Cristóbal Ramírez
O Camiño Inglés comeza na Coruña e en Ferrol. Pero realmente empeza moito máis aló, no nordeste de Inglaterra. E dende o ano 2014 está en marcha a recuperación do punto máis norteño que se coñece: a abadía de Finchale, nun condado (equivalente a unha provincia) que se chama Durham e que vén sendo unha terceira parte da provincia da Coruña. Alí descansaban peregrinos procedentes de Escocia e de países do norte de Europa antes de ir baixando por toda Inglaterra até os portos do sur e embarcar cara a Galicia.
E navegar con Galicia como meta quere dicir rezar ao Apóstolo para ir parar ao porto da Coruña, no golfo Ártabro, protexido dos ventos e, se ese día en concreto estes se mostraban pouco amigables, entón os barcos entraban un pouco máis, ata a altura de Santa Cristina e O Burgo. Claro que non sempre foi así. E eses ventos ás veces levaban as embarcacións a outros portos situados máis ou menos preto.
En todo caso, hoxe en día aqueles que fan este Camiño prefiren partir de Ferrol, posto que hai máis de 100 quilómetros ata Santiago, cousa que non sucede dende A Coruña. E iso é unha cuestión importante para moita xente, posto que a quen percorre máis de 100 quilómetros se lle dá en Santiago un certificado de viaxe chamado compostela.
A Igrexa católica, por certo, fixo unha excepción, e tamén concede a compostela a aqueles que partan da Coruña cunha condición: que poidan demostrar que residen nesta cidade.
Así pois, abéirase a ría de Ferrol polo barrio de Caranza, crúzase o río Xubia por unha ponte medieval moi transformada e písase Neda. A parada é, como quen di, obrigatoria, e non só porque alí abre as súas portas un bonito albergue público, senón tamén polas súas dúas igrexas.
A primeira é a de Santa María, moi grande, veciña do río Belelle, que hai que cruzar por unha pasarela para entrar na rúa principal da vila, caracterizada por bonitos edificios de séculos pasados. E ao final, cando o Camiño Inglés se desvía á esquerda, queda á dereita a igrexa de San Nicolás, que ademais de ter elementos da arte gótica (non abundan moito por Galicia adiante) é veciña dun cruceiro. E non é un cruceiro máis, senón dos máis antigos que se conservan.
Tres lavadoiros tradicionais rehabilitados animan a camiñar ata Fene, para seguir logo por Pontedeume e Betanzos. Estas dúas localidades están cheas de monumentos, e a súa relación é, simplemente, moi longa. Se tiveramos que destacar un de cada unha, poderían ser a gran torre dos Andrade en Pontedeume (convertida en centro de interpretación da poderosa familia que lle dá nome e en oficina de turismo) e a igrexa gótica de San Francisco (que alberga o mellor sepulcro de toda Galicia: o que contén o corpo de Fernán Pérez de Andrade) en Betanzos.
Longa subida
A partir desta localidade, comeza unha longa subida que acaba nunha aldea que se denomina As Travesas. Mundo rural puro e duro, no que manda o verde, con igrexas pequenas e moi acolledoras (como as de Cos e Leiro). E no lugar de Presedo —tamén hai un albergue público, este propiedade do Concello de Abegondo— o Camiño Inglés bordea un establecemento curioso que, claro, tivo que soportar pechado a pandemia. É un mesón, pero tamén un museo pictórico como non existe outro igual en todo o mundo. Chámase Xente no Camiño.
Nas Travesas xúntase este ramal de Ferrol co que vén dende A Coruña. E xa convertido nunha ruta soa, o Camiño Inglés cruza o concello de Ordes e alcanza a vila de Sigüeiro deixando atrás a histórica fonte da Santiña.
Pero hai que dedicarlle unhas liñas a ese segundo tramo e á Coruña, no século XXI menos relevante que nos anteriores. Hai quen percorre esa distancia nun día e hai quen prefire facelo en dous (existe un albergue no medio, nun sitio chamado Sergude, que pertence ao concello de Carral).
E ao andar por eses outeiros seguro que os peregrinos se fan unha foto, polo menos, nos monumentos máis importantes. Citémolos: o primeiro é a igrexa de Santiago, no Burgo, veciña da gran ponte que non se cruza pero que é realmente bonita.
O segundo, sen dúbida, o complexo de Sigrás: unha magnífica igrexa, casa reitoral e hórreo conforman un conxunto moi agradable. Ademais, alí houbo na Idade Media un hospital de peregrinos. O terceiro sería a casa onde descansou Filipe II cando dende Santiago ía á Coruña. Un edificio que, cos seus dous escudos na fachada, eríxese no lugar de Aquelabanda.A partir deste punto toca subir sen descanso. En ocasións con pouca pendente e ás veces tendo un que esforzarse máis. Non hai máis monumentos, pero si se atopará unha magnífica paisaxe. Dese xeito, alcanzarase tamén As Travesas.
En resumo, o peregrino xa está en Sigüeiro. Tan só ten por diante 16 quilómetros para chegar a Santiago, e o primeiro que vai facer é cruzar o río Tambre (nace en Sobrado dos Monxes e desemboca na ría de Noia). Dende hai quizais mil anos existe unha ponte, hoxe de granito e engalanada a súa entrada por unha estatua en honor a Margery Kempe, a primeira peregrina británica da que hai noticia.
E catro horas máis tarde, despois de percorrer o bosque Encantado, o peregrino chega, por fin, á súa meta: a santiaguesa praza do Obradoiro.
O pan como única comida
Na actualidade, as comidas consisten nun ou varios pratos, que en moitas ocasións van acompañados dun pouco de pan. Pero hai mil anos as cousas eran diferentes.
Os peregrinos que seguían calquera dos Camiños de Santiago non comían así. Nin nas súas casas. O habitual era comer pan. A comida en si mesma era pan. E ao lado —xeralmente no centro da mesa— poñían o que os romanos chamaban companagium. É dicir, o que acompañaba. Por exemplo, unhas tiras de carne, ou un pouco de graxa ou algunhas legumes. E iso era o que acompañaba ao pan. Non ao revés.
Pero cando un francés ou un alemán ou un danés botaban a andar a Santiago de Compostela na Idade Media non podían aspirar a ter unha comida así. Para empezar, tan só podían comer unha vez ao día. E iso facíano cando acababa a xornada e caía a noite, refuxiados en pousadas, fondas ou albergues (que por aquel entón eran denominados hospitais). Pero o resto do día? Pois o que levaban do día anterior ou froita que podían coller polo camiño ou o que lles daban como esmola.
A carne era practicamente prohibitiva, porque o bosque pertencía ao señor, ao rei ou á Igrexa, e cazar estaba castigado. Nalgúns casos, incluso coa morte.