4. ACTIVIDADES

ACTIVIDADES DE INTRODUCIÓN

As actividades que imos propor a continuación requiren algunha acción de introdutoria. Por unha banda, unha exposición teórica do tema adecuada ao nivel en que nos movamos é un paso previo para solucionar uns exercicios que se propoñen como reforzo da aprendizaxe, só que en lugar dos clásicos exercicios aquí imos propor textos nos que as palabras aparezan perfectamente contextutalizadas e referidas a unha realidade próxima (polo menos no tempo) ao estudante.

Por outra banda, unha exemplificación (modelo) do exercicio que se pedirá a continuación evitará intentos innecesarios e erros que se cadra despois resultan máis difíciles de reconducir. Así pois, os enunciados que se expoñen a continuación -como os problemas matemáticos- formularanse na aula e resolveranse primeiro no gran grupo da clase, coa participación de quen atope solucións, as achegas do profesor e as oportunas correccións.

Polo demais, as actividades que seguen están ordenadas na mesma orde progresiva que os obxectivos formulados máis arriba, de modo que o profesor decidirá, segundo o nivel que desexe alcanzar co grupo ou con cada alumno, ata onde quere chegar ou de onde ha de partir nun momento dado. A vantaxe desta formulación e do traballo co xornal é que resultará sinxelo detectar carencias e adecuar cada proposta ás necesidades específicas de cada alumno.

ACTIVIDADES DE DESENVOLVEMENTO DO PROCESO

1. Buscar nos titulares dunha páxina do xornal todos os sustantivos con marca de xénero e clasificalos. (Esta actividade relaciónase cos obxectivos 1 e 2: centrarase nos sustantivos tipo neno, -a e león, -a, e evitará todos os demais, pois se trata dun exercicio elemental e para niveis de iniciación. Contribúe tamén a aprender a deslindar o sustantivo doutras categorías gramaticais. Tamén se pode elixir unha páxina, unha noticia ou un fragmento para facer a procura).

2. Buscar nos titulares dunha páxina do xornal -¬ou, se se prefire, toda a información dunha páxina, unha noticia, un fragmento, unha sección- os sustantivos e clasificalos en masculinos ou femininos, axudándonos das súas desinencias ou dos determinantes e modificadores que os acompañen. Esta actividade relaciónase cos obxectivos 1 ao 4.

3. Buscar nos titulares dunha páxina do xornal -ou, se se prefire, toda a información dunha páxina, unha noticia, un fragmento, unha sección- os sustantivos que presenten alternancia entre -o e -a, entre nada e -a ou con feminino truncado e determinar: a) a que xénero gramatical pertencen; b) se a realidade referida é un ser en que se poida distinguir sexo ou non; e c) en caso afirmativo, se o xénero e o sexo coinciden. Esta actividade relaciónase cos obxectivos 5, 6 e 7; os exercicios chaman a atención sobre sustantivos como man (feminino, realidade non sexuada), mapa (masculino, realidade non sexuada), e director, -a (masculino ou feminino, segundo os casos e realidade sexuada).

4. Buscar nos titulares dunha páxina do xornal -ou, se se prefire, toda a información dunha páxina, unha noticia, un fragmento, unha sección..- os sustantivos e determinar: a) a que xénero gramatical pertencen; b) se a realidade referida é un ser en que se poida distinguir sexo ou non; e c) en caso afirmativo, se o xénero e o sexo coinciden. Esta actividade, relacionada cos obxectivos 5, 6 e 7, dá un paso máis e abrangue sustantivos con calquera terminación.

5. Buscar nos titulares dunha páxina do xornal -ou, se se prefire, toda a información dunha páxina, unha noticia, un fragmento, unha sección- os sustantivos comúns en canto ao xénero, aqueloutros en que se puidesen dar vacilacións e os de posibles homonimias-polisemias motivadas polo xénero, é dicir, en xeral trátase de buscar sustantivos que signifiquen ocupacións ou estados das persoas. Clasificaranse e indicarase o sustantivo de xénero contrario; no caso de que sexa un sustantivo común en canto ao xénero, indicarase se o determinante permite distinguir o sexo (o, a pianista), se isto resulta imposible (sustantivos epicenos: membro, persoa), se hai variación morfolóxica (xuíz, -a) e se a alternancia xenérica supón homonimia ou polisemia (a trompeta / o, a trompeta) e, neste caso, se hai diferenzas de significado sexistas. Esta actividade relaciónase cos obxectivos 8, 9 e 10 e, por suposto, presupón o dominio das nocións previas.

6. Buscar nos titulares dunha páxina do xornal -ou, se se prefire, toda a información dunha páxina, unha noticia, un fragmento, unha sección- os sustantivos epicenos en canto ao xénero. Indicarase en que xénero estanse usando e, se a súa referencia é sexuada, se o texto non especifica cal é o sexo ou se o fai e, en tal caso, como o fai -isto é válido para os epicenos-.

7. Actividades de aprendizaxe de actitudes respecto da concordancia. Na linguaxe escrita, máis reflexiva e coidada, é difícil atopar faltas de concordancia. En cambio, os medios audiovisuais ofrecen casos máis frecuentemente en modalidades como os debates e entrevistas -televisados ou radiados-, as reportaxes emitidas en directo -normalmente encadradas en telexornais-, en declaracións de testemuñas e protagonistas. Trátase, para desenvolver esta actividade, de prestar atención a este tipo de situacións comunicativas para captar eses erros de concordancia que adoitan vir motivados pola imposibilidade de rectificar, por un cambio repentino do discurso, unha vez que este empezou, ou pola evidente dificultade de reflexionar en moitas situacións. O exemplo intentará copiarse nun contexto o máis extenso posible e proporase unha alternativa que rectifique o erro.

É unha actividade moi apropiada para realizar por grupos, establecendo unha posible clasifcación segundo o número de casos achegados por cada equipo.

8. Actividades de aprendizaxe de actitudes respecto ao sexismo na linguaxe. Trátase de buscar sustantivos comúns relativos a mulleres. Verase entón se o devandito sustantivo presenta determinantes (ou modificadores) femininos con formas masculinas ou femininas (tipo: a xuíz, a xuíza) ou masculinos con terminacións tipicamente femininas (tipo: o pianista). Valorarase en cada caso: a) a existencia de forma con alternancia xenérica no Dicionario (xuíz, -a; modista, -ou); b) a posibilidade ou facilidade para empregar unha alternativa (tipo o chanceler, a chancelera); c) a existencia no Dicionario (como ocorre co da Academia Española) de acepcións de signo despectivo cara á muller ou o home (tipo muller pública) ou do esquema «a muller de» (tipo: la generala, tamén en español).

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies