Semellanzas e diferenzas entre técnicas afíns ao role playing polo seu nome ou metodoloxías, pero con obxectivos diferentes: escenificacións teatrais, xogos de rol, técnicas de simulación, psicodrama, aprendizaxe interactiva, o role playing das noticias.

En todas elas existe un xogo de papeis, pero se diferencian nos seus obxectivos e metodoloxía.

3.1 ROLE PLAYING E ESCENIFICACIÓNS

A técnica do role playing ou xogo de papeis non debe confundirse coa escenificación de papeis, na que cada persoa elixe un papel e o representa. Isto, aínda que sexa importante e divertido no grupo, é, sen máis, unha escenificación ou representación teatral; pero non é un role playing.

3.2 OS XOGOS DE ROL

A mediados dos anos 70 foi publicado Dungeons & Dragons e a esta nova modalidade chamoulla xogos de rol. Hoxe en día hai miles de xogos de rol

diferentes por todo o mundo, redactados en máis dunha ducia de linguas.

-En Wikipedia podes consultar unha serie de videoxogos para computador en consola que cumpren coa idea de xogos de rol.

-Na web do CNICE do Ministerio de Educación e Ciencia cítanse tamén unha serie de xogos de rol de éxito entre estudantes novos, as súas vantaxes e inconvenientes. O máis popular destes xogos é O señor dos aneis, baseado nas obras de J. R. R. Tolkien. Existen outros como Stormbringer protagonizado por Elric de Melniboné e rescatado dos escritos de Michael Moorcock. Dungeons & Dragons, foi o primeiro xogo de rol que xurdiu e que deu lugar a escenarios como os da Dragonlance ou Os reinos esquecidos serviron de cultivo para novelas de autores como Douglas Niles, Richard A. KnaaK, e outros.

3.3 ROLE PLAYING E XOGOS DE SIMULACIÓN

Desde os anos 20 comezaron a empregarse os xogos de simulación ou role playing na política e nas relacións internacionais, que máis tarde se converteron en xogos interactivos, aos que hai que engadir os do Proxecto ICCONS da Universidade de Maryland: aprendizaxe educativa a través de simulacións.

Talvez, unha das máis significativas experiencias é a que podes encontrar na web de fablusi http://www.fablusi.com/ cuxa información comeza co proverbio chinés: «Dimo e talvez o esqueza. Móstramo, e poderei recordalo. Implícame en algo e entendereino moi ben».

Podes ver neste enlace a importancia, vantaxes e dificultades das simulacións na aprendizaxe e cambios de comportamento nos alumnos, así como diversas opinións na realización de experiencias eficaces.

3.4 ROLE PLAYING E PSICODRAMA

O role playing ten tamén unha orixe psicoterapéutica baseada nas técnicas de psicodrama, sociometría e terapia grupal propostas polo psiquiatra romanés Xacob Levi Moreno (1889-1974). Estes son os seus obxectivos:

  • Darse conta dos propios pensamentos, sentimentos, motivacións, condutas e relacións.
  • Mellorar a comprensión das situacións, dos puntos de vista doutras persoas e da nosa imaxe ou acción sobre elas.
  • Investigar e descubrir a posibilidade e a propia capacidade de novas e máis funcionais opcións de conduta.
  • Ensaiar, aprender ou prepararse para actuar as condutas ou respostas que se encontraron máis convenientes.

3.5 ROLE PLAYING E APRENDIZAXE ESCOLAR

Finalmente o role playing utilizouse tamén para a aprendizaxe a nivel escolar, tanto de coñecementos como de procedementos e actitudes. Todo está en saber personificar os elementos químicos que figuran no noso corpo, os personaxes históricos ou actuais que aparecen nunha noticia, os pobos que integran xeograficamente unha rexión, os distintos ritmos musicais, os signos matemáticos e a súa influencia nun resultado, os diversos accidentes atmosféricos, os personaxes dunha novela literaria, as distintas partes integrantes dunha árbore, etcétera.

-Isto sempre se fixo nas diversas experiencias de metodoloxía interactiva; pero cunha condición esencial do role playing: non se trata de identificarse estaticamente cun só elemento, un só personaxe histórico, un só pobo, un só ritmo musical, senón implicarse e tomar o papel de distintos ritmos ata contraditorios, cambiar de personaxe, identificarse con outro elemento químico, etcétera.

-E, sobre todo, o role playing de aprendizaxe non se dirixe soamente ao apartado dos coñecementos, senón, e especialmente, ao campo de aprendizaxe de actitudes. É necesario, por suposto, coñecer diversas actitudes e papeis que poden ter e desempeñar diversos personaxes ante unha situación humana; pero, ao mesmo tempo, hai que ser capaz de pórse no lugar do outro e entender por que pode ter diversa actitude ante un mesmo feito. Este xogo e intercambio de papeis é fundamental no role playing.

3.6 O ROLE PLAYING DAS NOTICIAS (ROLP)

Para que unha noticia sexa susceptible dun role playing necesitaría cinco condicións:

  • Que a noticia sexa interesante para os que van utilizar esta técnica ROLP. Se non lles interesa aos alumnos, se non se xogan algo nela, o mellor é facer unha escenificación de papeis, cada un o seu, e punto.
  • Que a noticia leve consigo actitudes diferentes das persoas que xeran a noticia ou das que reciben as súas consecuencias positivas ou negativas.
  • Que a noticia, en consecuencia, ademais de presentar actitudes diferentes, facilite a idea de que cada unha desas actitudes poida representarse tamén en papeis ou roles diferentes.
  • Que o grupo sexa capaz e queira representar esas actitudes e papeis diferentes a través dun role playing. Isto é, estea disposto a adoptar e xogar con eses papeis, aceptando e pondo en práctica a técnica correspondente en cada momento.
  • Que o grupo coñeza suficientemente a técnica ROLP, a cal poderá ir aprendéndose coa práctica; pero a súa complexidade leva consigo un certo adestramento previo, cuxos procedementos iremos explicando a continuación.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies