5. METODOLOXÍA

ORDE E SECUENCIA DAS ACTIVIDADES

Tanto os obxectivos como as actividades a eles vinculadas están ordenados para seguir unha aprendizaxe progresiva desde cero. Así pois, hanse seguir na orde presentada, aínda que cabe volver atrás (co conxunto do grupo ou individualmente) cando se observe nalgún dos puntos dificultades para avanzar.

Obviamente, cada exercicio adecuarase ao nivel de estudos dos alumnos. Así, nos cursos de primaria, probablemente non se pase da primeira actividade. Pero cando se volva sobre o tema en cursos sucesivos, ao facer a segunda quizá sexa necesario un repaso previo da anterior. Etcétera.

Un obxectivo como o 10, se se detectan dificultades para alcanzalo, pode requirir un repaso en forma de teoría (dos obxectivos 1, 3, 5 e 7) ou de práctica mediante repetición das actividades 3 e 4.

Pero tamén poden estar as actividades propostas excesivamente graduadas, mentres a dinámica da aula pode aconsellar que, por exemplo, a actividade número 4, se se observa que os alumnos responden sen dificultade, fúndase directamente coa 3.

En canto ás actividades para o desenvolvemento de actitudes, a 7 e a 8, deberían aplicarse no segundo ciclo de secundaria ou máis adiante.

PREPARACIÓN DAS ACTIVIDADES

En xeral, as actividades 1 a 5 pódense abordar sen maiores complicacións, pois cada día o xornal ofrece multitude de exemplos de todos os casos. Aínda máis, hai páxinas (primeiras, sobre todo) en que non é difícil atopar un exemplo de cada un dos casos máis correntes sen moverse dela: sustantivos en -o ou en -a, viceversa para os femininos, comúns de profesións, heterónimos, que remitan a situacións de homonimia ou polisemia.

En cambio a actividade 6 trata de sustantivos que non teñen moito uso e pode requirir un certo traballo previo do profesor. Centrada nos obxectivos números 11 e 12, relaciónase, xa que logo, con fenómenos pouco frecuentes -o número de textos nos que poderiamos atopar algún sustantivo epiceno ou de xénero ambiguo é reducido-, o que presupón un traballo previo de selección. Os textos que teñen algunha probabilidade de conter sustantivos epicenos en canto ao xénero son de temática reducida. Adoitan ser textos relativos a nenos moi pequenos -bebés, criaturas-, vítimas, reféns, persoas, membros, así como textos (sobre todo verémolos en Sociedade), que falen de animais ou de plantas.

TÉCNICAS

Polo carácter aberto dos exercicios, a facilidade con que se poden atopar exemplos de case calquera caso e a brevidade en que poden sintetizarse as bases teóricas de cada obxectivo, as actividades propostas poden aplicarse seguindo técnicas moi diferentes, segundo as necesidades e programación de cada profesor.

a) Pódese optar pola clásica preparación individual fóra do horario lectivo e posta en común durante a clase.

b) Tamén cabe unha actividade de aula non pautada, libre. Os alumnos buscan e, cando atopan, interveñen, preguntan, anotan.

c) Por suposto, tamén cabe a actividade grupal de aula: a investigación en pequenos grupos, asignando a cada un unha parte concreta do xornal ou centrándose todos nas mesmas páxinas, coa posterior posta en común dos logros.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies