
5. METODOLOXÍA
En primeiro lugar, debe recordarse que non se está tratando aquí dun blog, aínda que o termo «persoal» tamén se lle aplique, e por suposto resulte moi interesante a comunicación que xeran os blogs en internet. Falamos exclusivamente do Diario persoal escrito e cuxo texto non se interacciona coas achegas dos demais. Ten, xa que logo, un carácter de documento privado, cuxo contido ou parte do mesmo poderá comunicarse ou non en certos momentos, pero non está aberto para interaccionarse coas ideas e sentimentos doutras persoas.
5.1 Sesión inicial. É necesario comezar cunha serie de actividades que axuden aos alumnos a ver o interese, a importancia e o fácil que é o intentar levar un diario ao longo dun período curto de tempo, talvez un mes. Para iso é útil acudir á sección de Recursos, onde atoparás non só modelos de diarios dos que poden lerse algúns extractos senón tamén un libro guía para proceder na sesión inicial.
5.2 Elección do tema. Adoita ter eficacia elixir, nun primeiro intento, diarios de tipo literario ou específico, que non comprometen demasiado a privacidade do escrito e abren campos comúns e próximos: diario sobre unha viaxe, un aspecto da natureza, unha experiencia de mellora no estudo, a resolución dun conflito con todo o seu proceso día a día, unha axuda voluntaria, etc.
5.3 Seguimento do proceso. Consiste na axuda que o profesor ou titor debe proporcionar aos alumnos no desenvolvemento do diario, lectura dalgunhas páxinas, discusión de alternativas de mellora, etc.
5.4 Diario persoal libre. Sería a cuarta fase na metodoloxía do programa, onde cada un, tamén por un período de tempo inicia o seu camiño de diario persoal libre.
– ¿Ata onde pode chegar entón a comunicación ou ata onde a mostra do escrito? Todo depende, en primeiro lugar, do tipo de diario: Trátase de algo íntimo e persoal que non debe comunicarse sen máis a ninguén, é un diario exclusivamente literario, o seu contido é o relato dunha viaxe ou algo específico de investigación sobre impresións dun aspecto da natureza, é algo de carácter terapéutico que serve de guía para un comentario persoal cun profesional de axuda?
– En todo caso, existe sempre a posibilidade dunha consulta e asistencia sobre aspectos técnicos da forma de levar o diario, problemas que xorden, vantaxes que van aparecendo e outros aspectos de composición.