala escusa para xustificar a agresión.
3. Os malos tratos forma parte do crecemento e imprimen carácter.
Unha cousa é aprender a afrontar as adversidades e outra moi distinta ser obxecto de abusos. As vítimas convértense en persoas desconfiadas, ansiosas e illadas.
4. O mellor xeito de defenderse é devolvendo as agresións.
Non é certo. A reacción violenta da vítima empeora a situación, xa que lle serve ao agresor como escusa perfecta para realizar novos actos violentos.
5. Os malos tratos son cousa de nenos.
Unha cousa é o xogo, nos que xorden os conflitos interpersoais, e outra moi distinta as condutas violentas. Permitilas na infancia supón formar adultos incapaces de respectar as normas sociais.
6. As vítimas sempre proveñen de ambientes marxinais.
Non é verdade. Está demostrado que se dan en todos os niveis socioeconómicos e en todos os centros educativos, públicos e privados.
7. Os acosados son persoas débiles.
Non. A vítima pode ser calquera, aínda que adoitan ser pacíficas e tranquilas.
8. Só a vítima precisa axuda.
Non é certo. Necesitan axuda a vítima e os agresores, aínda que de xeito diferente. Tanto uns como outros deben atopar alternativas ao seu comportamento.
9. Eu non son vítima nin agresor, non me debo preocupar.
As testemuñas das situacións de acoso están implicados moralmente na situación de abuso. A lei do silencio contribúe a que eses feitos se sigan producindo.
10. Se o denuncio serei un acusón.
Denunciar unha situación de malos tratos non é ser un acusón. Hai que ser solidario, porse na pel do maltratado e cortar a situación contando os feitos ao profesorado. De feito, axudar a parar unha situación de inxustiza é un acto de valentía.
SESIÓN 5: ¿Malos tratos ou conflito?
O profesor explica a diferenza entre malos tratos e conflito interpersoal. Tras a explicación, un voluntario sae ao encerado e vai clasificando nun cadro de dobre entrada distintas situacións que propón o profesor ou os propios compañeiros: malos tratos ou conflito. Para levar a cabo a dinámica o profesor pode apoiarse no seguinte documento:
Documento para o profesor
“Aparta!”é a típica expresión groseira que non ten por que pasar de aí e que é máis común do que quixésemos nos corredores dos centros educativos. Pero se quen a di pretende agredir a alguén en inferioridade de condicións, que non provocou a situación, e non é a primeira nin a segunda vez que llo fai, entón estamos ante unha situación de malos tratos entre iguais. É dicir, existe acoso escolar cando un alumno, ou un grupo de alumnos, ataca e molesta a outro compañeiro que non pode ou non sabe defenderse, unha e outra vez, con intención de facerlle dano ou meterlle medo. Esta situación é diferente dunha pelexa ou discusión esporádica, dos empuxóns ou patadas que se producen habitualmente nas situacións de xogo e dos episodios nos que se lle toma o pelo a alguén nun contexto de broma.
Os casos de malos tratos poden supor violencia física (patadas, agresións), verbal (insultos, burlas) ou social, que son as accións encamiñadas a fomentar sentimentos de inseguridade e temor, por exemplo: deixar á vítima soa no patio, facer grupos na clase sen contar con esa persoa ou impedir a súa participación nas actividades cotiás como traballos de grupo, partidos de fútbol ou xogos.
Para empezar, é fundamental distinguir os malos tratos entre iguais doutras situacións de conflito máis habituais.
(Un alumno sae ao encerado e clasifica as distintas situacións con axuda dos seus compañeiros).
Os malos tratos suceden
-Cando un estudante se mete a miúdo cun compañeiro insultándoo, póndolle alcumes, burlándose ou ríndose del.
-Cando un grupo de rapaces lles di aos demais que non falen con outro rapaz.
-Cando nos cambios de clase, nos servizos, no autobús ou no recreo hai un neno ou nena que sempre tropeza coa mesma vítima.
-Cando alguén abusa da súa forza e atemoriza aos demais ameazándoos se non fan o que el quere: darlle diñeiro, facerlle os deberes, comprarlle un bocadillo…
-Cando un grupo de alumnos ou alumnas espera á saída do centro escolar a alguén para abusar del ou meterlle medo.
Malos tratos non son:
-Insultar ocasionalmente no medio dunha rifa.
-Estar un día ou varios enfadado con alguén sen falarlle.
-O enfrontamento entre dúas cuadrillas.
-Tropezar sen querer con alguén e gritar “Que bruto es!”
-Non ser amigo de todos os da clase.
SESIÓN 6: O enfoque da prensa
Por grupos, os alumnos deben entrar en Internet e buscar, a través do Buscavoz, as noticias publicadas por La Voz de Galicia relacionadas cos malos tratos entre iguais no último ano (no ámbito autonómico, nacional e internacional). Para aforrar tempo de traballo na aula, pode pedírselles que as traian xa impresas de casa. Aplícase a cada noticia o persoal das sete palabras crave (sesión número 2) e realízase unha destas dúas actividades:
-Debate sobre o enfoque xornalístico do acoso escolar (sensacionalista ou axustado á realidade; demonizando aos agresores ou xustificando a súa actuación; outorgando protagonismo á opinión das familias ou ignorándoa; botándolles a culpa aos docentes ou simplemente transmitindo o seu punto de vista…) e causas do aumento de noticias publicadas sobre o tema (¿hai máis casos de malos tratos ou máis conciencia social?, ¿as novas tecnoloxías aumentan o número de casos ou simplemente danlle maior repercusión social?)
-Realización de murais, por grupos, coas noticias e os modelos das sete palabras crave cubertas.
SESIÓN 7: É malo para ti, é malo para min
A vítima é a parte máis débil nunha situación de violencia, e xa que logo a máis prexudicada, sobre todo de tipo psicolóxico. Pero a persoa que maltrata tamén experimenta consecuencias negativas que, en moitos casos, quedan gravadas para sempre na súa personalidade. No seguinte cadro inclúense algunhas das secuelas que experimentan as dúas partes implicadas nunha situación de acoso.
Por grupos de 4 ou 5 alumnos, reenchede a grella marcando cunha cruz o apartado agresor (A) ou vítima (V) segundo corresponda, tendo en conta que máis dunha característica é común a ambos os perfís. Unha vez completado, un portavoz de cada grupo explicará ao resto por que atribuíu a consecuencia a un, outro ou ambos.
-Baixa autoestima. (A) (V)
-Sentimentos de inseguridade e medo. (A) (V)
-Introversión, timidez e dificultade para as relacións persoais. (A) (V)
-Provocador de tensións no aula e no centro. (A) (V)
-En casos extremos, intentos de suicidio. (A) (V)
-Utiliza a agresión como forma de recoñecemento social. (A) (V)
-Mostra dificultade para establecer relacións sociais entre iguais sen que exista intimidación. (A) (V)
-Aprende o que é os malos tratos, o cal pode deteriorar gravemente a convivencia coa súa parella no futuro. (A) (V)
-Por mor desta situación, baixa o seu rendemento académico. (A) (V)
-Pode mostrar fobia escolar (medo a ir a clase). (A) (V)
-Sofre ansiedade. (A) (V)
-É unha persoa con problemas emocionais. (A) (V)
SESIÓN 8: De novo, ponte na súa pel
Co fin de valorar a progresión ou modificación de actitudes do alumnado, volverase a aplicar o mesmo test da primeira sesión.
4.3 Actividades de ampliación
-Proxección do vídeo do Programa de Educación para a Tolerancia de Díaz-Augado (ver apartado de recursos).
–Guía para el alumno de Primaria. Tratémonos bien e Guía para el alumno de la ESO. Y tú, ¿qué puedes hacer? (ver apartado de recursos)