ACTIVIDADES INTRODUTORIAS

4.0.1. Lectura da noticia

Podería elixirse calquera outra noticia relativa a unha película, que sempre atoparemos referencias aos actores principais (sobre todo se son moi coñecidos) e ao director. Pero tamén ao guión, pois moitos protagonistas deciden a súa participación grazas a el. Entrevistas con actores que se refiran a el ou reseñas de películas que destaquen o guión serían adecuadas para introducir o tema.

4.0.2. Caracterización tipolóxica do texto

  • Se se estima oportuno e se quere vincular este e-studio con esta parte do programa, pódese facer un repaso ou unha introdución á tipoloxía textual.
  • Pódese partir da clasificación que inclúa o libro do alumno.
  • Tamén pode proporse unha definición dos tipos xerais. O máis habitual é distinguir textos expositivos, argumentativos, narrativos, descritivos e dialóxicos. E, dentro destes, os subtipos e parámetros xa son moi variados duns autores a outros.
  • Os guións constituirían un bo exemplo de cómo estes tipos case nunca se presentan puros na realidade, pois neste caso trátase de textos que inclúen dous partes, unha dialogada e outra entre narrativa e descritiva, moi claramente diferenciadas.

ACTIVIDADES DE DESENVOLVEMENTO

4.1.1. Aclaración do concepto de guión

  • A primeira actividade servirá para delimitar o concepto de guión, tendo en conta a súa finalidade.
  • Facilítase aos alumnos o breve documento «O guión e os seus tipos». Tamén se pode entregar o documento xa resumido aos alumnos. Pero esta é unha actividade previa ás que seguen, polo que conviría non saltala, aínda que sexa aplicada dunha forma mínima.
  • A partir do documento, os alumnos extraerán as ideas principais. Se é necesario, coa guía do profesor, deberíanse destacar polo menos as ideas de que o guión: é un documento escrito, previo á produción dunha película (ou outra filmación), que contén todo o que despois se poderá ver nela; ten unha estrutura: a súa división en secuencias, escenas e planos; fixa unha localización e un tempo; contén as accións dos personaxes e os diálogos; pode presentarse en varios tramos ou escalas de execución: sinopse, tratamento, guión literario e guión técnico, ademais de «storyboard».
  • Se non se van a desenvolver máis actividades, pódese proxectar unha película, ou algúns fragmentos ou un capítulo dunha serie para analizar nela estes conceptos. Ata un anuncio comercial de certa duración e complexidade podería servir para ilustralos.

Adaptación da actividade para alumnos máis novos. Se se lles pode mostrar a páxina dalgún «storyboard» e despois as imaxes da película, sería facerlles ver que o guión é como este, pero sen debuxos.

4.1.2. Estrutura e elementos do guión

Con esta actividade explicaremos que o guión é un tipo de texto que se cingue a unhas normas (que daremos a coñecer) de formato e presentación bastante ríxidas, cuxo obxectivo máis obvio é o facilitar a lectura (hai unha previa á selección do guión para convertelo en película e outra para convertelo nun guión técnico, que servirá de base para a rodaxe). Estas normas afectan tanto ao tipo e o tamaño de letra que se ha de empregar e como ás características dos tipos de parágrafos e á disposición da páxina.

Para esta actividade é necesario facilitar aos alumnos fragmentos dalgún guión (no apartado de Recursos explicamos como conseguilos). Sobre eles irán sinalando os conceptos que se explican, se é posible seguindo unha metodoloxía colaborativa: o profesor lanza o concepto, explícao e os alumnos sinalan nas súas fotocopias ónde se atopa.

A partir de aquí sinalamos os elementos formais da redacción do guión cinematográfico. Para ampliar o breve bosquexo que incluímos aquí, pode consultarse a documentación (fácil de localizar) do apartado de Recursos. No entanto, esperamos que o que vén a continuación resulte suficiente para levalo á aula sen necesidade de amplialo e o profesor poderá reproducilo sen máis.

En todo guión hai uns elementos fixos que, por convención, teñen unhas propiedades tipográficas que serven para identificalos rapidamente. A continuación explicámolos e engadimos ditas propiedades:

  • a) Un indicador de inicio da secuencia que determina aspectos xerais da localización (por exemplo, se é exterior ou interior) do momento do día;

    – os cambios de secuencia alíñanse á esquerda, escríbense en maiúsculas, son moi breves e separan a información cun guión, por exemplo: INTERIOR – NOITE; numéranse á francesa (máis á esquerda da marxe).

  • b) Unha descrición da secuencia que narra ou describe aspectos do que se ve na pantalla (personaxes que aparecen, cómo se comportan, movementos subxectivos da cámara, obxectos significativos, etcétera);

    – as accións escríbense en parágrafos «normais», aliñados á esquerda.

  • c) O nome do personaxe que fala (como nas obras de teatro);

    – os nomes dos personaxes para indicar que falan escríbense centrados e en maiúsculas.

  • d) Os diálogos;

    – os diálogos escríbense centrados e o texto ocupa aproximadamente un terzo da lonxitude da liña.

  • e) Acotacións (que, no medio dos diálogos, aclaran aspectos da acción, como movementos que deben realizar os personaxes ou emocións que deben expresar);

    – as acotacións, entre parénteses e sen maiúscula inicial; están centradas pero se sangran un pouco respecto ao diálogo.

  • f) Unha indicación de que a secuencia terminou, do tipo «corte», «fundido», etcétera

    – os finais de secuencia, aliñados á dereita, en maiúsculas e moi breves.

Empregarase, por convención, a mesma tipografía sempre: unha letra tipo Courier de 12 puntos.

Debe saberse tamén, sobre a estrutura externa do guión, que:

  • a) adoitan conter algo máis de cen páxinas, pois cada páxina corresponde aproximadamente a un minuto de película;
  • b) que carecen de preámbulos, prólogos, introducións ou similares: éntrase de cheo na película.

Adaptación da actividade para alumnos máis novos. Un exercicio sinxelo para os alumnos de primaria é levarlles unha páxina dun guión para que sinalen nel (sen profundar en explicacións) o diálogo e o resto do texto. No primeiro ciclo de ESO pódese incluír algún elemento máis (as anotacións, os cortes, etcétera).

4.1.3. A linguaxe dun bo guión

O guión é un tipo de texto específico porque ten unhas características textuais propias, que non teñen outros textos. Nesta actividade explicamos as máis destacables [coñecementos] e propomos ao alumno que as busque (cunha serie de preguntas guiadas) nun guión escrito ou nun fragmento [procedemento]. Despois empregaremos o aprendido con ela para aplicalo nas actividades 4.2.2 e 4.2.3 [actitudes]. Se os alumnos coñecen algo da linguaxe dramática (o propio das obras de teatro escritas), sempre será esta unha boa referencia para comparar.

  • Vocabulario sinxelo, coñecido, actual. Debe evitarse as palabras pouco coñecidas, as que sexan dificilmente cribles no personaxe.
  • Se a acción progresa grazas ao que din os personaxes, as súas palabras non deben ser malgastadas. Que falen pouco, pero que o que digan sexa significativo, que sexa suficientemente preciso como para maquillar ao personaxe psicoloxicamente (para o que no cine non se dispón de moito espazo -de tempo-).
  • As descricións e narracións que preceden aos diálogos constrúense con frase curtas que suxiren o que «ve» a cámara: non se trata de facer literatura, senón de ser precisos. Así pois, sobran adxectivos e figuras retóricas de adorno.
  • As expresións e movementos dos personaxes tamén expresan como son e fan que progrese o relato. Nas anotacións tamén se ha de buscar precisión e que o que fagan sexa significativo.
  • Convén evitar a linguaxe soez e os insultos, porque a media que se usan perden forza e carecerán de significado cando sexan absolutamente necesarios.
  • Os nomes dos personaxes non deben ser rebuscados, senón coñecidos e ben distinguibles uns doutros. Hai que evitar que o espectador se perda nunha selva de nomes propios ou que non sexa capaz de recordar o dun personaxe por difícil.
  • As indicacións sobre localizacións, tempos, músicas, fotografía, etcétera deben limitarse a xeneralidades, porque será o director quen elixa despois estas facetas da película. A non ser que haxa algo que sexa plenamente significativo (un lugar de encontro que se repite, a necesidade de que haxa unha tormenta para que se desencadee a acción, unha música que produza inquietude, etcétera).
  • O título, para rematar, debe ser curto e suxerir o contido.
  • Nalgúns filmes poden observarse algúns recursos escénicos e narrativos pouco habituais: o uso da «voz en off», a ruptura do «cuarto muro» (metáfora da distancia que separa ao espectador da escena) e o emprego do «flashback». Deben ser usados con moderación, xa que o seu abuso levaría rapidamente á perda de significado.
  • O ritmo dunha película márcano as secuencias e as escenas que as compoñen, pero tamén os diálogos: unha acción frenética acompáñase de frases curtas e interxeccións moi numerosas pero moi breves; o personaxe seguro de si mesmo fala pouco e resulta contundente; a penetración psicolóxica require intervencións máis pausadas e longas acompañadas de silencios máis ou menos prolongados, etcétera.

Preguntas guiadas para o desenvolvemento do procedemento.

  • a) Sinala as palabras que non entendas.
  • b) Busca nos diálogos oracións subordinadas ou frases de máis de vinte palabras.
  • c) Nos diálogos, busca frases que digan o que fan outros personaxes.
  • d) Nos diálogos, ¿hai interxeccións? ¿Cantas frases pronuncia cada personaxe cada vez que fala?
  • e) ¿Abundan as oracións dunha soa palabra ou frase? ¿É realista o diálogo?
  • f) Busca algunha frase que defina como é un personaxe e sinala qué che suxire.
  • g) Nas descricións e narracións busca epítetos (sería un mal guión se ven moitos) e verbos de acción.
  • h) Observa que se di acerca do que se «ve» na imaxe: ¿é moi minucioso ou se limita ao imprescindible?
  • i) ¿Que suxire o título?
  • j) ¿Hai recursos escénicos especiais?

Adaptación da actividade para alumnos máis novos. Habería que cinguir esta batería de preguntas ao que para eles sexa alcanzable, por exemplo, as preguntas a, c, d, e.

4.1.4. Valoración de guións de películas

Con esta actividade pretendemos aprender a valorar o guión dunha película con independencia doutras facetas que a compoñen (fotografía, música, interpretación, etcétera). Desde logo, non é fácil abstraer a imaxe e demais factores, pero intentaremos illar os aspectos literarios. Para desenvolvela, proporemos a proxección dunha película no aula ou, se se os pode pór de acordo, que a vexan nas súas casas (todos a mesma), ou ata se pode intentar asistir ao cine.

Logo de ver a película faise un resumo amplo do argumento. É un traballo previo para o que vén no seguinte punto, polo que non é necesario que estea ben presentado, pero si que sirva de base para a posta en común. A forma de traballar pode ser individual ou por grupos (mínimo de tres compoñentes) dividindo o traballo: uns fan a formulación, outros o nó e outros o desenlace (sen falarse e sen ver que está facendo cada un).

Faise unha posta en común dos resumos do seguinte xeito. Inténtase reducir toda a película ás tres partes básicas (formulación, nó e desenlace) e exprésase nunha liña cada unha. Despois vanse engadindo en cada parte outros elementos de segundo nivel (e, se se quere, terceiro) que axuden a entender mellor o argumento, pero prescindindo de todo aquilo que non sexa progreso da trama. Así se chegaría a un resumo común do guión.

Intentarase valorar en cada punto se o espectador sabe o que ocorre polo que ve ou polo que din os personaxes. Así saberemos canto peso teñen o diálogo e a cámara no guión.

Extraerase unha conclusión que tratará de responder a esta pregunta: ¿onde está o sorprendente ou novo do guión (se o hai)? Pode estar na formulación, no desenvolvemento ou nun desenlace inesperado, pero tamén na forma en que o relato cinematográfico vai progresando ou nos diálogos. Pódese recorrer aos elementos da actividade (4.1.3.) para sacar esta conclusión.

Unha variante desta actividade consiste en que cada individuo ou cada grupo redacte o seu resumo desde do punto de vista do que lle pasa a un personaxe determinado, centrándose sobre todo nos que non son protagonistas (as películas con poucos personaxes non valerían). Veríase así que unha trama sinxela complícase coa aparición doutros personaxes.

Adaptación da actividade para alumnos máis novos. Salvo que se dispoña de certa bagaxe no comentario literario esta actividade non ten sentido, polo que está orientada a alumnos maiores.

ACTIVIDADES DE AMPLIACIÓN

4.2.1. Redacción dun guión

Propomos unha actividade por grupos cunhas pautas mínimas que poden ampliarse. O exercicio mínimo consiste en escribir un guión por grupos dun mínimo de tres alumnos.

  • O guión corresponderá a unha duración de tres minutos: un para a formulación, outro para o nó e un terceiro para o desenlace, partes que han de quedar ben claras.
  • O grupo ponse de acordo sobre os personaxes, o escenario e o tempo. Despois, redactan en conxunto un breve resumo do argumento.
  • Para rematar, cada un redacta unha parte do guión, tendo en conta que: cada parte dura un minuto, cada minuto ocupa unha páxina escrita e responde a unha secuencia.

Segundo o nivel de esixencia que se decida, cada parte deberá ter un mínimo de elementos propios do guión. Por exemplo, nos cursos máis baixos bastaría con que se distinga ben entre acción e diálogo, mentres que nos superiores haberá que pedir que estean presentes todos os elementos formais do guión.

4.2.2. Creación e produción dun guión

Un paso máis na actividade anterior levaría a filmar a película.

  • Trátase de que o resultado sexa un curto de entre tres e cinco minutos que conserve fidelidade ao guión escrito, que será entregado xunto coa película.
  • Para isto, o guión da actividade anterior ha de redactarse tendo xa en conta esta posibilidade e que, polo tanto, sexa realizable.
  • A gravación pódese levar a cabo mediante os teléfonos que sería raro que non teñan os alumnos, aínda que non ofrezan unha gran calidade, posto que non se trata de realizar filmes de gran calidade técnica.
  • Farase en recreos ou en momentos extraescolares, non en clase.
  • Para o produto final pódese recorrer aos programas que inclúen de serie os sistemas operativos máis modernos e cos que é fácil cortar escenas e unilas. Ademais, estes programas permiten facer algunhas transicións sinxelas, que tamén serán valoradas.
  • Os filmes incluirán os seus títulos e os créditos finais.
  • A súa posterior proxección para toda a clase pode facerse a través dun computador (directamente na pantalla ou mediante un proxector).
  • Unha alternativa para a exhibición é colgar o vídeo en YouTube para que todo o centro poida velo e convocar así un concurso. Tamén se pode incluír nalgún blog da clase.

4.2.3. Valoración de guións adaptados: debate

Hai guións orixinais e guións adaptados (de obras literarias). Pode ser este un bo momento para sinalar a diferenza entre ambos e para debater sobre a fidelidade dos adaptados á obra da que parten: ¿son frecuentes as adaptacións?; ¿baséanse en clásicos ou novelas actuais?; ¿adoita a fidelidade ao orixinal ser un parámetro de valoración?, ¿debe selo?; ¿hai películas que melloren a novela da que parten?; ¿ten sentido adaptar o teatro?, ¿adoita facerse?; ¿haberá algunha diferenza entre adaptar unha obra literaria e basearse nela? Tamén se pode debater (se hai suficientes coñecementos) sobre algunha adaptación coñecida («Harry Potter», «A historia interminable», «Don Quixote», etcétera).

Adaptación da actividade para alumnos máis novos. Neste caso, o debate centraríase en comparar algunha película recente (ou algunha que se proxecte ex profeso) coa obra literaria: ¿que lles gustou máis?, ¿parécenlles moi distintas?, ¿prefiren ver a película primeiro e ler despois, ou ao revés?, ¿coñecen algunha outra película da que lean o libro?

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies