C. Martínez
Cando pensamos en area, pode que o primeiro que veña á nosa mente sexa unha praia ou un deserto. Estes tipos non son aptos para construción, pero a que si o é escasea en case todo o mundo. Falamos da que procede de depósitos aluviais como graveiras e areeiras, así como de canteiras. Este tipo de árido ten propiedades únicas que o fan moi útil para todo tipo de construcións e tamén para a elaboración de formigón.
«A area ten un papel importante, diría que incluso estratéxico, na nosa sociedade. Utilizámola para infraestruturas, construción de vivendas, autopistas, vías de tren e cuestións ambientais», apunta Aitor Puente, director da Asociación Galega de Áridos. Non obstante, engade: «A pesar da importancia que ten, e falo a nivel global, a súa extracción, subministro e uso nalgúns países non está aínda regulado. Por iso, rexístranse extraccións ilegais en ríos, fondos mariños, etcétera, que, obviamente, causan uns prexuízos ambientais e sociais que ata hai pouco se estaban pasando por alto».
Tanto as Nacións Unidas coma a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) realizan prognósticos que estiman que a demanda mundial de materiais primarios se duplicará no 2050. Aínda que non nos estamos quedando sen area nin en España nin en Galicia, a nivel mundial o problema está sendo impulsado por unha maior demanda de recursos. Entre os factores que o propician encóntranse o crecemento da poboación, unha maior riqueza e unha maior urbanización. Desta forma, a escaseza afecta a algúns países. Sobre todo están sufríndoa Estados de África, así como a China e a India.
O auxe mundial da construción triplicou a demanda de area nas últimas dúas décadas e esperase que siga medrando. «As recomendacións que fan a través das Nacións Unidas son que deberíamos todos, como sociedade, rexernos por unha serie de normas e normativas que non prexudiquen o futuro doutras xeracións», sinala Puente. Segundo as súas palabras, debemos ter en conta un posible efecto bolboreta: problemas que se están dando noutros continentes tamén nos poden acabar afectando.
Por que non serve a area das praias para a construción? «Porque ten unha alta cantidade de materia orgánica debido a que provén de organismos mariños; ten un alto contido en sal, cousa que a fai contraria aos criterios técnicos de edificación, e as arestas, as formas que ten a area, son redondeadas, o cal tamén é prexudicial. As areas que se extraen de forma regulada xeralmente teñen arestas con formas máis agudas», responde o experto.
Exemplo europeo (e galego)
«Dende hai moitos anos, a extracción de áridos lévase a cabo dende un punto de vista sostible e iso fai que non exista un déficit de area en Galicia, onde os extraemos utilizando as mellores técnicas ambientais que existen, respectando ao máximo a contorna», confirma Puente.
Esta area pode proceder de canteiras, que son as típicas explotacións a ceo aberto, onde a extracción se realiza mediante voaduras con explosivos, adoptando grandes medidas de seguridade; a das graveiras atópase en depósitos aluviais fósiles, e empréganse equipos de arranque mecánico como escavadoras, cargadoras, dragalinas e tractores que extraen directamente as rochas fragmentadas. Unha zona onde se dan estas últimas é Xinzo de Limia, mentres que as canteiras se poden atopar en moitos puntos do territorio galego. A area pasa a plantas de procesamento onde se conseguen os diferentes tamaños de gran. De menor a maior tamaño serían: areas, gravas, balastro e escollera.
Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.