Cristóbal Ramírez
O Camiño Francés é o máis coñecido e o máis frecuentado de todos os que conducen a Santiago. Non é o máis antigo, pero si o que dende o século X seguiron e seguen millóns de persoas que teñen a catedral compostelá como meta. E non empeza en España, senón en Francia (o seu nome procede de que por el viñan os francos, denominación que inclúe a máis pobos que os franceses actuais). Á súa vez, numerosos peregrinos no eran dese país o non comezaban a andar nel, senón que procedían de máis ao leste. Así, a maioría dos alemáns ou dos suízos ou dos armenios, por poñer exemplos, elixían este itinerario.

En Francia os camiñantes confluían en catro puntos principais, e dende aló avanzaban até os Pireneos. Tres deses camiños confluían antes de alcanzar tal cordilleira, e o outro subíaa por un lugar diferente. Como é lóxico supoñer, os primeiros eran os máis frecuentados. E ao final, os peregrinos acababan —e acaban— na localidade de Saint-Jean-Pied-de-Port, dende onde se ascende até un lugar emblemático: Roncesvales. Iso xa é España, comunidade autónoma de Navarra. En números redondos, a catro semanas camiñando de Santiago.
As primeiras etapas finalizan en Pamplona, e dende aló pásase por Logroño, Santo Domingo da Calzada e Burgos. Castela pura, territorio tan chan que o horizonte parece tan lonxe que semella imposible chegar a aquela igrexa ou pobo que se albisca no horizonte. Sahagún e León esperan, e alí comeza a cambiar a paisaxe. Sobre todo entre Astorga e Ponferrada, co alto de Foncebadón.

E o peregrino pisa Vilafranca do Bierzo e atópase cunha muralla auténtica, que haberá que acometer non sen certo traballo para alcanzar a primeira localidade galega. Outro lugar emblemático, porque se trata de O Cebreiro, coas súas pallozas de estrutura prerromana e a súa igrexa.

Dicir Galicia supón dicir sube e baixa constante. Porque despois de Liñares —ou sexa, un lugar onde houbo moito liño— espera un moi longo descenso até Triacastela —ou sexa, un lugar onde houbo tres castelos—. E o peregrino dubida: ou continúa pola dereita, o itinerario máis tradicional, pero sen grandes monumentos, ou vai pola esquerda, polo impresionante mosteiro de Samos.
En Sarria únense xa ambos ramais, e tras pasar Ponte Áspera o peregrino ascende por un excepcional bosque de especies autóctonas chamado Barbadelo, cunha igrexa de gran valor artístico.

E de aí a Portomarín, que ao ir quedando atrás irase subindo uns cantos quilómetros, ás terras emboscadas de Palas de Rei, para saír dun deses bosques e atoparse na provincia da Coruña, onde esperan dous pesos pesados. O primeiro, Leboreiro, onde existiu un hospital, coa súa igrexa e a súa sinxela ponte. O segundo é Melide, unha antiga praza amurallada, cun pequeno casco vello moi interesante e unha magnífica igrexa á saída posta baixo a advocación de Santa María —hai outras dúas igualmente relevantes entre rúas e casas — con pinturas murais de sobresaínte.

Boente, Castañeda e baixada para cruzar o río Iso. Na outra ribeira abre as súas portas o albergue de Ribadiso, construído na Idade Media e que pasa por ser o último en cerralas no século XX antes do renacer do Camiño. O peregrino enfróntase a unha subida longa e constante co fin de poder entrar en Arzúa, e pasada esta localidade busca O Pedrouzo e o seu impresionante bosque de eucaliptos. A subida dende Amenal leva a ir rodeando o aeroporto de Lavacolla. Só queda descender para pór os pés no Montxoi de onte, o Monte do Gozo de hoxe. Uns metros máis adiante unha ponte permite salvar a autopista e entrar en Santiago polo barrio de San Lázaro.

Queres xogar con Roi e gañar un premio pensado para ti? Preme neste enlace

Durante o Camiño

Portomarín

Portomarín é hoxe en día localidade famosa pola súa torta, polo seu augardente e pola festa que se organiza arredor del. Incluso existe unha Orde da Alquitara.

El Portus Marinii medieval, que queda á vista cando as augas do encoro están moi baixas, ten unha peculiaridade: non estaba onde está. É dicir, a poboación estendíase polas beiras do río Miño, pero a construción dese encoro fixo que no século XX se construíse unha nova vila no alto para albergar a aqueles cuxas casas ían desaparecer baixo as augas.

Mesmo se trasladou pedra por pedra a súa gran igrexa-fortaleza de San Nicolás ou de San Xoán (coñécese por ambos os dous nomes). Iso si, cambiouse a orientación, un erro de vulto.

O Monte do Gozo

O Monte do Gozo é unha elevación dende a que se divisan, por primeira vez, as torres da catedral de Santiago de Compostela. Noutros tempos, o primeiro peregrino dun grupo de camiñantes que vía a basílica compostelá era nomeado polos demais camiñantes o rei da peregrinación.

Xa no ano 1993, nesa zona construíuse un gran albergue de peregrinos, e dende o ano 2016 estanse remodelando tanto os edificios coma a contorno que os rodea, de tal xeito que hoxe en día ese gran parque incluso conta con grandes piscinas.

No seu límite álzase unha capela tan humilde como histórica: a de San Marcos.

Peregrinos históricos: Alicia de Arcumio

Alicia de Arcumio (o de Harcourt, que con ambas denominacións aparece na historia) era unha nobre francesa moi devota que no ano 1430 peregrinou a Santiago acompañada de frei Pedro, que era o seu capelán e director espiritual. Isto último —ir acompañada de alguén que orientara no aspecto relixioso— non era nada estraño naquela época, pero sempre no caso de persoas das capas altas da sociedade, non do pobo chan. Podería pensarse que Alicia de Arcumio foi unha peregrina máis que engadir á lista, pero non é así. Porque, unha vez en Santiago, decidiu non volver á súa terram senón que quedou nunha capela de Padrón vivindo coma una ermitá, afastada do mundo e dedicando o seu tempo á oración. Os estudosos debaten se ese lugar onde permaneceu era ou non Santiaguiño do Monte, unha elevación preto desa localidade coruñesa moi ligada á vida de Santiago, posto que a tradición di que o Apóstolo predicou alí.

Estes son os anteriores capítulos do Xogo de Roi:

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies