ALBERTO POMBO 
Aprender a bailar sen música, nunha cadencia de pasos asíncrona a calquera ritmo. Emocionarse coa arte de vangarda en vellos manuais teóricos sen cor e con profusas explicacións sobre a técnica. Afondar no universo cinematográfico sen imaxes, se cadra algún fotograma. Exemplos ridículos, inverosímiles e, con certeza, estratexias pedagóxicas con raizame no fracaso.
Agora ben, e se o escenario for literatura, mais sen literatura? Algo a explicar desde unha correlación de datos e de datas biográficos, teóricos e cronolóxicos. Algún textiño. De preferencia, poucos. Métrica, rima, estrutura, recursos formais.

Produción literaria
Durante unhas poucas semanas ou incluso meses, o alumnado será quen de enumeralos, categorizalos e citar liñas temáticas dos diferentes axentes envolvidos na produción literaria. Pero pouco máis.

Porque os obxectivos que, enunciados en infinitivo, enfeitan as programacións didácticas sobre a necesidade de aprender a valorar textos da nosa tradición literaria, apreciar a beleza das expresións artísticas ou fomentar o gusto pola lectura… esmorecerán perante o agora imperativo coñecemento teórico, simplemente enciclopédico.

Ás veces cometo a ousadía de preguntar por algún autor ou autora. De Rosalía escoito que o pai era cura. Que Blanco Amor era homosexual. Que Novoneira flipaba co Courel. Que Avilés tiña unha taberna en Noia. E que Castaño traballaba na tele.

O Sálvame Deluxe das nosas letras. Unha colección de cromos en forma de curiosidades que salpementan escasas mostras literarias e que reproducen contidos absolutamente distantes de calquera intención artística e transformadora e desde o corazón mesmo dun sistema herdado.

Creación literaria

Non debemos perder de vista aquí que precisamente se falaba de arte. De literatura. E iso é o radicalmente obxectivo. Habería pois que partir da mesma esencia, da creación literaria, para transmitirmos sexa aquilo que for e chegar a quen recibe a mensaxe.

Que sentido ten, se non, falarmos dun autor sen a obra? Para que un Miguelanxo Prado sen pinceis e lapis de cores ou un Francisco Leiro sen martelo? Unha Lúa Ribeira sen cámara ou unha Mercedes Peón sen instrumentos e baixada dos escenarios?

Porque, repárese ben, o gusto por calquera arte xorde do consumo, mais en ningún caso da transmisión enciclopédica.


Alberto Pombo é profesor de Lingua nun instituto de secundaria.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies