No CPI Domingo Fontán de Portas decidiron que para cambiar o modo de ensino-aprendizaxe podía aproveitar os recursos que ofrece Europa, e non só polos cartos, senón polo que o intercambio fai por profesores e rapaces: aumenta a exixencia pero tamén a autoestima, axúdaos a mellorar os seus idiomas, a súas competencias TIC e as de comunicación; enriquecen a todos.
Por iso crearon un plan de internacionalización que chamaron Abrindo Portas a Europa. O explica María Roma, unha das profesoras máis activas: «Pretendemos compensar un certo illamento físico dun centro rural e pequeno coma o noso, grazas ao intercambio de ideas e á cooperación con centros de toda Europa. Sempre tratando, á vez, de propiciar o (re)coñecemento do patrimonio cultural da contorna e, moi especialmente, da figura de Domingo Fontán, científico que nos da nome».
Estas son as principáis accións do plan:
■ Seccións bilingües. As ofrecen en debuxo (EPVA) e Bioloxía de 3.º da ESO.
■ Proxectos eTwinning. Son varios nos que están os diferentes profesores: Christmas Card Exchange, International Women’s Day, Sustainable Goals ou The Guardians of the Local Heritage. Grazas a estes proxectos coñeceron a realidade ucraína pola colaboración coa Horenychi Secondary School (de Horenychi, moi preto de Kiev). O proxecto Europe is the Way estivo coordinado por Portas coa participación dos departamentos de Bioloxía, Debuxo, Galego, Inglés, Matemáticas e Sociais; un bo exemplo de como traballar tantos departamentos xuntos.
■ Mobilidade Erasmus +. Co nome Cara a unha escola inclusiva, motivadora e aberta a Europa, esta iniciativa dá a coñecer de primeira man estratexias innovadoras que nos axuden a loitar contra o abandono escolar temperán e a favorecer a integración das minorías. Engloba un total de 14 mobilidades que nos levaron por toda Europa: Madeira, Dublín, Budapest, Praga e proximamente Turín. O explica María Roma: «No Liceu Jaime Moniz de Madeira realizamos a nosa primeira e moi motivadora observación de boas prácticas na que coñecemos de preto o sistema educativo portugués, a Semana dos Proxectos e os fundamentos dunha Escola Unesco; no curso Student-Centered Classroom de Dublín, coñecemos de primeira man diferentes actividades e estratexias nas que o alumnado participa de forma activa na aula, e que poderemos trasladar a diferentes materias; descubrimos novos aspectos de como tratar a diversidade no instituto Budai Nagi Antal Gimnázium, de Budapest, onde asistimos a clases como alumnos e, tamén impartindo materia, principalmente de inglés e español; matriculámonos no curso ITC internacional training center e asistimos durante unha semana en Praga onde profesores de nacionalidades diferentes disertaron sobre as prácticas, enfoques e estratexias a seguir co alumnado en risco de exclusión social, como previr o conflicto dentro do grupo, o multiculturalismo e a aprendizaxe desde diversos aspectos; finalmente, tratamos o emprego de diversas técnicas innovadoras na aprendizaxe. E a vindeira semana viaxaremos a Turín para realizar unha observación de boas prácticas no Istituto Comprensivo Gassino torinese».