3. CONTENIDOS

COÑECEMENTOS PREVIOS

O tema do xénero dos sustantivos é desas cuestións gramaticais que se empezan a explicar moi pronto no plan de estudos (a niveis moi elementais) e que despois regresan unha e outra vez. E en cada volta vanse introducindo aspectos novos, máis profundos e máis abstractos. Así pois, os coñecementos previos que se requirirán en cada curso serán diferentes. Obviamente, para pasar aos obxectivos 3 e 4 hai que dominar o 2, igual que para comprender o 5. E os últimos obxectivos (11 e 12) serían inintelixibles sen un dominio dos anteriores.

CONCEPTOS E PROCEDEMENTOS

Na numeración dos obxectivos foise indicando cales deles son conceptuais (C) e cales procedimentais (P). Como sempre, no ensino da gramática, o concepto é previo á análise, pero este reforza o coñecemento teórico. Ao final do ciclo, o alumno debe ter clara a diferenza entre o xénero gramatical e a súa relación coas realidades sexuadas. Así mesmo, debería asignar sen dúbida o xénero a cada sustantivo -con especial atención ás dificultades que amosan os comúns-, aínda que neste caso debería saber que a lingua está en pleno movemento evolutivo e que non é posible prever con que consistencia permanecerán algúns femininos (presidenta, xenerala, xuíza, membra) que hoxe usan algúns falantes de forma máis ou menos esporádica, con independencia de que a Academia dea entrada ou non no seu Dicionario a estas formas.

En breve resumo, ao final do proceso un alumno de bacharelato debería saber o seguinte respecto ao xénero gramatical:

1. Que na lingua todos os sustantivos teñen un xénero gramatical masculino ou feminino. Non hai sustantivos de xénero neutro, aínda que presentan esta marca palabras doutras clases (pronomes e artigos) cuxos antecedentes nunca son sustantivos.

2. Que a marca de xénero úsase ás veces para distinguir sexo e outras moitas non ten este valor.

3. Cando os sustantivos non distinguen sexo, poden ter un xénero inherente que carece de valor semántico, non significa nada, ou poden presentar moción de xénero (variantes masculina e feminina) con outro valor que a diferenciación sexual (a distinción entre instrumento e operario, diferenzas de tamaño, etcétera).

4. As realidades sexuadas diferéncianse lingüisticamente con variedade de recursos. En primeiro lugar, mediante a moción morfolóxica de xénero; segundo, mediante sustantivos heterónimos; terceiro, mediante a determinación ou os modificadores (nos sustantivos comúns en canto ao xénero).

5. Hai realidades sexuadas imposibles de distinguir directamente. Son os sustantivos epicenos.

ACTITUDES

O estudo do xénero dos sustantivos debería conducir á reflexión e ao desenvolvemento de dous tipos de actitudes en relación con esta cuestión -obxectivos 13 e 14, marcados con (A) no apartado OBXECTIVOS. Por unha banda, as relacionadas co emprego correcto (adecuado, claro) da concordancia de xénero tanto na expresión oral como na escrita; e, por outra, a cuestión das implicacións sexistas que determinados usos lingüísticos poden levar consigo e as formas -máis ou menos afortunadas- de evitalos.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies